Oxford University Press
Oxford University Press | |
---|---|
Acrónimo | OUP |
Tipo | editora universitária, editora de livros, organización, editorial e editor de acceso aberto |
Data de fundación | 1586 |
Nomeado en referencia a | Universidade de Oxford |
Organización matriz | Universidade de Oxford |
Organización subsidiaria | Oxford University Press Argentina SA, Oxford University Press Australia and New Zealand, Oxford University Press do Brasil, Oxford University Press Canada, Oxford University Press Czech Republic, Oxford University Press France, Oxford University Press Ghana, Oxford University Press Greece, Oxford University Press China Ltd, Oxford University Press Hungary, Oxford University Press India, Oxford University Press East Africa Ltd, Oxford University Press Pakistan, Oxford University Press Poland, Oxford University Press Thailand, Oxford University Press Turkey, Oxford University Press USA, Oxford University Press Southern Africa e Fajar Bakti |
Sede | Oxford |
País | Reino Unido |
Na rede | |
https://corp.oup.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Oxford University Press (OUP; en galego: "Imprenta da Universidade de Oxford") é unha coñecida empresa editoral universitaria do Reino Unido. É a editora universitaria máis importante do mundo; figura entre os vinte e cinco primeiros grupos editoriais internacionais e é a segunda editora independente máis antiga en activo, despois de Cambridge University Press[1].
Trátase dun departamento da Universidade de Oxford, dirixido por un grupo de quince investigadores graduados de Oxford nomeados polo reitor da universidade, que constitúen o consello de administración, coordinados por un director executivo, que é o máximo representante da entidade.[2]
As súas publicacións están dispoñibles baixo dúas denominacións: "Oxford University Press", para a maior parte do catálogo, e "Clarendon", para determinadas obras de prestixio.
Esta editora publica varias obras de referencia, entre elas o Oxford English Dictionary, o Oxford Dictionary of English Etymology, o Oxford Advanced Learner's Dictionary, o Concise Oxford Dictionary, os Oxford Worl'd Classics e o Dictionary of National Biography.
Historia
Inicios
A primeira imprenta que abriu en Oxford establecérona en 1478 o impresor xermano de incunables Theodoric Rood e o libreiro inglés Thomas Hunt.[3][4]. O primeiro libro publicado nela foi a Expositio en symbolum apostolorum, de Rufino de Aquileia. Tras unha quebra en 1486, en 1518 abriu unha nova imprenta para competir coa de Cambridge, xa que esta última adquirira, a través dunha carta real, o dereito de imprimir os textos destinados á universidade. Con todo, non foi ata 1583 cando a de Cambridge comezou realmente a imprimir estes traballos, seguida pola de Oxford en 1586, da man de Joseph Barnes, actividade que continuou ininterrompidamente ata hoxe.
Século XVII: William Laud e John Fell
Cara a 1630, o arcebispo de Canterbury, William Laud, empeñouse en reorganizar a OUP para lle dar un verdadeiro status de empresa editorial, polo que lle pediu ao rei Carlos I as axudas públicas necesarias para poder competir cos libreiros e impresores aos que o rei lles concedera privilexios de edición. A raíz disto, en 1634 pasou a ser considerada como unha das dúas privileged presses, xunto con Cambridge University Press. Foi tamén o arcebispo Laud quen a dotou dun consello de administración e un supervisor do control de calidade, das compras e da carta tipográfica. En 1645, durante a Primeira Revolución inglesa, despois de intentar reformar a Igrexa, Laud foi executado por orde do Parlamento, sen ter conseguido a clemencia real, pero máis tarde Oxford mantívose como bastión realista fronte ao republicano Cromwell. Non foi ata 1660 coa restauración da monarquía, cando a OUP retomou realmente as súas publicacións.
O primeiro director executivo da entidade (Secretary to the Delegates: "Secretario para os Delegados") foi John Fell (1625-1686), quen consideraba a William Laud como un mártir e determinou continuar a súa obra. Solicitoulle a Carlos I os dereitos que permitirían a Oxford competir coa Stationers' Company de Londres e coa Imprenta do Rei; introduciu unha nova prensa, importou algunhas fontes dos Países Baixos e encargou a tipógrafos dese país o deseño de fontes específicas. En 1675, comezouse coa produción dun almanaque en gran formato (Oxford Almanack), que non deixou de aparecer ata a actualidade. O catálogo ampliábase constantemente e chegou nese período a máis de 100 títulos. Fell introduciu a Oxford University Press no círculo das grandes casas editoriais do Reino Unido, particularmente cando se lle concedeu o dereito de editar a "Biblia do Rei Xacobe", unha Biblia en inglés dirixida pola Igrexa de Inglaterra, por orde do rei Xacobe I de Inglaterra. Este privilexio permitiu á institución diversificarse máis alá das edicións de carácter pedagóxico e universitario.
Século XVIII: o edificio Clarendon e Blackstone
O traballo de Fell continuouno o filósofo Henry Aldrich, baixo cuxa dirección, en 1713, a OUP se trasladou a un novo edificio construído por Nicholas Hawksmoor, bautizado como The Clarendon Building na honra de Edward Hyde (primeiro Conde de Clarendon), que fora reitor da universidade. O edificio albergou a institución ata 1830.
Da mesma maneira que a primeira metade do século está marcada por unha expansión do comercio do libro, a OUP non produce obras salientables, coa excepción dunha edición completa das obras de Shakespeare da man de Thomas Hanmer, en seis volumes.
Sumida en problemas financeiros, a entidade conseguiu revivir grazas a un dos seus delegados, William Blackstone, quen en 1757, aproveitando un cambio no reitorado da universidade, levou a cabo unha auditoría da OUP que o novo reitor ignorou totalmente. Como consecuencia diso, en 1760 Blackstone obrigou xudicialmente a universidade a iniciar as reformas necesarias. Con base no Estatuto da Raíña Ana (Statute of Anne) de 1709, que establecía os dereitos de autoría sobre as publicacións para a empresa editora e para o autor, Blackstone permitiulle á OUP o ingreso dunhas rendas moi substanciais.
Xa en 1776, a Guerra de Independencia dos EEUU privou a Oxford University Press de recursos importantes relacionados co comercio en biblias coas colonias, que foran exportadas para o Novo Mundo durante case dous séculos. Pola contra, o catálogo creceu nesta época coas publicacións de moitos investigadores da universidade, mais tamén con traballos de orixe continental, tales como os de Immanuel Bekker ou Karl Wilhelm Dindorf. O volume de negocio era tal que o edificio Clarendon se viu pequeno, o que obrigou a abrir novos locais nas súas inmediacións.
Século XIX: Price e Cannan
Durante o primeiro terzo do século XIX parecía reinar a atonía na institución: o fondo medraba moi lentamente, seguíanse a editar biblias e publicábanse obras de autores clásicos a razón de cinco ou seis títulos por ano. A chegada de prensa mecanizada a Inglaterra en 1840 non logrou mellorar a situación.[5]
En 1837, a chegada de Thomas Combe como máximo responsable da institución cambiou radicalmente as cousas: aínda que non logrou impor o papel da China (que máis tarde foi unha das marcas da fábrica da casa), si que conseguiu garantir a subministración de papel a longo prazo, e abriu a editorial ás creacións do movemento prerafaelista de artistas como William Holman Hunt[6]. O título máis salientable desta época foi Alice's Adventures in Wonderland, ("Alicia no País das marabillas", impreso por OUP aínda que como unha iniciativa sufragada polo seu propio autor, o matemático Charles Lutwidge Dodgson, que se fixo chamar Lewis Carroll. Outro matemático, Bartholomew Price, que entrou na editora en 1866 como novo superintendente, asinou un acordo de difusión co editor Alexander MacMillan, que lle deu á Oxford University Press unha notable visibilidade. A raíz deste acordo lanzouse ese mesmo ano The Clarendon Press, unha colección de clásicos a prezo baixo que acentuou a popularidade da editora. E un novo impulso foi o producido en 1875, cando se publicaron as obras de Max Müller baseadas no estudo das relixións orientais, o que supuxo inmediatamente un grande éxito.[7]
En 1880 chegou á súa fin o acordo con Macmillan e non se renovou. Non obstante, nesa década, un novo director, chamado Henry Frowde, lanzou a marca Oxford University Press nos Estados Unidos, para o que abriu unha oficina en Nova York en 1896. O catálogo alcanzou unha dimensión descoñecida ata a data, con títulos relevantes como, por exemplo, a grande obra do físico James Maxwell, A Treatise on Electricity & Magnetism ("Un Tratado sobre a Electricidade e o Magnetismo"), de 1873, que tivo moita influencia sobre Einstein e toda a física europea. Especialmente en 1879, tomouse a decisión de iniciar o proxecto dun novo dicionario da lingua inglesa, un libro de referencia para todos os falantes desa lingua.
- Oxford English Dictionary ("Dicionario Oxford de Inglés")
Coñecido como New English Dictionary ("Novo Dicionario de Inglés"), este proxecto converteuse de camiño nun verdadeiro problema nacional, mesmo con connotacións nacionalistas, do mesmo xeito que os dicionarios de francés aparecidos algúns anos antes baixo o Segundo Imperio. A súa elaboración encomendóuselle ao lexicógrafo James Murray e a primeira edición apareceu en 1884.
Séculos XX e XXI: expansión e internacionalización
Os dous derradeiros responsables da empresa no século XIX e nos albores do século XX, Cannan e Frawde, lanzáronse á economía de escala: en 1906, absorbeuse a editorial World's Classics, coa súa colección composta por libros pequenos de grandes autores, e no mesmo ano negociouse unha asociación con Hodder & Stoughton, especializada en temas xuvenís e medicina.
A parte máis importante do desenvolvemento actual de OUP débeselle sen ningunha dúbida ao establecemento das súas representacións no exterior, froito da política expansionista que comezara xa en 1906 e mantida ata hoxe na maioría dos países. Este mesmo ano estableceuse unha oficina exclusiva na India.
O conflito mundial dos anos 1914 a 1918 afectou notablemente a actividade da editora, ata o punto de que os resultados dos anos 1917 e 1918 foron particularmente desastrosos. Con todo, en 1920 abríronse tres novas oficinas no Reino Unido e outras filiais en Leipzig, Toronto, Melbourne, Cidade do Cabo, Bombai, Calcuta, Madrid e Shanghai. Coa crise de 1929, a India pasa a ser a principal fonte de beneficios e nos anos 1928 e 1936, a rama norteamericana da OUP, con base na cidade de Nova York, converteuse na primeira editoria universitaria do país americano.
No transcurso da segunda guerra mundial, en 1941, OUP imprimiu un manual de criptoloxía para as comunicacións navais dos aliados. En 1951, o Oxford Atlas convértese no principal produto da editora, que se dota dun grande departamento cartográfico.
Xa nos inicios do novo século, en 2000, a empresa lanzou o servizo Oxford English Dictionary en liña, que permite a consultar do tesaurus lexicográfico directamente en Internet. En 2004 produciuse o lanzamento do Oxford Dictionary of National Biography, en sesenta volumes e dispoñible tamén en versión en liña.
Na actualidade, Oxford University Press, presente en máis de cincuenta países, é a editora universitaria máis importante do mundo.
Notas
- ↑ Balter, Michael. "400 Years Later, Oxford Press Thrives Arquivado 24 de setembro de 2011 en Wayback Machine.". En The New York Times. 16 de febreiro de 1994. (En inglés)
- ↑ Carter, Harry. A History of the Oxford University Press. Oxford, 1975. Páxina 137. (En inglés)
- ↑ Existe unha polémica entre os "oxfordianos" e os "cambridgenses", xa que a OUP éstá considera como a primeira en imprimir obras de tipo académico, mentres que a Cambridge University Press foi a primeira en estar oficialmente homologada como "editora".
- ↑ "Royaume-Uni" (Julian Roberts) en Dictionnaire encyclopédique du Livre, Cercle de la Librairie, 2003. Páxinas 624 e 625. (En francés)
- ↑ Sutcliffe, Peter. The Oxford University Press: an informal history. Oxford, 1975. Páxinas 1, 2, 12. (En inglés)
- ↑ Maas, Jeremy. Holman Hunt and the Light of the World. Scolar Press, 1974. (En inglés)
- ↑ En particular a serie Sacred Books of the East.
Véxase tamén
Bibliografía
- Barker, Nicolas. The Oxford University Press and the Spread of Learning. Oxford, 1978. (En inglés)
- Carter, Henry. A History of the Oxford University Press. Oxford, 1975. (En inglés)
- Hinnells, Duncan. An Extraordinary Performance: hubert Foss and the Early Years of Music Publishing at the Oxford University Press. Oxford University Press. Oxford, 1998. [ISBN 978-0-19-323200-6] (En inglés)
- Rimi B. Chatterjee. Empires of the Mind: a History of the Oxford University Press in India During the Raj. Oxford University Press. Nova delhi, 2006. [ISBN 978-0-19-567474-3] (En inglés)
- Sutcliffe, Peter. The Oxford University Press: an informal history. Oxford, 1975. (En inglés)
Ligazóns externas
- Sitio web de Oxford University Press. (En inglés)
- Museo da Oxford University Press. (En inglés)