Saltar ao contido

Liber chronicarum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Crónicas de Núremberg»)
A Cidade de Núremberg, xilografía do Liber Cronicarum coloreada a man, 1493.
Estampa con soles e queima de libros.
Músicos e parellas danzando.

As Crónicas de Núremberg (título en latín: Liber Chronicarum[1][2] -"Libro das crónicas"-, título en alemán: Die Schedelsche Weltchronik -"Crónica do mundo de Schedel"-) é un libro impreso en 1493, que foi editado en dúas versións: unha latina (impresa o 12 de xuño de 1493) e outra alemá (impresa o 23 de decembro de 1493 -ambas preparadas de maneira simultánea-), o que lle permitiu que se difundise amplamente por toda Europa. Narra a historia universal baseándose no relato da Biblia; é coñecido polos seus numerosos gravados de cidades da época e por conter o primeiro mapa de Alemaña impreso.

É un dos máis prezados incunables (do latín incunabulum -"berce" ou "comezo"-, nome que se dá aos primeiros libros saídos da recentemente creada imprenta -entre 1450 e 1500-). De aproximadamente 600 páxinas in-folio (formato de aproximadamente 44x67 cm), está moi ricamente ilustrado con 1804 xilografías (gravados mediante ferros de madeira). A edición está moi coidada e as súas xilografías son de gran valor artístico.

Os estudosos estiman que se fixeron entre 1.400 e 1.500 copias en latín e entre 700 e 1.000 en alemán. Un documento de 1509 rexistra que 539 das latinas e 60 das alemás quedaron sen vender para esa data. Aproximadamente 400 latinas e 300 alemás sobreviven no século XXI. Áchanse dispersas en museos e coleccións de todo o mundo (Academia de San Fernando de Madrid, Abadía do Sacromonte de Granada, Biblioteca Palafoxiana de Puebla -México-, Museo de Belas Artes de Boston, Biblioteca Nacional de Chile en Santiago, Área Cultural do Banco da República de Colombia -Cúcuta-, Biblioteca Central Pública Durango, etc.) En abril de 2011 o anticuario norteamericano Ken Sanders atopou casualmente na pequena localidade de Sandy (ao sur de Salt Lake, Utah) un exemplar da primeira edición en lingua alemá.

As Crónicas como texto literario é o resultado dunha compilación obra do médico Hartmann Schedel. Os gravados foron responsabilidade de Michael Wolgemuth[3] e Wilhelm Pleydenwurff.[4] O impresor e editor responsábel da publicación foi Anton Koberger,[5] financiado pola iniciativa de Sebald Schreyer e Sebastian Kammermaister. A tradución do Liber Chronicarum ao alemán foi realizada por Georg Alt,[6] que axudara a Schedel na compilación da versión latina inicial.

Os ilustradores Wolgemut e Pleydenwurff eran artistas de renome, e un dos seus aprendices era Albrecht Dürer, que en pouco tempo converteríase nun dos máis importantes gravadores e pintores de Europa. Con 645 ferros xilográficas obtiveron as 1.804 ilustracións, discrepancia causada polo feito de que varias das ferros se repiten no libro para ilustrar diferentes partes. As ilustracións combinan a técnica xilográfica, a impresión por tipo e o traballo manual para a iluminación das xilografías ou algunha parte manuscrita.

Deus creando o mundo.
Emblema da Trindade.
Parte da xenealoxía hebrea até a "Liña de Cristo".

Como era habitual naquela época, o libro non tiña unha portada con título. Os lectores da obra en latín utilizaban para referirse ao libro a expresión Liber Chronicarum ("o libro das crónicas") xa que esta frase aparece na introdución do índice da edición latina. En Alemaña denominábana Die Schedelsche Weltchronik ("A crónica do mundo de Schedel" ou "A historia universal de Schedel"), polo nome do seu autor. En inglés adóitase denominar The Nuremberg Chronicles ("As crónicas de Núremberg"), pola cidade onde foi publicado.

As Crónicas son unha historia ilustrada da humanidade, desde a súa creación até o ano 1490. Seguen unha tradición medieval que representaba á historia humana en seis idades;[7] as Crónicas de Núremberg engaden unha sétima -o Xuízo Final- tras deixar algunhas páxinas en branco ao final da sexta.

Narran a historia da Igrexa, a historia laica, a antigüidade clásica, e acontecementos medievais (sinálanse por exemplo os pasos dos cometas) e contemporáneos mesturados con mitos, lendas e fábulas. Retrata a personaxes importantes tales como reis, membros do clero (xa sexan pagáns, xudeus ou cristiáns), pensadores e filósofos.

As sete idades en que están divididas son:

  • Primeira idade: desde a Creación até o Diluvio universal.
  • Segunda idade: de Noé até o nacemento de Abraham.
  • Terceira idade: de Abraham ao reinado do Rei David.
  • Cuarta idade: de David até o desterro a Babilonia.
  • Quinta idade: de Babilonia ao nacemento de Cristo.
  • Sexta idade: do nacemento de Cristo até a época actual (ano 1490).
  • Sétima idade: vista do fin do mundo e do Xuízo Final.

Consideracións formais

[editar | editar a fonte]

Un aspecto interesante da obra reside en mostrarnos como evolucionou a arte de realizar libros nos inicios da imprenta.

  • Nos seus comezos, os incunábeis parecíanse moito aos manuscritos, dado que a impresión se aplicou ao que se sabía xa facer. Así, non existía unha primeira páxina co título, nin ningunha indicación do autor, nin sobre a data de impresión.
  • O deseño da páxina facíase deixando espazo para as eventuais ilustracións que podería solicitar o comprador. Este libro, p.e., exemplariza unha nova relación entre texto e imaxe, creándose esta para o texto e tendo xa o seu lugar cando a concepción (como o proba a maqueta manuscrita); o texto xa non se dispón en dúas columnas senón que viste aos gravados.[8]
  • Aínda que a obra ten 1804 ilustracións realizáronse só 652 ferros para a súa consecución, pois moitas delas foron reempregadas varias veces ao longo do libro; caso das ilustracións de cidades ou de retratos. A razón debíase sinxelamente a que na época a imaxe servía para distraer ao lector pero non se esixía que fose representativa. Así, no caso da ilustración de Venecia, nun decorado ficticio, recoñécese a lagoa ou "il campanile".
  • As crónicas de Núremberg foron un best-séller na época a pesar do seu elevado prezo, -3,5 floríns para unha versión non encadernada nin coloreada e 8 floríns para unha versión encadernada e coloreada,[9] aínda que o éxito non respondeu na súa aparición ao que se esperaba por mor de que se publicou tamén unha imitación moi ben realizada.[10] A pesar diso, reeditouse tres veces en dez anos e vendeuse por toda Europa. Estímase hoxe que a tirada foi de 1500 exemplares para a versión latina[11] e 1000 para a alemá.[12]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Minerva Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Universidade de Santiago de Compostela.
  2. García, David: «Los incunables del Museo Massó se adaptan a la era de Google. Las joyas bibliográficas del museo buenense podrán consultarse a través de internet» Faro de Vigo, 13/8/2015.
  3. Pintor e gravador, foi mestre de Durero en pintura, gravado sobre madeira e ao cobre. O seu taller, orixinalmente, só gravaba en madeira retablos e esculturas; rapidamente especializouse na ilustración de libros, empregando a debuxantes que transferían o deseño do artista ao bloque de madeira e entalladores que tallaban logo o ferro coa gubia. Stephan Füssel, "Chronicle of the World", Colonia 2001, páx. 17.
  4. Xenro de Wohlgemuth, foi tamén gravador e participou na ilustración das Crónicas.
  5. Antes de fundar a segunda imprenta de Alemaña en 1470 foi ourive; en 1489 posuía xa 34 imprentas onde traballaban ao redor de cen persoas; en 1500 producira uns 250 títulos. Padriño de Durero, pertencía ás familias acomodadas de Núremberg. Aínda que habitualmente iniciaba os seus propios proxectos no caso das Crónicas de Núremberg foi un traballo realizado baixo contrato.
  6. Foi tesoureiro da cidade de Núremberg
  7. Por mor da división da historia por San Agostiño en seis "Idades", en analoxía co seis días da Creación.
  8. Recolleito en “La Nef des Fous”
  9. O florín era unha moeda de ouro
  10. Johann Schönsperger, especializado en "reimpresións", publicou pouco tempo despois unha versión en alemán co mesmo texto e o mesmo número de imaxes aínda que a tamaño menor e con papel de inferior calidade
  11. As diferenzas entre versións, á parte das cosméticas como o tipo de letra empregado,son pequenas;a edición alemá levemente alixeirada elude repeticións ou certos pensamentos abstrusos, incluíndo ás veces ampliacións menores do texto latino
  12. A edición alemá ía dirixida á clase media alta, que non posuía unha educación universitaria; a versión latina orientábase máis aos mercados académicos e teolóxicos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Elisabeth Rücker: Hartmann Schedels Weltchronik, das größte Buchunternehmen der Dürerzeit. Verlag Prestel, München 1988. ISBN 3-7913-0876-9 (en alemán).
  • Stephan Füssel (Hrsg.): 500 Jahre Schedelsche Weltchronik. Carl, Nürnberg 1994. ISBN 3-418-00372-9 (en alemán).
  • Peter Zahn: Hartmann Schedels Weltchronik. Bilanz der jüngeren Forschung. In: Bibliotheksforum Bayern 24 (1996), 230-248 (en alemán).
  • Christoph Reske: Die Produktion der Schedelschen Weltchronik in Nürnberg. Harrassowitz, Wiesbaden 2000. ISBN 3-447-04296-6 (en alemán).
  • Stephan Füssel (introduc.): "Chronicle of the world 1493", ed Taschen, Colonia 2001 (en inglés).
  • Adrian Wilson: “The making of the Núremberg Chronicle”, Ámsterdam 1978 (2ª ed.) (en inglés).

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]