Cosso
Cosso (ou Cosus; Cossue ou Cosei en dativo)[1] é un deus guerreiro dos galaicos, que gozou dunha gran popularidade entre os galaicos lucenses. Foi un dos deuses máis venerados na antiga Gallaecia. Varios autores sinalan a que Cosso e Bandua sexan o mesmo deus, non obstante estarían baixo diferente denominación.
Etimoloxía
Blanca María Prósper relaciona a verba Cosso cora raíz *Kom-dH-to, que quere dicir "unión de ríos", onde se produciu unha evolución mdt > ns > ss / s. Segundo isto, Cosso concordaría perfectamente co britónico Condatis, coñecido por varias inscricións aparecidas no Reino Unido e unha atopada en Sarthe (Francia).[2]
Condatis asimílase tamén coa divinidade corresponente romana (cif: CONDATI MARTI. Barnard Castle-Yorkshire) e, coma no caso de Cosso, o seu nome significa "Deus da unión". Esta asociación, máis o feito de que se traten de deuses guerreiros asimilados a Marte, conecta as culturas galaicas e ástur co mundo galo e britónico.
Culto
Cosso sería un equivalente galaico lucense do deus Bandua ou do Mart romano. Trataríase dunha deidade que encaixaría co xeito de vida das tribos galaicas que, segundo Estrabón (3-3.7), estaban continuamente en pé de guerra antes da chegada dos romanos. Cando Estrabón fala dos habitantes montañeses do norte di que "sacrifican a Ares cabritos, bois e cabalos".[3] O xeógrafo opina que un deus coas funcións do Ares grego, deus da guerra, era o deus principal do panteón dos pobos do norte.
Tradicionalmente, houbo a convicción de que este deus supremo dos galaicos sería o que aparece mencionado nas inscricións co radical COS- ou CUS-.
Notas
- ↑ Los dioses de la Hispania céltica
- ↑ Prósper, Blanca María (2002). Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica. Estudios Filológicos (en castelán). Salamanca: Ed. Universidad de Salamanca. pp. 250–252. ISBN 9788478008186.
- ↑ Estrabón (1867). "Libro III". Géographie (en francés). París: L. Hachette et Co. p. 253.
Véxase tamén
Bibliografía
- Blázquez, J.M: Primitivas religiones ibéricas, vol. II - Religiones prerromanas, 1984 ISBN 9788470573330
- Prósper, Blanca Mª.: Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica, Ed. Universidad de Salamanca, Salamanca 2002. ISBN 9788478008186