Fento do cabeliño
Fento do cabeliño | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Culcita macrocarpa' C.Presl (1836) |
O fento do cabeliño[1] (Culcita macrocarpa C.Presl 1836), é unha especie de fento pertencente á familia Culcitaceae presente na rexión macaronésica e no sur de Europa incluíndo Galiza. En portugués chámase feto-de-cabelinho ou feto-abrum.
Esta especie está incluída na lista de especies vermellas en perigo crítico de extinción e protexida pola Directiva Hábitat.[2].
Descrición
[editar | editar a fonte]Fento isospóreo perenne cun rizoma groso e rastreiro caracteristicamente cuberto de páleas piliformes de cor avermellada con función protectora. Estes rizomas poden chegar a medir máis dun metro de lonxitude e bifurcarse. Frondes que poden superar os 2 metros de longo con láminas bi a pentapinnadas con pinnas asaetadas de consistencia coriácea. O pecíolo adoita ter a mesma lonxitude cá lámina. Posúe soros reniformes marxinais no extremo das nerviacións protexidos por un indusio formado por dúas valvas, unha formada por un verdadeiro indusio e a outra formada por unha prolongación da propia lámina. Esporanxios piriformes con maduración basípeta e anel oblicuo, esporas triletas.
Hábitat
[editar | editar a fonte]Este fento medra en zonas de elevada humidade tanto de solo como da atmosfera e escasas oscilacións térmicas. O substrato ideal para o seu desenvolvemento é aquel moi rico en humus e situado en sombra continuamente. O hábitat máis favorábel logo para o seu desenvolvemento son os bosques riparios achegados á beiramar; condicións moi comúns en Galiza.
Distribución
[editar | editar a fonte]Esta especie paleomediterránea é un supervivente dos bosque tropicais propios da Era Terciaria europea. Hoxe como endemismo Ibero-Macaronésico ten as súas poboacións extremadamente ameazadas, e reducidas a uns poucos puntos relictos na Península Ibérica: Cornixa Cantábrica e zona norte de Galiza, serras de Alxeciras e do Porto e tres poboacións nas illas dos Azores, Madeira e Tenerife na Macaronesia.
En Galiza atopámola na Serra da Groba e nas Fragas do Eume entre outros sitios.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome común galego en MiniAtlas Xeobotánico de Galicia - http://www.vexetaciondegalicia.es/fento.php?id=culcita
- ↑ Na seguinte Web [1] Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. pódense ver fotografías deste fento e o mapa de distribución nacional.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Fento do cabeliño |