Beatnik
Beatnik é un termo inventado en 1958 polo xornalista estadounidense Herb Caen co fin de parodiar e referirse despectivamente á xeración beat e mais os seus seguidores, apenas meses despois de que se publicase On the Road (O Camiño), a novela-manifesto do movemento escrita por Jack Kerouac.
Historia
[editar | editar a fonte]Os escritores beat rexeitaron o termo por despectivo, non obstante este foi adoptado e difundido amplamente polos medios de comunicación, aplicándoo a un estereotipo xuvenil distinguible pola forma de vestirse e arranxarse que se fixo moda, e relacionándoo cunha actitude proclive á preguiza, o desenfreo sexual, a violencia, o vandalismo e as cuadrillas de delincuentes.
Co tempo a denominación rematou sendo aplicada de xeito indiscriminado, tanto ao estereotipo, coma aos artistas da xeración beat e os seus seguidores. Os beats e os beatniks diluíronse na segunda metade da década dos sesenta, inmersos nos movementos contraculturais como os encarnados polos hippys, a música rock, a revolución sexual, as loitas antirracistas ou as manifestacións en contra da guerra do Vietnam.
Fóra dos Estados Unidos, ambos os dous termos, "beat" e "beatnik", foron utilizados como sinónimos, sen percibir o sentido paródico do segundo.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra "beatnik" foi acuñada por Herb Caen, un popular xornalista de San Francisco, para referirse aos beats ou a Xeración Beat, que estableceran o seu principal centro de reunión en North Beach. Caen, quen varios anos despois gañaría o Premio Pulitzer, inventou o termo nun artigo escrito no San Francisco Chronicle o 2 de abril de 1958,[1] fusionando as verbas "beat" e "Sputnik". O Sputnik 1 foi o primeiro satélite artificial da humanidade que fora lanzado pola Unión Soviética seis meses antes, converténdose nun símbolo, tanto do poderío soviético como da ameaza para os EUA no marco da guerra fría, debido ao cal desatou unha vaga de temor masivo entre os estadounidenses. O vincular a Xeración Beat co Sputnik soviético tiña como obxectivo mostrala como "non americana" (non estadounidense).[2] Nalgunhas páxinas web menciónase erroneamente que a verba derivou da fusión dos termos "beat" e "nudnik", palabra yiddish que significa "aburrido" ou "obtuso".
Criticando a terxiversación do termo, Allen Ginsberg, un dos principais referentes da Xeración Beat, escribiu unha carta ao New York Times, logo de que o periódico a utilizara reiteradamente nun artigo referido ao escritor, para deplorar "a enganosa palabra beatnik", dicindo que "se foran os beatniks e non os iluminados poetas beat quen invadiran este país, non serían creados por Kerouac senón pola industria dos medios de comunicación de masas, dedicados constantemente ao lavado de cerebro do Home".[3]
Pola súa parte Jack Kerouac, quen inicialmente definira o termo "beat" como "abatido, desprezado e maltreito" (beat down), oito meses despois precisou o seu significado no Foro Brandeis "Hai unha Xeración Beat?" ("Is There A Beat Generation?") realizado o 6 de novembro de 1958 no Hunter College Playhouse de Nova York. Os participantes eran o propio Kerouac, James A. Wechsler, o antropólogo de Princeton Ashley Montagu e o escritor Kingsley Amis. Wechsler, Montagu e Amis presentáronse vestidos con traxes, mentres que Kerouac o fixo con vaqueiros negros, botas e unha camisa de cadros brancos e negros. Lendo un texto que xa tiña preparado, Kerouac reflexionou sobre o significado e o sentido do "beat":
A diferenza entre "beat" e "beatnik"
[editar | editar a fonte]Na xerga local estadounidense da época, o termo "beat" indicaba a cultura, a actitude e a literatura, mentres que a palabra "beatnik" utilizábase para estereotipar a cultura beat, tal como aparecía nos personaxes de historieta, moitas veces violentos, que difundían os diarios e revistas.
"Beat" era un modo de ser, dixo o profeta (Ginsberg); "beatnik" era roupa de moda. Beat era identidade; beatnik era imaxe.
Esta distinción entre "beat" e "beatnik" foi analizada polo profesor Ray Carney da Universidade de Boston, unha autoridade en cultura beat, en The Beat Movement in Film, unha serie de notas súas realizadas para unha mostra de 1995 organizada polo Museo Whitney:
Gran parte da cultura beat expresa unha posición negativa antes que positiva. Estivo animada por un vago sentimento de despracer e insatisfacción cultural e emocional, e un anhelo, antes que por un propósito ou programa específico.
Sería moito máis fácil se só buscáramos películas con beatniks. O periodista de San Francisco Herb Caen acuñou a palabra (que, a partir dun sarcástico xogo de palabras co recentemente lanzado Sputnik dos rusos, intentaba aparentemente pór en dúbida a americanidade-de-sangue-vermello-branco-e-azul dos beatniks). E os medios de comunicación popularizaron o concepto. Dobie Gillis, a revista Life, Charles Kuralt e unha chea de condutores de espectáculos e periodistas reduciron o beat a unha serie de superficialidades que quedaron como certas desde aquela: perillas, lentes de sol, lecturas de poesía, cafés, folgazanería e a expresión "cool, man, cool".[5]
Os termos Xeración Beat e beat corresponden ao movemento literario antimaterialista iniciado a comezos da década do 50 entre os que destacaron escritores como Jack Kerouac, John Clellon Holmes, Allen Ginsberg, Timothy Leary, Neal Cassady e William Burroughs, que a mediados dos anos 60 se diluíu como tal para influír decisivamente nos movementos contraculturais xuvenís que se desenvolveron na segunda metade da mesma, e particularmente en músicos claves, como Bob Dylan, Syd Barrett, The Fugs (grupo no que contribuíu directamente Allen Gingsberg), The Doors e The Beatles.
A filosofía beat era basicamente contracultural, antimaterialista, anticapitalista e antiautoritaria, que remarcaba a importancia de mellorar a interioridade de cada un máis alá das posesións materiais e das regras impostas polo sistema. Outorgáronlle unha grande importancia á liberdade sexual e ás drogas como métodos de exploración interior. Algúns escritores beat achegáronse a relixións orientais como o budismo e o taoísmo. En política tendían a ser demócratas ou socialdemócratas de centro esquerda (chamados "liberals" nos Estados Unidos), apoiando causas como as loitas antirracistas deses anos, aínda que algúns dos seus integrantes como William Burroughs, adheríronse a ideas paleoconservadoras. Na arte adoptaron unha actitud aberta cara á cultura afroamericana, algo que resultou moi notable no jazz e no rock and roll, aínda que a Xeración beat manifestou unha aberta preferencia polo jazz moderno e un certo desprezo polo rock and roll.
En "Aftermath: The Philosophy of the Beat Generation", Jack Kerouac oponse a esta distorsión das súas ideas:
A Xeración Beat, que foi unha visión que tivemos John Clellon Holmes e eu, e Allen Ginsberg dun modo incluso máis salvaxe, a finais dos corenta, dunha xeración de tolos, iluminados hipsters aparecendo de repente e deambulando por América, serio, vagando e facendo dedo en todas partes, desaliñados, beatíficos, lindos nun desagradablemente gracioso novo modo beat -unha visión creada pola maneira na que escoitábamos pronunciar a palabra "beat" nas esquinas de Times Square e o Village, noutras cidades nas noites céntricas da posguerra-, significando baixo e excluído pero cheo de intensa convicción. Nós oímos incluso aos vellos pais hipsters da rúa de 1930 utilizar a palabra dese xeito, con sarcástica melancolía. Nunca significou delincuentes xuvenís; significou personaxes dunha espiritualidade especial que non formaban pandillas senón que eran solitarios Bartlebys[6] instalados do outro lado da morta fiestra da nosa civilización.[7]
O estereotipo beatnik: entre a persecución e a parodia
[editar | editar a fonte]Desde finais da década do 50 os medios de comunicación amosaron e difundiron reiteradamente o estereotipo do mozo beatnik (antiamericano, preguiceiro e delincuente), apartándose do perfil rebelde e solitario, relacionado coa cultura beat, que presentaran actores como James Dean e Natalie Wood en Rebelde sen causa (1955).
En xuño de 1958 Connie Sublette, unha das mozas novas que frecuentaban o grupo beat que acostumaba instalarse nos bares expreso e realizar reunións no North Beach de San Francisco (zona que comezou a ser coñecida como "Beatnik Land"), resultou asasinada por un mariñeiro negro co que estaba mantendo relacións sexuais.[8][9]
O feito foi cuberto polo San Francisco Chronicle de forma sensacionalista co seguinte título de portada: "Corpo espido na rúa. Chica beatnik asasinada por mariñeiro na procura de amor".[9] Poucos días despois, o alcalde da cidade daba a súa opinión sobre o caso e a "Xeración beat":
Un nome tan distinguido para glorificar todo tipo de delincuencia é demasiado "moderno" para min. Non me importa como eles chamen á xente -beatniks, eatniks ou deadbeats- non se pode escusar a adicción aos narcóticos ou a prostitución só porque alguén se chame a si mesmo artista ou escritor. As ordes son de non facer favores especiais aos beats.[10]
No marco do caso da "rapaza beatnik estrangulada", o Chronicle publicou dous artigos titulados "Vida e amores entre os beatniks", escritos por Allen Brown, no que se describe un día típico dun beatnik: levantarse tarde, sen bañarse nin afeitarse nin limpar os dentes, poñéndose a primeira vestimenta a man tomada ao chou dun monte de roupa sucia e pasar o resto do día na casa de rosquillas (bagel shop) gastando todo o seu diñeiro en café. Brown conclúe dicindo que «case todos os beatniks queren morrer pero, case tanto como á morte, aman falar».[9]
Case simultaneamente os medios da cidade anunciaron a desaparición doutras dúas beatniks, menores de idade, presentándoas con evidente intencionalidade como "voluptuosas". As rapazas realmente fóranse de viaxe durante a fin de semana con Eric "Big Daddy" Nord, titular do club Nord’s Party Pad, coñecido como o "Rei dos Beatniks" e un amigo. Ambos beatniks foron detidos, encarcerados e condenados "a traballar" con liberdade condicional de tres anos, por un xurado local, co argumento de que "induciran ao crime" ás dúas menores de idade. O fallo foi moi criticado pola súa evidente arbitrariedade, resultante á súa vez dun notable prexuízo antibeatnik. Ao dar a coñecer a decisión, o xuíz dixo: «Vostede e os seus amigos en beatnikland enfatizan os seus inusuais modos de dar a impresión de que vostede ten talento, habilidade e categoría, cando en realidade, calquera persoa que o mire, dáse de conta de que vostede non ten talento ningún».[11]
Na televisión estadounidense, os beatniks apareceron co personaxe de Maynard G. Krebs, interpretado por Bob Denver na popular comedia The Many Loves of Dobie Gillis (1959-63), consolidando o estereotipo do beatnik inimigo do traballo. O personaxe de Shaggy no debuxo animado Scooby-Doo, creado a finais da década do 60, está inspirado no de Maynard G. Krebs.[12]
En 1959 estreouse a película The Beat Generation asociando o movemento co crime e a violencia.[13] O mesmo pasou o ano seguinte co filme The Beatniks.[14] Esta distorsión aplicaríase tamén aos hippies uns anos despois. Outras películas que difundiron o estereotipo do beatnik violento foron High School Confidential (1958),[15] The Bloody Brood (1959),[16] The Rebel Set (1959),[17] Beat Girl (1960),[18] The subterraneans (1960)[19] e The wild ride (1960).[20]
A mediados de 1959, un psiquiatra chamado Francis Rigney, quen compartiu varios meses co grupo de beatniks que frecuentaban Beach North, facéndose pasar por un deles, difundiu nos medios unha pseudo investigación chamada "Cen noites cos beats". Nela Rigney afirma que o grupo estaba integrado por uns 150 mozos, dos cales un terzo eran mulleres, que promediaban os 23 anos, mentres os homes eran sete anos maiores. Case a metade eran mozos residentes na costa leste do país (un 10% da cidade de Nova York) que pasaban as fins de semana ou os veráns en San Francisco, mentres que un 20% eran residentes da área. No grupo había unha gran cantidade de artistas, principalmente escritores, que acadaran certa notoriedade. O informe destaca o predominio de condutas abertamente sexuais ou violentas entre os membros do grupo. En canto á aparencia, o psiquiatra menciona o predominio do "look" Ivy League,[21] así como do xersei folgado negro. Finalmente, entre as súas conclusións o psiquiatra sostén:[9]
Eles fixeron da sociedade un chibo expiatorio da súa propia neurose... Saíron da sociedade e como calquera grupo de xente enferma queren que os deixen sós.[9]
Life foi o medio que máis insistiu en impoñer o termo beatnik co seu significado de movemento "antiamericano" e "degradado". O 21 de setembro de 1959, a revista publicou un artigo titulado "Squaresville U.S.A. vs. Beatsville" (traducible como "Vila Honesta EUA vs. Vila Beat") no que conta a historia de tres adolescentes do pequeno pobo de Hutchinson, Kansas, que "confundidas" polo movemento beat, invitaran ao seu pobo a Lawrence Lipton, un dos seus principais referentes, autor de Holy Barbarians e director da Gas House, centro de reunión da Xeración Beat, en Venice, Os Ánxeles. Life continúa contando que cando os pais se decataron da inminente "invasión beatnik", recorreron inmediatamente á policía para evitala. Tal como refire a revista, a resposta da policía foi contundente: "un beatnik é alguén que non lle gusta traballar; calquera que non lle guste traballar é un vagabundo e un vagabundo, por aquí, vai parar ao cárcere". Life tamén consigna a opinión dunha das adolescentes:
Sabemos que os beatniks non son bos, pero pensábamos que eles simplemente se vestían descoidadamente e falaban gracioso. Agora sabemos que casan sen facer os trámites e cousas así.[22]
En 1971, o xornal San Francisco Chronicle, que tanto fixera para construír o estereotipo negativo, describía aos beatniks como «xente que tiña unha alegría de vivir que acendía unha luz nos ollos, voces vitais e xestos enérxicos», contrapoñéndoos aos hippies e o seu «desapego pola vida».[9]
Mercantilización e moda
[editar | editar a fonte]Na súa memoria Minor Characters (Houghton Mifflin, 1987), Joyce Johnson describiu como o beat foi estereotipado e absorbido polo sistema comercial estadounidense:
"Xeración Beat" vendeu libros, vendeu xerseis de colo alto e bongós, boinas e anteollos negros, vendeu un estilo de vida que parecía graciosamente perigosa, que podía ser tanto condenado como imitado. Os matrimonios suburbanos podían organizar festas beatnik os sábados á noite e beber demasiado e sobar as mulleres doutros.[23]
Ann Charters, en Beat Down to Your Soul: What Was the Beat Generation? (Penguin, 1991) observou como o termo "beat" foi apropiado para tornarse ferramenta de mercadotecnia:
O termo foi tomado porque pode significar calquera cousa. Pode incluso ser explotado para a afluencia das extraordinarias invencións tecnolóxicas da época. Case de inmediato, por exemplo, a publicidade das empresas gravadoras de discos de Nova York usaron a idea de Xeración Beat para vender as súas novas gravacións de longa duración en vinilo.[24]
Kenneth Rexroth, quen chegara a ser considerado o pai dos beats, escribiu un artigo titulado "A comercialización da imaxe do rebelde", sostendo que a cousa máis deplorable da aparición do beatnik foi que eclipsou un movemento disidente que tiña o potencial de crear un cambio real.[25]
Por ese tempo xeneralizouse a tendencia entre os estudantes dos Estados Unidos de adoptar como moda o estereotipo beatnik, xeneralizándose entre os varóns o uso de perillas, boina, camisetas de raias horizontais, lentes negros, xerseis de colo alto, liar os seus propios cigarros e tocar o bongó.
Para as mulleres a moda era levar mallas negras, calzas ou pantalóns axustados até media perna, anteollos negros, camisa anoada ao peito ou amplos xerseis, calzado sen tacón ou simplemente descalzas e pelo longo, sen maquillaxe nin adornos, en mostra de rebeldía contra os estándares da clase media que establecían que a muller debía tratar o seu cabelo para telo permanentemente aquelado ("a permanente").
A moda beatnik xerou tamén unha xerga especial, caracterizada polo uso de termos e expresións desenfadadas, moitas das cales persistiron, como "cool man" (traducible como "mola, tío"), "daddy-o" (traducible insuficientemente como papai), para dirixirse a outros, "rad" (xenial) etc. O home beatnik era referido como un "beatnik cat", un "gato".
A moda beatnik tamén foi mostrada nos medios de comunicación. Na película Namoreime dunha bruxa (1958), a protagonista (Kim Novak) era unha bruxa beatnik.[26] O famoso personaxe de banda deseñada Archie foi caracterizado como un beatnik na década do 60.[27][28] O musical e a película Grease (1978), esta última protagonizada por John Travolta e Olivia Newton-John, tamén están ambientados no momento da moda beatnik.[29] Finalmente, nos Simpsons os pais de Ned Flanders son retratados como beatniks.[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Caen, Herb. San Francisco Chronicle, April 2, 1958.
- ↑ «Xornalista: Que opina de ser o Rei dos Beatniks?; Allen Ginsberg: Bueno, ti sabes que eu nunca fun un beatnik, non?; Xor.: Como evolucionou a palabra?; AG: Bueno, primeiro foi Xeración Beat... logo o Sputnik subiu, recordas? Logo eles chamárono beatnik».
Texto orixinal en inglés
«Q: What do you think of being King of the Beatniks?; A: Well, you know I never was a beatnik, doncha?;Q: How did the word evolve?; A: Well, first it was Beat Generation... then Sputnik went up, remember? Then they called it beatnik».- Campbell, James. "The birth of the beatnik", The Richmond Review, 1999. - ↑ "If beatniks and not illuminated Beat poets overrun this country, they will have been created not by Kerouac but by industries of mass communication which continue to brainwash man". Campbell, id. ut supra
- ↑ «It is because I am Beat, that is, I believe in beatitude and that God so loved the world that he gave his only begotten son to it... Who knows, but that the universe is not one vast sea of compassion actually, the veritable holy honey, beneath all this show of personality and cruelty?»
Aronowitz, Al. The Blacklisted Journalist Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine. - ↑ "Much of Beat culture represented a negative stance rather than a positive one. It was animated more by a vague feeling of cultural and emotional displacement, dissatisfaction, and yearning, than by a specific purpose or program.
It would be a lot easier if we were only looking for movies with "beatniks" in them. San Francisco columnist Herb Caen coined the word (which by sarcastically punning on the recently launched Russian Sputnik was apparently intended to cast doubt on the beatnik's red-white-and-blue-blooded all-Americanness). And the mass media popularized the concept.
Dobie Gillis, Life magazine, Charles Kuralt, and a host of other entertainers and journalists reduced Beatness to a set of superficial, silly externals that have stayed with us ever since: goatees, sunglasses, poetry readings, coffeehouses, slouches, and "cool, man, cool" jargon..." Carney, Ray. "Program Notes," Beat Culture and the New America: 1950-1965. New York: Whitney Museum of Art and Paris: Flammarion, 1995.] - ↑ Bartleby é un personaxe do conto "Bartleby, the scrivener", de Herman Melville (1819-1891), que trata dun escribano empregado en Wall Street que un día decide deixar de realizar as súas tarefas, dicindo que "preferiría non facelo" (I would prefer not to) e comeza a vivir na oficina.
- ↑ "The Beat Generation, that was a vision that we had, John Clellon Holmes and I, and Allen Ginsberg in an even wilder way, in the late Forties, of a generation of crazy, illuminated hipsters suddenly rising and roaming America, serious, bumming and hitchhiking everywhere, ragged, beatific, beautiful in an ugly graceful new way--a vision gleaned from the way we had heard the word "beat" spoken on street corners on Times Square and in the Village, in other cities in the downtown city night of postwar America--beat, meaning down and out but full of intense conviction. We'd even heard old 1910 Daddy Hipsters of the streets speak the word that way, with a melancholy sneer. It never meant juvenile delinquents, it meant characters of a special spirituality who didn't gang up but were solitary Bartlebies staring out the dead wall window of our civilization..." Kerouac, Jack. "About the Beat Generation", 1957, publicado como "Aftermath: The Philosophy of the Beat Generation" en Esquire, marzo de 1958
- ↑ Connie Sublette, era unha rapaza de 20 anos, divorciada dun amigo de Jack Kerouac, Al Sublette. Ese ano de 1958, súa nai falecera e ela divorciárase do seu esposo, para formar parella pouco despois co músico saxofonista Paul Swanson. O 15 de xuño de 1958, Swanson morreu ao caer accidentalmente do teito do Party Pad. Connie desesperada pola tristeza perdeu entón o control e emborrachouse. Nesas condicións, chorando desconsoladamente, foi atopada nun portal, polo mariñeiro Frank Harris, quen se encontraba tamén drogado con heroína. Harris ofreceulle consolo, que Connie aceptou. Comezaron a bicarse e ela espiuse preparándose para manter relacións sexuais. Nese momento Connie comezou a dar voces chamando polo seu ex-esposo, e Harris, co fin de evitar ser descuberto cunha branca núa (nunha época de fortes prexuízos raciais) fíxoa calar, aforcándoa co pano dela.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 Christopher, Tom (2005). Beat Scene Magazine, ed. "Beatnik!". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ "Such a fancy name to glorify every kind of delinquency is too new-fangled for me. I don't care what they call people - Beatniks, eatniks or deadbeats - you can't excuse narcotics addiction or prostitution just because someone calls himself an artist or writer. The orders are out to give no special favors to the beats'". Christoher, id ut. supra
- ↑ «You and your friends in beatnikland emphasize your unusual ways to give an impression that you have talent, ability and stature, when actually a person looking into you finds no talent at all». Christoher, id ut. supra
- ↑ Mikkelson, Barbara (22 de maio de 2006). Snopes.com, ed. "Scooby-Doo, What is You?". Urban Legends Reference Pages. Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ IMDb (ed.). "The Beat Generation (1959)". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ IMDb (ed.). "The Beatniks (1960)". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ IMDb (ed.). "High School Confidential (1958)". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ IMDb (ed.). "The Bloody Brood (1959)". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ IMDb (ed.). "The Rebel Set (1959)". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ IMDb (ed.). "Beat Girl (1960)". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ IMDb (ed.). "The subterraneans (1960)". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ IMDb (ed.). "The wild ride (1960)". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ Chesterfield, Winston. Men's Flair, ed. "Ivy League Look: How to Wear It". Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ "We know beatniks aren't good", she said, "but we thought they just dressed sloppy and talked funny. Now we know that they get married without licenses and things like that." Venice Virtual, Venice in Magazines and other ephemeral media, Venice Virtual. Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ "'Beat Generation' sold books, sold black turtleneck sweaters and bongos, berets and dark glasses, sold a way of life that seemed like dangerous fun – thus to be either condemned or imitated. Suburban couples could have beatnik parties on Saturday nights and drink too much and fondle each other’s wives.
- ↑ "The term caught on because it could mean anything. It could even be exploited in the affluent wake of the decade’s extraordinary technological inventions. Almost immediately, for example, advertisements by “hip” record companies in New York used the idea of the Beat Generation to sell their new long-playing vinyl records."
- ↑ Rexroth, Kenneth. "The Commercialization of the Image of Revolt." The Beats: Literary Bohemians in Postwar America. Dictionary of Literary Biography 2º Ed. Ann Charters. Detroit: Gale, 1983, 643-50.
- ↑ "Bell, book and candle (Me enamoré de una bruja)". IMDB. Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ Windolf, Jim (2006). "American idol". Vanity Fair. Consultado o 24 de marzo de 2012.
- ↑ Cadro da historieta Archie, na que Jughead e Archie están vestidos como beatniks (boina, roupa desaxustada e rota) e un home maior berra asustado: "Beatniks!", mentres que Jughead responde con típica xerga beatnik: "Como se estivéramos con eles, papai!" e Archie pola súa banda comenta, sinalando o ceo: "Alá fóra! Vila Espacial!". "Beatniks", Archie, Archie Comics.
- ↑ Monagan, Susana (2005). "Grease is the Word". Intercom - Universidade de Ithaca. Consultado o 24 de marzo de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Charters, Ann (ed.). The Portable Beat Reader. Penguin Books. Nova York. 1992. ISBN 0-670-83885-3 (hc); ISBN 0-14-015102-8 (pbk)
- Nash, Catherine. "The Beat Generation and American Culture." (PDF file)
- Phillips, Lisa (ed). Beat Culture and the New America: 1950-1965. Nova York: Whitney Museum of Art and Paris: Flammarion, 1995.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "The birth of the beatnik", The Richmond Review, 1999. Campbell, James. (en inglés)
- "This is the Beat Generation", en www.litkicks.com (en inglés)
- Philament: "Beat Etymologies" (en inglés)