Saltar ao contido

Cisma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Devadatta, curmán e cuñado de Siddharta Gautama, creou o primeiro cisma no budismo.[1][2]

Un cisma é a división ou separación dunha relixión ou dun grupo ou comunidade.[3] Por antonomasia, fálase do Gran Cisma de occidente para referirse á ruptura do ano 1054 e á do período comprendido entre 1378 e 1417.

Un cismático é unha persoa que crea ou inicia un cisma nunha organización ou o membro dunha organización cismática. Entre os católicos, diferénciase alguén que se separou (un cismático) dun herexe, que é que persiste no erro en materia de fe. Así, un cismático rompe a unidade da Igrexa na súa organización, mais non a unidade da fe.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra cisma deriva do grego σχισμα, schisma, que significa "división" ou "separación" (de σχιζο, schizo).

No budismo, o primeiro cisma foi establecido por Devadatta, durante a vida de Buda. Ese cisma durou pouco tempo, centrado só en diferentes interpretacións para a mesma comunidade monástica. Nos textos antigos, menciónanse 18 ou 20 escolas iniciais. Máis tarde, apareceron os movementos Mahayana e Vajrayana, que poden ser considerados de orixe cismática. Cada escola ten varios subgrupos, que moitas veces son de orixe cismática. Por exemplo, no budismo Theravadin tailandés existen dous grupos (Mahanikayae Dhammayut), do cal o Dhammayut ten a súa orixe parcialmente no Mahanikaya, e é o grupo novo e cismático. Tanto Mahanikaya como Dhammayut teñen moitos subgrupos, que en xeral non teñen orixes cismáticas, senón que xurdiron dunha forma natural, por medio da popularidade dun monxe (líder).

O budismo tibetano viu cismas no pasado, dos cales a maioría foi eliminada, embora a escola Drukpa centrada en Bután talvez permaneza nun estado de cisma desde 1616 das outras escolas tibetanas.[4][5][6]

Cristianismo

[editar | editar a fonte]
Desenvolvemento histórico das principais pólas do cristianismo desde as súas orixes

A palabra cisma ten o seu maior uso na historia del cristianismo, para denotar divisións dentro dunha igrexa, denominación ou corpo relixioso. Neste contexto, "cismático", como substantivo, denota unha persoa que crea ou incita o cisma nunha igrexa. Estas palabras empregáronse para denotar tanto o fenómeno da escisión de grupos cristiáns en xeral, como certas escisións históricas significativas en particular. Pódese facer unha distinción entre herexía e cisma.[7] A herexía é o rexeitamento dunha doutrina que unha Igrexa consideraba esencial. O cisma é un rexeitamento á comuñón coas autoridades dunha Igrexa, e non toda ruptura da comuñón ten que ver necesariamente coa doutrina, como se desprende de exemplos como o Cisma de Occidente e a ruptura da comuñón que existía entre o patriarca Bertomeu I de Constantinopla e o arcebispo Christodoulos de Atenas en 2004.[8] Porén, cando por algunha razón as persoas se retiran da comuñón, poden resultar dúas entidades eclesiásticas distintas, cada unha das cales, ou polo menos algúns dos seus membros, poden acusar á outra(s) de herexía.

No dereito canónico da Igrexa católica, un acto de cisma, ao igual que un acto de apostasía ou de herexía, implica automaticamente a pena de excomuñón sobre o individuo que o comete.[9] Tal e como se recolle no canon 1312 §1 1°[10] do Código de Dereito Canónico de 1983, esta pena pretende ser medicinal, de xeito que conduza á restauración da unidade. A teoloxía católica considera que os cismáticos formais están fóra da Igrexa, entendendo por "cismáticos formais" as "persoas que, coñecendo a verdadeira natureza da Igrexa, cometeron persoal e deliberadamente o pecado de cisma".[11] Distinta é a situación dos que foron educados desde a infancia no seo dun grupo que non está en plena comuñón con Roma, mais que teñen unha fe ortodoxa: estes considéranse relacionados de forma imperfecta, aínda que non plena, coa Igrexa.[11] Este punto de vista matizado aplícase especialmente ás Igrexas do cristianismo oriental, máis particularmente aínda á Igrexa ortodoxa.[11] Se ben non posúen a "plena comuñón" (communio in sacris) coa Igrexa católica, considéranse moito máis ligadaas a ela que as comunidades eclesiais protestantes, que teñen crenzas teolóxicas marcadamente diferentes e rexeitan o concepto de sucesión apostólica (coa excepción dos anglicanos, que, non obstante, son considerados pola Igrexa católica como carentes dun sacerdocio válido).

O Primeiro Concilio de Nicea (325 d. C.) distinguiu entre cisma e herexía. Declarou heréticas as ensinanzas arianas e non trinitarias e excluíu os seus seguidores da Igrexa. Tamén abordou o cisma entre Pedro de Alexandría e Melecio de Licópolis, considerando a súa disputa como unha cuestión de disciplina, non de fe.

As divisións que chegaron a un punto crítico nos concilios de Efeso (431 d. C.) e Calcedonia (451 d. C.) foron considerados como asuntos de herexía, non só de cisma. Así, a Igrexa ortodoxa e a ortodoxia oriental considéranse mutuamente heréticas, non ortodoxas, debido ao rexeitamento da confesión de Calcedonia sobre as dúas naturezas (humana e divina) de Cristo por parte das igrexas ortodoxas orientais e a súa aceptación por parte da Igrexa ortodoxa. Porén, este punto de vista foi cuestionado na discusión ecuménica entre estes dous grupos, clasificando o asunto de Calcedonia como unha cuestión de cisma, non de herexía.

Na súa forma ampliada e definitiva (posiblemente derivada do Primeiro Concilio de Constantinopla o ano 381, aínda que só se coñece polas actas do Concilio de Calcedonia setenta anos despois),[12] o que comunmente se chama Credo de Nicea declara a crenza na Igrexa Santa, Católica e Apostólica. Algúns que aceptan este credo cren que deben estar unidos nunha soa Igrexa ou grupo de Igrexas en comuñón entre eles. Outros que aceptan este credo cren que non fala dunha organización visible, senón de todos os bautizados que manteñen a fe cristiá, aos que se denomina "cristiandade". Algunhas igrexas considéranse a si mesmas como a Única Santa Igrexa Católica e Apostólica. Por exemplo, a Igrexa católica reclama ese título e considera que a Igrexa ortodoxa está en cisma, mentres que a Igrexa ortodoxa tamén reclama ese título e sostén a opinión de que a Igrexa católica é cismática. Algunhas protestantes cren que tamén representan a Única Santa Igrexa Católica e Apostólica e consideran que as igrexas católica e ortodoxa están no erro, mentres que outras non esperan unha unión de todas as igrexa da terra.

Os grupos protestantes, que carecen das estruturas de autoridade tradicionais máis sólidas do catolicismo ou da ortodoxia, e que adoito se ven esgazados polas divisións político-nacionais (ás veces resultantes de cuius regio, eius religio), amosan un alto grao de fisibilidade, que os esforzos ecuménicos só poden intensificar.[13]

Os cismas producíronse con especial frecuencia entre os anabaptistas, ata o punto de que as divisións, mesmo sobre detalles minísculos da doutrina e da teoloxía, son comúns e os estudosos bautizaron o fenómeno como Täuferkrankheit ou "a enfermidade anabaptista".[14] Poñendo énfase á pertenza totalmente voluntaria na igrexa e sen unha unidade establecida de estrutura xerárquica, os anabaptistas, especialmente os menonitas experimentaron ducias de cismas, resultando no establecemento de varias igrexas menonitas non afiliadas.

Unha disputa actual cun recoñecido risco de cisma para a comuñón anglicana involucra as respostas á homosexualidade.

En 2018 a ortodoxia oriental sufriu un cisma, o cisma Moscova-Constantinopla entre a sé primada da Ortodoxia Oriental, o Patriarcado Ecuménico de Constantinopla e a Igrexa Ortodoxa Rusa pola cuestión de que Constantinopla conceda a autocefalia á Igrexa Ortodoxa de Ucraína.

Trala morte do profeta islámico Mahoma, xurdiron moitas seitas musulmás mediante escolas de pensamento, tradicións e credos afíns.[15][16] Segundo un informe de hadith (recompilación de relatos da vida e ensinanzas de Mahoma), dise que Mahoma fixo a seguinte profecía:

A miña Ummah (comunidade ou nación) fragmentarase en setenta e tres seitas, e todas elas estarán no lume do inferno agás unha.

Os Sahaba (o seus compañeiros) preguntáronlle que grupo sería ese, ao que respondeu: "É aquel ao que eu e os meus compañeiros pertencemos".[17]

Os musulmáns sunnitas, adoito denominados Ahl as-Sunnah wa'l-Jamā'h ou Ahl as-Sunnah, son as maiores escolas e pólas do islam. A palabra sunnita provén da palabra Sunnah, que significa as ensinanzas e accións ou exemplos do profeta Mahoma; por tanto, o termo sunnita refírese a aqueles que seguen ou manteñen a Sunnah de Mahoma. Os sunnitas cren que Mahoma morreu sen nomear un sucesor para dirixir a Ummah. Tras un período inicial de confusión, un grupo dos seus compañeiros máis salientables reuniuse e elixiu a Abu Bakr, amigo íntimo e sogro de Mahoma, como primeiro califa. Os sunnitas consideran que os catro primeiros califas —Abu Bakr, Umar (`Umar ibn al-Jattāb), Uthman Ibn Affan, e Ali (Ali ibn Abu Talib)— como os al-Khulafā'ur-Rāshidūn ou "Rashidun" ("os califas rectamente guiados"). Os sunnitas cren que o cargo de califa pode ser elixido democraticamente, mais despois dos catro primeiros califas rectamente guiados o cargo converteuse nun goberno hereditario dinástico. Non houbo outro califa amplamente recoñecido desde a caída do Imperio otomán en 1923.

O islam xiíta é a segunda escola e póla islámica máis importante do islam. Os musulmáns xiítas cren que, ao igual que o nomeamento dos profetas, os imáns despois de Mahoma tamén son escollidos por Deus. Segundo os xiítas, Alí foi escollido por Deus e polo tanto designado por Mahoma para ser o sucesor directo e o líder da comunidade musulmá. Considérano o primeiro Imán xiá, que continuou como posición hereditaria a través de Fátima e os descendentes de Alí.

O sufismo é unha forma de islamismo mística-ascética que practican tanto os musulmanes xiítas como os sunnitas. Algúns seguidores sufís considéranse a eles mesmos sunnitas ou xiítas, mentres que outros se consideran só sufís ou con influencia sufí. O sufismo adoita considerarse complementario ao islam ortodoxo, aínda que con frecuencia foi acusado polos salafís de ser unha inxustificada Bid'ah ou innovación relixiosa. Ao centrarse nos aspectos máis espirituais da relixión, os sufís esfórzanse por obter unha experiencia directa con Deus facendo uso de "facultades intuitivas e emocionais" que hai que adestrar para empregar.[18] Pártese da sharia (lei islámica), a exotérica ou práctica mundana do islam, e despois iníciase o camiño místico (esotérico) dunha Tariqah (orde sufí).

Jariyitas (literalmente "os que se separaron") é un vocábulo que abrangue unha variedade de seitas islámicas que, aínda que orixinariamente apoiaban o califato de Alí, finalmente rexeitaron a súa lexitimidade despois de que este negociase con Mu'awiya durante a guerra civil islámica do século VII (Primeira Fitna).[19] A súa queixa era que o Imam debía ser espiritualmente puro, mentres que o compromiso de Alí con Mu'awiya comprometía a súa pureza espiritual e polo tanto a súa lexitimidade como imán ou califa. Aínda que quedan poucos grupos jarijitas ou afíns, a expresión emprégase ás veces para designar os musulmáns que se negan a transixir con aqueles cos que non están de acordo.

Hinduísmo

[editar | editar a fonte]

O Sringeri Matha, tamén chamado Tunga Sringeri Math, separouse tras un cisma co Koodli Sringeri Matha durante o século XVI, despois do cal o Tunga Math gañou prominencia.[20]

O Kanchi Math estableceuse como o Kumbakonam Mutt en 1821 polo rei Maratha de Thanjavur, Serfoji II Bhonsle, como unha póla do Sringeri Mutt, un dos catro Shankaracharya Maths cardinais da corrente principal da denominación Smarta. Converteuse nunha institución cismática cando Tanjore e a Wodeyars de Mysore entraron en guerra entre eles. Tense constancia de que en 1839 o Kumbakonam Mutt solicitou permiso ao recadador inglés de Arcot para realizar o kumbhabhishekham do templo Kamakshi de Kanchipuram.

En 1842, a Compañía Británica das Indias Orientais con sede en Fort William (Calcuta) nomeou o xefe do mutt administrador único do templo Kamakshi. As protestas dos sacerdotes tradicionais do templo Kamakshi están ben documentadas e conservadas. Fort William é tamén a primeira loxa masónica da India.[21] Desde entón, o Math mantivo relacións cordiais co Raj británico aínda que o principal math de Sringeri se inimizou coa potencia colonial[22]

Así pois, o Kanchi Mutt pode afirmar, no mellor dos casos, que a súa orixe se remonta a 1842.[23][24]

Imaxe que mostra unha visión esquemática dos cismas no xainismo

O primeiro cisma no xainismo aconteceu por volta do século IV a.C., levando ao xurdimento de dúas seitas principais, Digambara e Svetambara, que máis tarde foron subdivididas noutras subseitas.[25]

Xudaísmo

[editar | editar a fonte]

Ao longo da historia xudaica, o xudaísmo sobreviviu a moitos cismas, incluíndo o xurdimento do cristianismo. Hoxe, as principais denominacións xudías son o xudaísmo ortodoxo e non ortodoxo: reformista, conservador e reconstrucionista.

As relixións xudía e samaritana son o produto do cisma dunha relixión que ocorreu durante o exilio babilónico no sexto século AEC.[26]

  1. "Devdutt Pattanaik: How Devdutt Saved Buddhism". 
  2. "Devadatta, Buddhist monk - Britannica". Encyclopaedia Britannica. Consultado o 28 de maio de 2022. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cisma.
  4. Mitchell, Scott A. (2016), Buddhism in America: Global Religion, Local Contexts, Bloomsbury Publishing, p. 87.
  5. Gethin, Rupert, The Foundations of Buddhism, Oxford University Press, pp. 253–266.
  6. William H. Swatos (ed.) (1998) Encyclopedia of Religion and Society, Altamira Press, p. 66.
  7. Catecismo de la Iglesia Ortodoxa Oriental, p. 42; La Concordia Cyclopedia citada en Unionismo y Sincretismo - y PLI; Práctica Ortodoxa - Elección de Padres de Dios; Código de Derito Canónico, canon 751
  8. "El Patriarca Bartolomé de Constantinopla rompió la comunión eucarística con el Arzobispo Christodoulos de Atenas " Noticias " OrthodoxEurope.org". orthodoxeurope.org. 
  9. Código de Derecho Canónico, canon 1364
  10. Canon 1312 §1 1°
  11. 11,0 11,1 11,2 ¿libros? id=Hje62q52XNsC&pg=PA41&dq=Nichols+Roma+y+las+Iglesias+orientales+%22sin+del+cisma%22&hl=en&ei=m_yeTMyoI4bgON_VrJsL&sa=X&oi=book_result&ct=result&resnum=1&ved=0CCkQ6AEwAA#v=onepage&q&f=false Aidan Nichols, Rome and the Eastern Churches (Liturgical Press 1992), p. 41 ISBN 978-1-58617-282-4
  12. Kelly, J.N.D. Early Christian Creeds Longmans 1960 pp. 296,7; 305-331
  13. Leithart, Peter J. (2016-10-18). "El caso contra el denominacionalismo: Perpetuando el cisma". En Baker Publishing Group. El fin del protestantismo: La búsqueda de la unidad en una Iglesia fragmentada. Grand Rapids, Michigan. p. 78. ISBN 9781493405831. Consultado o 20 de marzo de 2020. 
  14. "Cismas". gameo.rg. 
  15. Editor. "Islam News Room - Quran 'Miracle 19' is A Lie?". www. islamnewsroom.com. 
  16. ¿Por qué se dividen los musulmanes en diferentes Sectas/Escuelas de Pensamiento Arquivado 15 de setembro de 2008 en Wayback Machine. por Zakir Naik en IRF.net
  17. Sunan al-Tirmidhi Hadiz n.º 171
  18. Trimingham (1998), p.1
  19. Pike, John. "Islam jarijita". www.globalsecurity.org. 
  20. [1]
  21. Deschamps, Simon (2017-06-15). "De Gran Bretaña a la India: La masonería como fuerza de conexión del Imperio". E-rea. Revue électronique d'études sur le monde anglophone (en inglés) 14 (2). ISSN 1638-1718. doi:10.4000/erea.5853. 
  22. "Ataque al templo de Sringeri y genocidio de los hindúes de Karnataka por el Imperio Maratha (1791)". Historia del Islam (en castelán). 2020-10-31. Consultado o 2022-01-04. 
  23. Guruswamy, Mohan (2021-11-30). "Mohan Guruswamy | El Kumbakonam del Kanchi Shankaracharya". Deccan Chronicle (en castelán). Consultado o 2022-01-04. 
  24. "ஆதி சங்கரர் நிறுவியதா காஞ்சி சங்கரமடம்? - முரண்படும் தகவல்கள்". BBC News தமிழ் (en támil). 2018-03-01. Consultado o 2022-01-04. 
  25. Clarke & Beyer 2009, p. 326.
  26. Fried, Lisbeth S. (2014). Esdras e o Direito na História e na Tradição. Univ of South Carolina Press. ISBN 978-1-61117-410-6

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]