Saltar ao contido

As cruces de pedra na Bretaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As cruces de pedra na Bretaña
Autor/aAlfonso Daniel Rodríguez Castelao
Data de pub.1930
editar datos en Wikidata ]
Croix de Pennavern, Bretaña

As cruces de pedra na Bretaña é un estudo histórico e descritivo dos cruceiros na Bretaña francesa publicado por Castelao en 1930, como documentación previa para outro traballo similar que estaba preparando sobre os cruceiros galegos, As cruces de pedra na Galiza.

Foi publicado polo Seminario de Estudos Galegos o 15 de maio de 1930, e impreso na imprenta Antúnez, de Pontevedra. Contén o resultado do percorrido realizado coa súa muller, Virxinia, entre maio e agosto de 1929 grazas a unha axuda concedida pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas. Dise que se lle concedeu grazas ás manobras dalgúns amigos seus para axudarlle a supera-la depresión sufrida trala morte do seu único fillo, Alfonso Xesús de Braga, en xaneiro de 1928 [1].

Segundo di o propio Castelao, para entendermos os cruceiros galegos cumpría coñecer previamente os bretóns, tan imitantes dos galegos. No limiar do libro escribe:

"Dende fai bastantes anos veño recollendo materiales para un próisimo libro en col dos cruceiros galegos, cavilando sempre nun lonxano estudo comparativo das cruces de pedra dos Fisterres, que virá cando se coñezan ben por separado. Non se podería falar dos nosos cruceiros sen ter visitado primeiramente a Bretaña, e alá fun"

Valentín Paz Andrade realizara en 1927 unha viaxe por aquelas terras e observou as similitudes advertindo diso a Castelao, quen levaba estudando esta manifestación artística en Galicia desde principios dos anos vinte.

Calvario de Pleyben (Bretaña).

O texto divídese en cinco capítulos, comezando polas cruces primitivas (que data xa no século V) e os megálitos cristianizados ata rematar na descrición pormenorizada dos calvarios, coa representación de numerosas escenas e, algúns deles, con centos de figuras, como o de Guimiliau, que cualifica como o máis interesante e máis instrutivo; ou o de Pleyben, do que di que é o mellor de todos, o máis acertado e o máis artístico. As descricións dos cruceiros complétanse cun total de 151 debuxos, de conxunto e de detalle, e 12 fotografías.

Á marxe do propio libro, a viaxe de Castelao deu pé a un longo artigo, co título Sant-iago na Bretaña, que publicou na revista Nós o 25 de xullo de 1929 (nº 67) e o mesmo día de 1930 (nº 79), incluíndo a tradución dun romance bretón titulado Don Xoán Derrién.[2]

  1. Monteagudo escribe que "No fondo, seguramente o que pretendía [Castelao] era mudar de aires e ausentarse por un tempo da cidade que vería naqueles tempos tinxida de tristura.
  2. Esta é a única tradución de Castelao dun texto completo ó galego.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Castelao: As cruces de pedra na Bretaña, Edicións Castrelos, Vigo 1974.
  • Enciclopedia Galega Universal s. v. "As cruces de pedra na Bretaña". Ir Indo, Vigo 1999.
  • Henrique Monteagudo (coord.): Obras [Castelao]. Galaxia, Vigo 2000.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]