Mediastino
O mediastino é a zona central amplia que separa as dúas cavidades pleurais situadas lateralmente. Esténdese dende o esterno ata as vértebras e dende a apertura torácica superior ata o músculo diafragma.
O mediastino contén o timo, o pericardio, corazón, tráquea e as arterias e venas principais. O mediastino serve coma vía de paso a estruturas tales coma esófago, conduto torácico e diversos compoñentes do sistema nervioso cando atravesan o tórax de camiño ao abdome.
O mediastino divídese en mediastino superior e mediastino inferior, que queda dividido polo pericardio en anterior, posterior e medio. A área por diante do pericardio e por detrás do esterno, é o mediastino anterior.
Mediastino medio
O mediastino medio sitúase centralmente na cavidade torácica. Contén o pericardio, corazón e numerosos vasos sanguíneos.
Mediastino superior
O mediastino superior atópase por detrás do esterno e por diante da columna vertebral. O seu límite superior é un plano oblícuo que vai da escotadura xugular cara arriba e posterior ao bordo superior da primeira vértebra torácica. O límite inferior constitúeo un eixo transversal que vai dende o ángulo esternal ata o disco intervertebral entre a cuarta e quinta vértebra torácica. Lateralmente atópanse as dúas pleuras parietais.
O mediastino superior contén:
- Timo
- Venas braquiocefálicas dereita e esquerda.
- Vena intercostal superior esquerda.
- Vena cava superior
- Arco aórtico
- Tráquea
- Esófago
- Nervios frénicos esquerdo e dereito
- Nervio vago
- Póla larínxea recurrente esquerda do nervio vago esquerdo.
- Conduto torácico.
- Outros pequenos vasos, nervios e ganglios linfáticos.
Mediastino posterior
O mediastino posterior áchase por detrás do pericardio e ao músculo diafragma, e por diante da columna vertebral. O límite superior é un plano transversal que vai dende o ángulo esternal ata o disco intervertebral entre T4 e T5. O límite inferior é o músculo diafragma. Lateralmente áchanse as pleuras pulmonares.
O mediastino posterior contén:
- Esófago e plexos nerviosos esofáxicos.
- Aorta torácica e as súas pólas.
- Véna ácigos.
- Conduto torácico.
- Febras e ganglios nerviosos simpáticos.
- Nervios esplácnicos torácicos.
Bibliografía
- Netter, Atlas de anatomía humana.
- Gray, Anatomía para estudiantes (en castelán).