Atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid
Atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid | |
---|---|
Restos dun dos trens, xunto á estación de Atocha. | |
Lugar | Madrid, España |
Coordenadas | 40°24′24″N 3°41′22″O / 40.406666666667, -3.6894444444444 |
Branco(s) | Civís |
Data | 11 de marzo de 2004 07:36-07:40 horas (UTC+1:00) |
Tipo de ataque | Xihadista |
Arma(s) | Mochilas bomba con dinamita tipo Goma-2 ECO |
Mortos | 193 |
Feridos | 2057[1] |
Perpetrador(es) | Célula terrorista de Al Qaida[2] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os Atentados do 11-M ou Atentados do 11M, coñecidos tamén como 11M, foron unha serie de ataques terroristas en catro trens da rede ferroviaria de Madrid. Foron levados a cabo por unha célula xihadista,[3][4] segundo a investigación policial e as sentenza da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo.[5] Faleceron 193 persoas e arredor de dúas mil resultaron feridas.[1][6]
Entre as 07:36 e as 07:40 (CET) do 11 de marzo de 2004, en hora punta, producíronse dez explosións case simultáneas en catro trens de Madrid. Máis tarde, logo dun intento de desactivación, a policía detonou de forma controlada dous artefactos que non chegaron a estoupar. Despois disto, desactivaron un terceiro que permitiría, debido ó seu contido, comezar a investigación que conduciría á identificación dos autores.
Os atentados producíronse tres días antes das eleccións xerais de 2004. Os dous principais partidos políticos españois daquela, o PP e o PSOE, acusáronse mutuamente de agochar ou distorsionar información relativa ós atentados por razóns electorais.
Foi o segundo maior atentado cometido en Europa, por detrás do atentado de Lockerbie de 1988. Este non foi o primeiro atentado xihadista en España. En 1985 produciuse o atentado do restaurante El Descanso, que causou 18 mortes.
Feitos
[editar | editar a fonte]As explosións producíronse na mañá do xoves 11 de marzo, entre as 7:39 e as 7:42, tres días antes das eleccións lexislativas. Un total de 10 mochilas-bomba estouraron en catro trens de proximidade nas estacións de Atocha, El Pozo del Tío Raimundo, Santa Eugenia e nun tren que ía entrar na estación de Atocha. A policía atopou outras tres bombas que non chegaron a estoupar e que, segundo o Ministro de Interior, Ángel Acebes, estaban pensadas para estoupar á chegada do auxilio.
As fontes oficiais identificaron, nun primeiro momento, a ETA como a organización autora do masacre. As forzas próximas á banda terrorista e a propia ETA negaron a súa autoría nun comunicado o día seguinte. Xurdiu a hipótese dunha organización terrorista islamista radical. Esta hipótese viuse reforzada ao anunciar o Ministro de Interior o descubrimento dunha furgoneta con detonadores e unha cinta de vídeo con textos do Corán. Aínda así, mantívose oficialmente a tese dun atentado de ETA, o que supuxo fortes críticas ao goberno nalgúns medios de comunicación e polas forzas políticas da oposición.
O 13 de marzo, a policía detivo sete sospeitosos relacionados coa venda dun teléfono móbil e unha tarxeta de prepago que se atopara na furgoneta en que se atoparan os detonadores. Nos días seguintes foron arrestados novos sospeitosos, moitos ligados a grupos islamistas radicais. O 3 de abril, cando a policía pretendía arrestar varios sospeitosos nun piso de Leganés, estes inmoláronse facendo estoupar explosivos, cos que mataron tamén un axente dos Grupos de Operacións Especiais.
O xuíz encargado do caso, Juan del Olmo, acusou o 19 de marzo a varios marroquís de complicidade nos atentados. As investigacións policiais dirixíronse cara ás organizacións terroristas islámicas, en especial cara a células vinculadas a Al Qaida. A organización fundamentalista reivindicara os atentados a noite do día 11.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
In Memoriam, escultura en homenaxe ás vítimas do atentado, situada na praza da Constitución de Ordes.
-
Detalle
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Documentos, El Mundo, 11 de abril de 2006. (en castelán)
- ↑ El País Arquivado 14 de setembro de 2017 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ El Mundo (ed.). "Spanish Indictment on the investigation of 11 March" (en castelán). España. Consultado o 16 de febreiro de 2010.
- ↑ O'Neill, Sean (15 de febreiro de 2007). The Times, ed. "Spain furious as US blocks access to Madrid bombing 'chief'". Londres, Reino Unido. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2011. Consultado o 16 de febreiro de 2010.
The al-Qaeda leader who created, trained and directed the terrorist cell that carried out the Madrid train bombings has been held in a CIA "ghost prison" for more than a year.
- ↑ Sección Segunda da Sala do Penal da Audiencia Nacional 2007, pp. 172 e 173.
- ↑ ZoomNews (in spanish). The 192nd victim (Laura Vega) died in 2014, after a decade in coma in a hospital of Madrid. She was the last hospitalized injured person.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Juzgado Central de Instrucción Número 6 de la Audiencia Nacional (10 de abril de 2006). "Auto de procesamiento".
- Sección Segunda de la Sala de lo Penal de la Audiencia Nacional (31 de outubro de 2007). "Sentencia número 65/2007".
- Sala Segunda de lo Penal del Tribunal Supremo (17 de xullo de 2008). "Sentencia número 503/2008".