A Bela e a Besta
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
A Bela e a Besta | |
---|---|
Ilustración de Walter Crane. | |
Título orixinal | La Belle et la Bête |
Autor/a | Gabrielle-Suzanne de Villeneuve |
Orixe | Francia |
Xénero(s) | Conto de fadas, Fantasía, Romance |
Data de pub. | 1740 , 1984 |
ISBN | 9781609775216 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Bela e a Besta[1] (La Belle et la Bête en francés) é un conto de fadas tradicional francés. Narración da que hai múltiples variantes, a súa orixe podería ser unha historia de Apuleio, incluída no seu libro O asno de ouro (tamén coñecido como As metamorfoses), titulada «Cupido e Psique». A primeira versión publicada foi obra da escritora francesa Gabrielle-Suzanne Barbot de Villeneuve, en 1740, aínda que outras fontes atribúen a Gianfrancesco Straparola a recreación da historia orixinal, en 1550. A versión escrita máis coñecida foi unha revisión moi abreviada da obra orixinal de Villeneuve, publicada en 1756 por Jeanne-Marie Leprince de Beaumont. A primeira tradución fíxose ao inglés, en 1757.[2] Existen moitas variantes da historia en toda Europa.[3] A versión de Beaumont é a que goza de maior fama, sendo esta a base de case todas as versións ou adaptacións posteriores.
Enredo
[editar | editar a fonte]Versión de Beaumont
[editar | editar a fonte]Un rico mercador viúvo que tiña tres fillas e mais tres fillos. Dous das fillas eran fachendosas e vaidosas, e a máis nova, á que pola súa beleza chamaron Bela, era, porén, humilde e bondadosa. Todas tiñan sempre pretendentes prontos a casaren con elas. Pero mentres as dúas irmás máis vellas rexeitaban despectivamente todos os candidatos, xa que arelaban casar cun nobre, Bela recibíaos e conversaba con eles, aínda que os rexeitase cortesmente. Un golpe de má fortuna fixo que o mercador perdese todas as súas riquezas, polo que todos os pretendentes desapareceron, xa que o diñeiro era o único motivo para casaren con semellantes mulleres. Bela, con todo, seguiu recibindo proposicións, mais seguiunas rexeitando. Certo día, chegou a nova de que un dos barcos do mercador chegara a porto con mercadorías. As súas dúas fillas máis vellas pedíronlle que lles trouxese xoias, alfaias e vestidos, pero Bela díxolle que cunha simple rosa xa sería feliz.
Regresando do porto, o mercador pérdese nas fragas e atopa refuxio nun lúgubre castelo que se atopaba preto. Neste come e descansa, e ao outro día, xusto despois de coller unha rosa do fermoso xardín, unha horríbel besta sorpréndeo e obrígao a lle pedir perdón.
O mercador prega por poder ver as súas fillas unha última vez, ao que a besta responde que pode marcharse para velas unha vez máis, pero en troco, terá que traer unha delas para que ocupe o seu lugar. O mercador volve ao seu fogar e explícalle o acontecido ás súas fillas, tras o cal Bela se ofrece para ocupar o lugar de seu pai, para xúbilo das súas irmás e desesperación do seu ancián proxenitor. Bela lémbralle ao seu pai que as promesas se dan para cumprirse, e que se ela non demandase unha rosa, nada sucedería.
Con todo, unha vez alí, a Besta concedeulle a liberdade a seu pai ordenándolle non volver xamais. E xentilmente, levou a Bela a uns ricos apousentos, para morar toda a súa vida no castelo. Ao cabo dun tempo, cada noite a Besta visitaba a Bela e pedíalle que casase con ela, mais Bela respostáballe que soamente lle concedería a súa amizade. Pasaron tres meses agradábeis no castelo, onde a Besta enchía de atencións a Bela, e ela correspondíalle con acenos de amizade. Certo día, Bela viu no seu espello máxico que seu ancián pai estaba moi doente, e pregou á Besta que lle permitise velo unha última vez, ao cal a Besta aceptou, coa condición de que Bela volvese en oito días. Ela prometeulle agradecida e partiu cara ao seu lar. Unha vez alí, as súas irmás, tristemente casadas con persoas de baixo nivel, inventaron unha trampullada para que Bela estivese na súa casa máis de oito días. Ao se decatar de que rompera a súa promesa, a rapariga partiu cara ao castelo e atopa a Besta nun prado, agonizando, pola tristeza que lle causou a distancia de Bela. Esta axeónllase perante a Besta, que exhala xa as súas últimas horas da súa vida e, entre bágoas, suplícalle que non morra, xa que o ama e quere ser a súa dona. Ao escoitar estas palabras, a Besta transfórmase maxicamente nun belo príncipe, que por mor da maldición dunha meiga, fora transformado en besta para que ningunha muller quixese casar con el.
A Bela e o príncipe casaron e viviron felices no castelo, xunto a seu pai, mentres que as irmás foron transformadas en estatuas, pero sen perder a consciencia, para que fosen testemuñas da felicidade da súa irmá.
Versión de Villeneuve
[editar | editar a fonte]A versión orixinal de Villeneuve é moito máis extensa que a de Beaumont. En case 200 páxinas, Villeneuve explica moitos detalles que Beaumont omite. Principalmente, todo o contexto familiar, tanto de Bela coma do Príncipe. Bela é a filla do rei das Illas Felices, e súa nai é unha fada boa que se fixo pasar por humana e casou co Rei. Unha fada malvada descobre a fada boa e logo pretende casar co Rei, para o que planea matar a Bela, mais a súa titía (fada), descobre os malvados plans e ocúltaa, facéndoa pasar por un dos doce fillos dun rico comerciante.[4] Pola súa banda, o príncipe perdeu a seu pai sendo moi novo, e a súa nai, ocupada en guerras para defender o seu reino, púxoo ao coidado dunha fada (a fada malvada). Unha vez que o príncipe é adulto, a fada trata de seducilo, pero ao rexeitala este, convérteo en Besta.
Case a metade da historia de Villeneuve céntrase nas guerras entre fadas e reis, e dedica longas páxinas á historia das familias de Bela e o príncipe. Tamén compón unha visión do castelo moito máis escura e máxica que a tradicional.[4]
Beaumont omitiu todo este fondo familiar e tráxico, desvencellándose do sentido que Villeneuve lle quixo dar á súa historia: unha aceda crítica á sociedade na que as mulleres eran obrigadas a casar por conveniencia, sendo algúns daqueles homes peores que a súa Besta. Eliminando todos os personaxes secundarios, Beaumont adaptou, ou readaptou a historia baixo os simples arquetipos do conto de fadas, seguindo os mesmos esquemas que outras variantes anteriores da mesma.[4]
Esta versión de Beaumont é a que se considera tradicional, e foi a máis estendida e coñecida. Todas as interpretacións, adaptacións e versións posteriores baseáronse na versión de Beaumont, e non no orixinal de Villeneuve.
Adaptacións
[editar | editar a fonte]Dende a súa publicación en 1756, a historia foi revisada numerosas veces. En 1756 a condesa de Genlis produciu unha obra de teatro baseada no conto. En 1786, a versión de Villeneuve volveu publicarse en Le Cabinet des Fées et autres contes merveilleux.
Durante o século XIX houbo unha proliferación de revisións en Francia, Inglaterra e os Estados Unidos. Ilustráronse até 68 edicións diferentes impresas durante ese século. Algunhas das máis notábeis foron un poema de Charles Lamb, publicado en 1811, unha ópera en dous actos de J. R. Planchée, en 1841, e en 1875, un libro de ilustracións de Walter Crane, e unha edición ilustrada da novela, por Eleanor Vere Boyle.
Cinema
[editar | editar a fonte]- En 1945 o director de cine francés Jean Cocteau realizou a primeira versión cinematográfica da historia: La Belle et la Bête, con Jean Marais como a Besta e Jossete Day como Bela.
- En 1952 rodouse unha adaptación animada na Unión Soviética mediante a técnica do rotoscopio, baseada nunha versión de Sergei Aksakov: A Flor Escarlata.
- En 1978, o cinema checoslovaco presentou Panna a Netvor (A Bela e a Besta), de Juraj Herz. A produción, moi ben coidada, reproduce o clima de principios do século XIX.
- En 1991, estréase a primeira adaptación musical, de Disney: Beauty and the Beast, con guión de Linda Woolverton, música de Alan Menken e cancións de Howard Ashman. Gañou o Óscar á mellor canción orixinal e á mellor banda sonora. É o primeiro filme animado da historia nomeado ao Óscar ao mellor filme. Como na versión de 1946, Bela recibe o nome de Belle na versión orixinal inglesa. Os criados son transformados en obxectos personificados, xa que a maldición da Besta tamén lles afectou a eles. Cambian, porén, moitas cousas da historia orixinal.
- Os filmes de King Kong están baseados vagamente no conto.
- Outras historias similares, en que unha figura grotesca namora dunha bela muller, tamén teñen sido adaptadas ao cinema, como A pantasma da ópera, de Gaston Leroux, ou Notre-Dame de Paris, de Victor Hugo.
- Beastly, versión moderna do conto, interpretada por Vanessa Hudgens e Alex Pettyfer.
- En 2014 estreouse La Belle et la Bête, un filme franco-alemán gravado en francés baseado na versión de Gabrielle-Suzanne Barbot de Villeneuve. Cun guión de Christophe Gans e Sandra Vo-Anh e dirixido por Gans, o filme é protagonizado por Léa Seydoux como Bela e Vincent Cassel como a Besta.
- En 2017 os estudos Disney realizan unha adaptación en imaxe real do filme de debuxos animados de 1991, co título Beauty and the Beast[5] Está protagonizada por Emma Watson como Bela e por Dan Stevens, o príncipe transformado na Besta. Luke Evans, Emma Thompson e Josh Gad completan o reparto principal. Conta con tres novas cancións compostas por Alan Menken e Tim Rice, ademais das que inclúe a versión animada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "A Bela e a Besta". librosgalegos.gal. Consultado o 2019-07-30.
- ↑ Jeanne-Marie Leprince de Beaumont, Beauty and the Beast
- ↑ Heidi Anne Heiner, "Tales Similar to Beauty and the Beast Arquivado 28 de xullo de 2017 en Wayback Machine."
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Hearne, Betsy.
- ↑ "Vídeo: Chega o tráiler final de ‘Beauty and the Beast’ con escenas inéditas". El País (en castelán). 31 de xaneiro de 2017. Consultado o 31 de xaneiro de 2017.
- Antti Aarne, The Types of the Folktale: A Classification and Bibliography, The Finnish Academy of Science and Letters, Helsinqui, 1961. ISBN 951-41-0132-4
- Ashliman, D. L., A Guide to Folktales in the English Language Greenwood Press, 1987.
- Uther, Hans-Jörg 2004. The Types of International Folktales : A Classification and Bibliography, Parts I-III: the ATU classification system
- Jack Zipes, The Great Fairy Talle Tradition: From Straparola and Basile to the Brothers Grimm, p 863, ISBN 0-393-97636-X
- Contes et autres écrits. Ed. Barbara Kaltz. Oxford: Voltaire Foundation, 2000.
- Le magasin des enfants. Paris: Warée, 1843.
- Nouveau cabinet des fées. Ed. Jacques Barchilon. Vol. 17. Geneva: Slatkine, 1978.
- Marc Soriano, Guide da littérature pour a jeunesse, Hachette, 1974. Rééd. Delagrave, 2002
- A bela e a besta e outros contos, il. Francisco Martínez, Dintel, 1982. ISBN 84-7532-038-4
- A bela e a besta e outros contos, Anxo Domínguez, Gaivota, 1992. ISBN 84-392-1638-6
- A bela e a besta, il. por Beatriz Quintín, texto de Stanley Solana, M.E., 1995 ISBN 84-495-0209-8
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Bela e a Besta |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Texto orixinal de Jeanne-Marie Leprince de Beaumont (en francés)
- Gravación.
- A fábula de A bela e a besta
- Ficha da película de Jean Cocteau en IMDb
- Guion da película de Jean Cocteau.
- Ficha da película de Disney en IMDb
- Ficha da serie de televisión en IMDb
- Ficha do musical BEAUTY & THE BEAST en todoMUSICALES
- SurLaLune Fairy Tale Pages: The Annotated Beauty and the Beast (en inglés)
- "Beauty and the Beast: folktales of Aarne-Thompson type 425C" (en inglés)
- Versión de The Blue Fairybook, de Andrew Lang.
- Beauty and the Beast en Wikisource (en inglés)
- Cinderella Bibliography, inclúe unha lista exhaustiva de producións da Bela e a Besta en libros, TV e gravacións (en inglés)
- 20 "MercerMayer", ilustracións (en inglés)
- Theatre Cedar Rapids Beauty and the Beast Production Photo GalleryArquivado 11 de marzo de 2010 en Wayback Machine. - Galería fotográfica dunha adaptación teatral.
- Folktale Types (en inglés)
- D. L. Ashliman, "Folklore and Mythology Electronic Texts" (en inglés)
- Structural Analysis of Variants of Tale Type 361 (en inglés)
- Reflections on International Narrative Research on the Example of the Tale of the three Oranges (en inglés)
- Tercera revisión de Aarne-Thompson sobre a tipoloxía das fábulas (en inglés)
- El Festín de La Bella y la Bestia desde el punto de vista del Protocolo (en castelán)