Saltar ao contido

Irea de Atenas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Irene»)
Modelo:BiografíaIrea de Atenas

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(el) Ειρήνη η Αθηναία Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 752 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Atenas, Grecia Editar o valor en Wikidata
Morte9 de agosto de 803 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata (50/51 anos)
Lesbos, Grecia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaIgreja dos Santos Apóstolos (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Emperatriz bizantina
797 – 31 de outubro de 802
← Constantino VINicéforo I →
Rexente Constantino VI
780 – 797
Emperatriz consorte
775 – 780
← Eudóxia (esposa de Constantino V) (pt) TraducirMaria de Âmnia (pt) Traducir → Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítica Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa7 de agosto Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloEmpress regnant (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastia isáurica (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeLeón IV (768–) Editar o valor en Wikidata
FillosConstantino VI Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih,
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
The Nuttall Encyclopædia >>>:Irene Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1467059 WikiTree: Sarantapechos-1 Find a Grave: 42759397 Editar o valor en Wikidata
Moeda bizantina dun nomisma ou sólido a nome de Irene, onde aparece como basilissa (emperatriz).

Irea[1] de Atenas ou Irene[1] de Atenas, nada cara ao 752 e finada o 9 de agosto de 803, foi emperatriz de Bizancio -aínda que preferiu titularse, en masculino, basileus ("emperador"), en lugar do correspondente feminino, basilissa ("emperatriz")-, que foi esposa de León IV e nai de Constantino VI, durante cuxa minoría de idade (780 - 790) asumiu a rexencia. En 792 foi asociada ao trono polo seu fillo, e máis tarde asumiu o poder en solitario entre 797 e 802.

Irene, nada en Atenas era, aínda que pobre, famosa pola súa beleza. Contraeu matrimonio co emperador León IV. Cando este morreu, o 8 de setembro de 780, Irene asumiu a rexencia en nome do seu fillo Constantino VI, que tiña só dez anos de idade. Durante os once anos seguintes, a emperatriz foi a única gobernante efectiva do Imperio

A súa decisión máis importante foi permitir a restauración do culto das imaxes, que fora prohibido por León III en 726. Irene sempre fora partidaria dos iconódulos, aínda que se viu obrigada a renunciar publicamente ás súas crenzas en vida do seu marido. Nomeou patriarca de Constantinopla a Tarasio, o seu antigo secretario, e convocou dous concilios. O primeiro comezou o 17 de agosto de 786 na igrexa dos Santos Apóstolos de Constantinopla, coa asistencia de delegados tanto do Papa Hadrián I como dos patriarcas de Alexandría, Antioquía e Xerusalén, pero debeu interromperse debido á oposición do exército. O segundo, celebrado en Nicea en setembro de 787, celebrouse con éxito e declarou herética a doutrina iconoclasta, aínda que se especificou que as iconas só podían ser obxecto de veneración, e non de adoración. O éxito do concilio, coñecido como II Concilio de Nicea, supuxo a reunificación coa Igrexa de Occidente.

En 790, Irene decretou que ela tería sempre prioridade no goberno fronte ao seu fillo Constantino, que xa era un adulto. Isto converteu ao seu fillo no principal foco de oposición contra o goberno de Irene, e tramouse unha conspiración para depoñer á emperatriz. Con todo, a conspiración foi desbaratada por Irene, quen castigou aos culpábeis, encarcerou a Constantino e obrigou ao exército a lle xurar fidelidade. Mentres que na parte europea do imperio, onde predominaban os iconódulos, conseguiuno sen problemas, os soldados de Asia Menor negáronse e comezaron unha revolta que culminou coa proclamación de Constantino VI como único emperador.

Con todo, tras unha serie de fracasos militares, Constantino decidiu devolver o poder á súa nai, quen foi confirmada como emperatriz. Ante isto, a facción iconoclasta tramou colocar no trono ao césar Nicéforo, un dos cinco irmáns do anterior emperador, León IV. A conspiración foi descuberta: Nicéforo foi cegado e aos outros catro tíos de Constantino, que tomaran parte nela, cortóuselles a lingua.

Poucos anos despois, a propia Irene tramou unha conspiración contra o seu fillo, en beneficio propio. En xuño de 797, o emperador foi apresado e o 15 de agosto dese mesmo ano foi cegado por orde da súa nai. Crese que morreu a consecuencia das feridas producidas, aínda que este extremo foi posto en dúbida hai pouco.

Tras acabar co seu fillo, Irene converteuse na primeira emperatriz na historia do Imperio Bizantino en ocupar o trono non como consorte ou rexente, senón por dereito propio.

No ano 800, ante a ausencia dun emperador home no trono de Constantinopla, e por razóns de propia conveniencia, o Papa León III coroou a Carlomagno como emperador de Occidente. En Constantinopla isto foi visto como un acto sacrílego. Con todo, no verán de 802, o novo emperador enviou embaixadores a Constantinopla propoñendo matrimonio á emperatriz Irene. Para Irene puido ser a oportunidade de consolidar a súa inestábel posición no trono de Constantinopla. Segundo o cronista Teófanes, único que refire a historia desta negociación matrimonial, os plans de voda foron frustrados por un dos favoritos da emperatriz.

O 31 de outubro de 802, unha conspiración depuxo a Irene e colocou no trono a Nicéforo I, que fora o seu ministro de finanzas. A emperatriz foi desterrada á illa de Lesbos, onde morreu un ano máis tarde.

Pola súa decisión de restaurar o culto das imaxes é considerada santa pola Igrexa Ortodoxa.

  • Norwich, John Julius: Breve historia de Bizancio. Editorial Cátedra, 2000. ISBN 84-376-1819-3.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Imperio Bizantino

Segue a:
Constantino VI
Irea de Atenas
Precede a:
Nicéforo I
Dinastía Isáurica
  1. 1,0 1,1 "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-21.