Saltar ao contido

Xunta de Galicia de 1987

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 5 de febreiro de 2024 ás 16:59 por Erosstomee (conversa | contribucións) (Corrección dunha ligación)

Os resultados das eleccións de 1985 déronlle ao aliancista Fernández Albor a oportunidade de reeditar o seu goberno en minoría, mais agora co apoio dos once deputados de Coalición Galega, en vez do da UCD.

Este apoio dos da piña a Albor supuxo a confrontación interna entre os conservadores –que aprobaban manter a colaboración coa Coalición Popular– e a á progresista, liderada por González Mariñas, que vía con mellores ollos conformaren un goberno alternativo cos socialistas. Estes últimos acabarían por se escindir do grupo parlamentar, con cinco deputados dos once, para rematar por formaren o seu propio partido político: o Partido Nacionalista Galego (PNG-PG).

Por outra banda, as liortas entre Fernández Albor e o seu vicepresidente, Barreiro Rivas, que chegaron a supór a intervención do propio líder nacional do partido, acabaron coa saída de Barreiro Rivas tanto do goberno como do grupo parlamentar, acompañado por outros catro deputados, cos que formaría a Unión Democrática Galega, que terminaría por se unir aos coagas, sumando de novo once deputados no parlamento e deixando aos populares con vintenove deputados.

O cambio da aritmética parlamentaria posibilitou o Pacto dos Tilos entre González Laxe do PSdeG, Barreiro Rivas –agora líder de CG– e González Mariñas, líder do PNG-PG. Segundo dito pacto, e co apoio dos deus deputados do PSG-EG e a abstención do único deputado do BNG, os socialistas presentarían unha moción de censura para formaren un goberno alternativo ao de Fernández Albor.

Lograron, deste xeito, sacaren adiante a moción de censura, a primeira que trunfaba na aínda nova democracia española, e formaren un goberno tripartito que duraría até o final da lexislatura en 1990, cando non puideron revalidar a maioría parlamentar malia os grandes resultados dos socialistas, obténdoa o PP con Manuel Fraga de candidato e co apoio de CdG.

Para que o novo gabinete da Xunta funcionara con total normalidade constituíuse un órgano de dirección entre os tres partidos chamado Comisión de Coordinación Política, que estaría formada polos líderes dos tres partidos políticos que ían constituir o novo goberno.

Composición