Ovo frixido
Ovo frixido | |
Tempo | Almorzo |
Ingredientes | |
Orixe animal | Ovo Manteiga Unto |
Orixe vexetal | Aceite de cociña |
Condimentos | Sal común Pementa |
Un ovo frixido ou ovo estrelado[1] é un ovo (normalmente de galiña) que se cociña, sen a casca e sen bater, en aceite quente até que calla a clara. Tamén recibe as denominacións de ovo frito ou ovo fritido.
Faise nunha tixola (tamén pode facerse nunha prancha) cun pouco de graxa (pode ser manteiga, margarina, aceite ou outra), até derreter (normalmente en Galicia hoxe faise con aceite de oliva). Estálase a casca do ovo, de xeito que o interior do ovo caia dentro da tixola e déixase frixir de modo a que a xema permaneza líquida.[2] A accción de frixir o ovo chámase estrelar ovos[3].
Forma parte dos almorzos de moitas nacións anglosaxoas, onde adoita facerse sobre graxa animal (como se adoitaba facer en Galicia), e é parte integrante do tradicional almorzo inglés xunto co entreteto (touciño entrefebrado ou bacon en inglés), prato coñecido como ovos con touciño. Hoxe en día, como ocorre tamén en Galicia, poucos inglese almorzan así, sendo o común os cereais e torradas de pan.
O ovo estrelado ideal é aquel no que a xema fica líquida e os bordos da clara (puntilla) callan e comeza a se torrar e resultan crocantes.
Historia
[editar | editar a fonte]O consumo de ovos frixidos está documentado dende hai séculos. Un cadro de Velázquez de 1618 xa amosaba unha muller a frixir ovos. Moitos séculos antes, Averroes dicía no seu Kitab al-kulliyat fi l-tibb (Libro das xeneralidades da medicina) que os ovos estrelados «cando se frixen en aceite de oliva son moi bos, xa que as cousas que se aduban con aceite son moi nutritivas; mais o aceite debe ser novo, con pouca acidez e de olivas[4].
O ovo frixido en Galicia
[editar | editar a fonte]O ovo estrelado tómase acotío en Galicia tanto en almorzos, como en xantares e ceas. O almorzo galego podía ser simplemente unha cunca de leite fresco con pan trigo; pero as máis das veces, como ocorría en Gran Bretaña, almorzábanse alimentos salgados como caldo, touciño, chourizo ou ovos.
O ovo como alimento aparecen en multitude de escritos do Rexurdimento do galego, cocidos, escaldados, batidos, fiados, revoltos (1812) etc.. e tamén frixidos ou estrelados.
Farruco Portela Pérez fala xa en 1882 na súa obra Coleución de poesías gallegas d'algúns autores: ...que vai sendo noite , e habremos de tomar algunha cousa; Ven direita á taberna da Rebousa, e alí máis a pracer, máis sosegados tomaremos ...uns ovos estrellados ; Pero mira , Mingucha....
Xosé Pérez Ballesteros tamén nomea en 1886 no seu Cancionero Popular Gallego o costume de frixir ovos en : ...Pola mar abaixo vai unha sartén, vai fritindo os ovos qu'han de saber ben....
Tamén en 1886 n' O Galiciano aparece: ...Irmáns custión partixas tres ovos fritos , arman pelotera maiúscola..
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Denominacións e definición en galego en Dicionario de alimentación e restauración VV. AA. (2012), Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
- ↑ "Bird's Nest". BigOven. Consultado o 2012.06.17.
- ↑ Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
- ↑ El enigma Averroes, Tres Cantos (Madrid): Nivola, 2007, páx. 62.