Saltar ao contido

Afroamericano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 10 de febreiro de 2023 ás 11:21 por Tulsi (conversa | contribucións) (Reverted 1 edit by 172.111.38.136 (talk) (TW))
Densidade de afroamericanos nos Estados Unidos no ano 2000

O termo afroamericano[1] designa os descendentes dos negros africanos levados á forza polos europeos a América para dedicalos ao traballo escravo. Moitos afroamericanos son tamén descendentes de europeos ou amerindios.

Estados Unidos

O termo orixinouse nos Estados Unidos para designar o grupo étnico descendente de individuos da África Negra levados de forma forzada para traballar como escravos nas plantacións dos estados do sur ou empregados no servizo doméstico a partir do século XVII e en especial no XVIII. O termo estenderíase pouco a pouco por todo o continente, e hoxe emprégase tamén para designar a calquera individuo americano descendente de africanos, con independencia da súa nacionalidade. Para designar os afroamericanos dos Estados Unidos emprégase tamén o termo "afroestadounidense". A principios do século XX, os movementos do nacionalismo negro estadounidenses chegaron a estender o concepto até que chegou a designar a calquera individuo non descendente de europeos brancos. Así Wallace Fard Muhammad, fundador de Nación do Islam, e figura importante no desenvolvemento do nacionalismo negro era descendente de polinesios.

Nos anos 60, coa superación dos postulados do nacionalismo racial, os movementos de esquerdas vinculados coa negritude desenvolveron o discurso de que a pertenza ao grupo era unha cuestión voluntaria e dependente da situación social, e non podía estar baseada en conceptos raciais. Así, grupos como os Panteras Negras tiveron militantes de orixe asiática, como Richard Aoki e mesmo branca, como James Cronwell. Esta perspectiva é asumida até hoxe pola corrente principal dos nacionalistas afroamericanos de todo o continente.

Segundo o censo de 2003 hai 37 100 000 afroamericanos, o que representa o 12,9% da poboación norteamericana. Aproximadamente un 55% vive nos estados do sur, aínda que é Nova York onde se atopa a maior concentración, con 2 000 000 de afroamericanos.

Resto de América

Ademais dos Estados Unidos, diversos países americanos teñen unha porcentaxe importante de individuos de orixe afroamericana. Pódense destacar os casos de Haití, Brasil, República Dominicana, Colombia etc. Hoxe en día constitúen un 10% da poboación do continente, sendo unha das minorías máis importantes e tamén das máis discriminadas.

  1. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2022-08-14.