Contorno de escritorio
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2019.) |
O contorno de escritorio[1] ou simplemente, escritorio, é a interface gráfica que permite a un usuario realizar operacións nun ordenador interactuando con elementos gráficos coma as iconas ou as fiestras dos programas. Un contorno de escritorio consiste tipicamente de iconas, fiestras, barras de ferramentas, cartafoles, fondos de escritorios e aplicacións de escritorio ou widgets.
Conceptualmente, o contorno de escritorio é unha metáfora co escritorio de traballo real no que se traballa con documentos e cartafoles e no que pode haber ferramentas varias que nos permitan traballar con eses documentos. O software que proporciona o contorno de escritorio ofrece, habitualmente, capacidades de arrastrar e soltar e outras características que fan que esta metáfora do escritorio sexa máis completa e similar á forma de interactuar cos obxectos na realidade.
Elementos dun contorno de escritorio
[editar | editar a fonte]Un contorno de escritorio pode ser separado en varios compoñentes que funcionan independentemente e interactuan entre si para ofrecer a aparencia dun contorno de escritorio.
Os elementos fundamentais dun contorno de escritorio son:
- Xestor de fiestras. Establece como se presentan as aplicacións nas fiestras. Xestiona as diferentes fiestras dos programas, tendo conta delas, e permite traballar nunha ou noutra.
- Xestor de ficheiros. Xestiona os ficheiros e cartafoles e preséntaos de xeito que sexan accesibles dun modo conveniente. Ofrece funcións de ver, copiar e pegar, cambiar permisos ou eliminar eses documentos ou cartafoles.
- Fondos de escritorios, salvapantallas e iconas. Os elementos visuais cos que se interacciona ou ofrecen un determinado aspecto ó escritorio poden vir determinados pola mesma serie de ferramentas, inda que non sempre.
- Aplicacións. Os contornos de escritorio poden ofrecer aplicacións específicas para crear e manexar diferentes tipos de documentos, coma documentos de texto ou vídeos, ou para navegar por Internet ou escribir correos electrónicos.
Contornos de escritorio nos diferentes sistemas operativos
[editar | editar a fonte]Poderíase dicir, dun xeito reducionista, que o contorno de escritorio é todo aquilo que se ve cando se traballa nun ordenador, namentres que o sistema operativo é todo o que media entre o sistema operativo e o hardware.
Os sistemas operativos modernos posúen polo menos un contorno de escritorio e se falamos de sistemas operativos privados o habitual é que posúan un contorno de escritorio único, caso de Windows e macOS.
Dentro dos sistemas operativos libres, como Linux e variantes de BSD, non é necesario aterse a un único contorno de escritorio e habitualmente as distribucións adoitan permitir a escolla entre varios diferentes. Os máis populares son KDE, GNOME e en menor medida Xfce, todos baseados no sistema de fiestras X. Porén, alén destes existe unha miríada doutros como CDE, Aston, EDE, GEM, IRIX Interactive Desktop, Sun's Java Desktop System, Mezzo, Project Looking Glass, ROX Desktop, UDE, Xito ou XFast.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para contorno.