Saltar ao contido

Cosso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 2 de decembro de 2019 ás 08:51 por Castelao (conversa | contribucións) (*divinidade -> divindade)
Ara a Coso DaviniagoCOSOV/ DAVINI/AGO/ Q V C / EX VOTO A Coso Udaviniago. Q(?), V (?) C (?) cumpriu o seu voto. Procedencia: Antiga igrexa parroquial de San Martiño de Meirás, Sada, A Coruña.

Cosso (ou Cosus; Cossue ou Cosei en dativo)[1] é un deus guerreiro dos galaicos, que gozou dunha gran popularidade entre os galaicos lucenses. Foi un dos deuses máis venerados na antiga Gallaecia. Varios autores sinalan a que Cosso e Bandua sexan o mesmo deus, non obstante estarían baixo diferente denominación.

Etimoloxía

Blanca María Prósper relaciona a verba Cosso cora raíz *Kom-dH-to, que quere dicir "unión de ríos", onde se produciu unha evolución mdt > ns > ss / s. Segundo isto, Cosso concordaría perfectamente co britónico Condatis, coñecido por varias inscricións aparecidas no Reino Unido e unha atopada en Sarthe (Francia).[2]

Condatis asimílase tamén coa divindade corresponente romana (cif: CONDATI MARTI. Barnard Castle-Yorkshire) e, coma no caso de Cosso, o seu nome significa "Deus da unión". Esta asociación, máis o feito de que se traten de deuses guerreiros asimilados a Marte, conecta as culturas galaicas e ástur co mundo galo e britónico.

Epigrafía

Esta deidade indíxena foi estudada polo historiador portugués Armando Coelho Ferreira da Silva a través das inscricións co radical COS-.[3] Segundo o investigador portugués, as inscricións demostran a gran presenza deste deus na zona, xa que existen sete testemuños fiables, ademais de dous dubidosos.[1] Un exemplo confirmado é a inscrición de Brandomil (A Coruña) consagrada a "COSO M(ARTI)", unha clara asimilación de deidades. Esta asimiliación fai pensar a Ferreira da Silva que Cosso sería un deus supremo da guerra e non unha deidade que tivese de compartir a súa atribución con outras personaxes.[4]

Culto

Cosso sería un equivalente galaico lucense do deus Bandua ou do Mart romano. Trataríase dunha deidade que encaixaría co xeito de vida das tribos galaicas que, segundo Estrabón (3-3.7), estaban continuamente en pé de guerra antes da chegada dos romanos. Cando Estrabón fala dos habitantes montañeses do norte di que "sacrifican a Ares cabritos, bois e cabalos".[5] O xeógrafo opina que un deus coas funcións do Ares grego, deus da guerra, era o deus principal do panteón dos pobos do norte.

Tradicionalmente, houbo a convicción de que este deus supremo dos galaicos sería o que aparece mencionado nas inscricións co radical COS- ou CUS-.

Notas

  1. 1,0 1,1 Olivares Pedreño, Juan Carlos (2002). Los dioses de la Hispania céltica. Bibliotheca Archaeologica Hispana 15. Alacant: Real Academia de la Historia. pp. 67–84. ISBN 84-95983-00-1. 
  2. Prósper, Blanca María (2002). Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica. Estudios Filológicos (en castelán). Salamanca: Ed. Universidad de Salamanca. pp. 250–252. ISBN 9788478008186. 
  3. Armando, Coelho Ferreira da Silva (1986). A cultura castreja no noroeste de Portugal (en portugués). Museu Arqueológico da Citânia de Sanfins. pp. 286–300. 
  4. Blázquez, José María (1998). "Los cultos sincréticos y su propagación por las ciudades hispanorromanas". Actas del Congreso Internacional de Lugo (Lugo: Deputación Provincial de Lugo). Vol. 1: 249–274. 
  5. Estrabón (1867). "Libro III". Géographie (en francés). París: L. Hachette et Co. p. 253. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Blázquez, J.M: Primitivas religiones ibéricas, vol. II - Religiones prerromanas, 1984 ISBN 9788470573330
  • Prósper, Blanca Mª.: Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica, Ed. Universidad de Salamanca, Salamanca 2002. ISBN 9788478008186

Ligazóns externas