Saltar ao contido

Creacionismo (pseudociencia)

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínase creacionismo ao conxunto de crenzas, inspiradas en doutrinas relixiosas, segundo as cales a Terra, e cada ser vivo que existe nela actualmente, proveñen dun acto de creación por un ou varios seres divinos, cuxo acto de creación se levou a cabo de acordo cun propósito divino.[1] Por extensión desta definición, o adxectivo "creacionista" aplicouse a calquera opinión ou doutrina filosófica ou relixiosa que defenda unha explicación da orixe do mundo baseada nun ou máis actos de creación por un deus persoal, como o fan, por exemplo, as relixións do Libro.[2] Por iso, igualmente denomínase creacionismo aos movementos pseudocientíficos e relixiosos que militan en contra do feito evolutivo.[3]

A creación de Adán, fresco de 1511 de Miguel Anxo, na Capela Sistina.

O creacionismo caracterízase principalmente polos "movementos antievolucionistas", tales como o deseño intelixente,[4] cuxos partidarios buscan obstaculizar ou impedir a ensinanza da evolución biolóxica nas escolas e universidades.

Segundo estes movementos creacionistas, os contidos educativos sobre bioloxía evolutiva teñen que substituírse, ou polo menos contrarrestarse, polas súas crenzas e mitos relixiosos ou coa idea da creación dos seres vivos por parte dun ser intelixente.

En contraste con esta posición, a comunidade científica sostén a conveniencia de diferenciar entre o natural e o sobrenatural, de forma que non se obstaculice o desenvolvemento daqueles elementos que respectan ao benestar dos seres humanos.[5]

As cosmogonías e mitos de carácter creacionista estiveron e están presentes en moi distintos sistemas de crenzas, tanto monoteístas, como politeístas ou animistas. O movemento creacionista politicamente máis activo e coñecido é de orixe cristiá (protestante) e está implantado principalmente, nos Estados Unidos.

Orixe do termo

[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Media, e até a actualidade, o termo "creacionismo" serviu en teoloxía para designar unha das dúas interpretacións alternativas para a orixe da alma persoal, que cada alma é obxecto dun acto especial de creación por Deus, sendo á súa alternativa o traducionismo.[6] O florecemento da filosofía fóra do amparo da Igrexa, desde o Renacemento, conduciu a un uso casual do termo como oposto ao monismo panteísta.[7]

O rápido éxito social (relativo) da teoría de Charles Darwin promoveu a reacción non só dalgúns importantes teólogos, senón tamén dunha parte dos científicos, que vían no darwinismo un importante fundamento para o materialismo filosófico, así como unha porta aberta á refutación do argumento teleolóxico e cosmolóxico para a existencia de Deus. O propio Darwin usou na súa correspondencia o termo "creacionista" para referirse aos seus opositores.[8] Así aparece en 8 ocasións na súa correspondencia publicada, en cartas dirixidas a Bates, Huxley, Bentham e Hooker.[9]

Durante moito tempo, na época do creacionismo clásico, o termo non se usou de maneira xeral para designar a oposición ao evolucionismo darwinista, que se designaba doutras formas. En 1929 o biólogo Harold W. Clark, un adventista do Sétimo Día, describiu como creacionista a obra do seu mestre George McCready Price nun libro autopublicado.[10]

Por algún tempo o termo serviu para describir tanto aos teístas evolucionistas (crentes á vez no Deus creador e na verdade do darwinismo) e aos fundamentalistas bíblicos que, como os dous autores citados, defendían a literalidade bíblica desde os seus títulos universitarios en ciencias.[8]

Relación co evolucionismo

[editar | editar a fonte]

Creacionismo clásico

[editar | editar a fonte]

Os creacionistas clásicos negan a teoría da evolución biolóxica e, especialmente, o referido á evolución humana, ademais das explicacións científicas sobre a orixe da vida. Por isto rexeitan todas as probas científicas (fósiles, xeolóxicas, xenéticas etc.). No creacionismo clásico de orixe cristiá faise unha interpretación literal da Biblia e sostense a creación do mundo, dos seres vivos e o cataclismo do Diluvio Universal tal e como está descrito no Xénese, sen pretender concretar de maneira científica a orixe das especies.

Creacionismo contemporáneo

[editar | editar a fonte]

Creacionismo antievolución actual

[editar | editar a fonte]

A diferenza do creacionismo clásico, no creacionismo máis recente trátase de utilizar igualmente fundamentos de carácter non relixioso a partir de descubrimentos ou coñecementos de disciplinas pertencentes ás ciencias naturais, que se tratan de presentar como se foran probas científicas contra a teoría da evolución. Fálase así de "creacionismo científico", nome que lle dan os seus partidarios. Non obstante, a diferenza das ciencias naturais, neste tipo de creacionismo non se segue o método científico e non se producen hipóteses falsábeis. Debido a estes feitos, o creacionismo científico non logra reunir totalmente en ningunha das súas formas as características dunha teoría científica, e por iso a comunidade científica relacionada co tema descríbeo só como unha proposición pseudocientífica.

Por outra parte, este tipo de creacionismo contemporáneo trata de desdebuxar a distinción entre feito evolutivo (parentesco e transformación das especies ao longo do tempo) e teoría da evolución (síntese evolutiva moderna ou neodarwinismo), englobándoo todo cos termos "evolución", "evolucionismo" ou "darwinismo", e descualificándoo como "unha simple teoría" (xogando co duplo significado da palabra teoría na lingua común e na das ciencias naturais).

Así intenta negar o feito de que a teoría da evolución está considerada como unha das máis grandes e sólidas teorías científicas actuais, que describe un feito sobre o que non existe ningunha proba ou evidencia científica que o refuten.[11]

Deseño intelixente
[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Deseño intelixente.

Outra forma máis sutil deste tipo de creacionismo é o deseño intelixente, movemento que non adoita facer explícita a súa motivación relixiosa. A súa principal actividade consiste en negar en maior ou menor medida a validez e importancia das explicacións evolutivas sobre a orixe das estruturas biolóxicas, para concluír que é necesaria a súa creación por intervención directa dun ser intelixente. O deseño intelixente preséntase polos seus seguidores como unha alternativa ao neodarwinismo pero, ao non formular hipóteses contrastábeis, non cumpre os requisitos do método científico e por iso considérase como unha forma de pseudociencia.

Creacionismo pro-evolución

[editar | editar a fonte]

As formas de creacionismo citadas anteriormente considéranse formas de "creacionismos anti-evolución" porque requiren a intervención directa dun creador. Ademais deste tipo de creacionismo, existe o "creacionismo pro-evolución" expresado polo creacionismo evolutivo e por unha postura filosófica chamada evolución teísta; o creacionismo pro-evolución cre na existencia dun creador e dun propósito, pero tamén acepta que os seres vivos se formaron a través dun proceso de evolución natural. Esta forma de creacionismo non interfire coa práctica da ciencia, nin se presenta como unha alternativa ao neodarwinismo, senón como un complemento filosófico ou relixioso á teoría da evolución.[12]

O creacionismo nos sistemas educativos

[editar | editar a fonte]

Ao non basearse en evidencia científica falsábel e comprobábel, ningunha forma de creacionismo está implementada practicamente no sistema educativo de ningún país do mundo, con excepcións tales como as que sucederon até fins de 2005 nalgúns estados de Estados Unidos, nos que existe unha maioría protestante (e nos que se tratou de substituír a evolución nos libros de texto, e que está actualmente prohibido por unha sentenza xudicial [13]); ou o creacionismo de orixe islámica, presente nalgúns países con crenza maioritaria nesta relixión.

No referente á opinión da Igrexa Católica, está de acordo cun creacionismo que se podería chamar de tipo pro-evolución teísta,[14][15] xa que non interpreta o Xénese de maneira estritamente literal, e non ve contradición da doutrina filosófica e relixiosa da creación, que explica a orixe do universo a partir do nada, coa teoría da evolución biolóxica. Neste sentido, Bieito XVI tamén aclara que as ciencias naturais en xeral e a evolución en particular non poden explicalo todo.[16]

Descrición feita polo creacionismo cristián

[editar | editar a fonte]

Creación da Terra nova

[editar | editar a fonte]

Algúns creacionistas cren que a Terra é moi nova, indicando que o planeta ten menos de 10.000 anos, e xeralmente cren que foi creada por Deus hai 6.000 anos, tal como o describe o Calendario de Ussher. Así, as teorías científicas do universo e a astronomía non se inclúen nesta ideoloxía.

Esta visión é apoiada por múltiplas igrexas protestantes nos Estados Unidos. Estímase nun 47 % o número de estadounidenses que comparten esta opinión, e case o 10 % das universidades cristiás imparten esta teoría nas súas clases.[17] As organizacións cristiás estadounidenses ICR (Institute for Creation Research: Instituto de investigación sobre a creación), en El Cajón (California), e a CRS (Creation Research Society: Sociedade de investigación sobre a creación), en Saint Joseph (Missouri), promoven o "creacionismo da Terra nova". Outra organización estadounidense con similares puntos de vista, AIG (Answers in Genesis: Respostas no Xénese), localizada na área do Gran Cincinnati, abriu o Creation Museum (Museo da creación) para facer campaña en favor do "creacionismo da Terra nova". Entre os católicos estadounidenses, o Kolbe Center for the Study of Creation (Centro Kolbe para o estudo da creación) estaría na mesma órbita.[18]

Como o creacionismo é unha "ideoloxía independente", segundo esta ideoloxía, a Terra é nova e non ten máis de 6.000 anos de antigüidade; isto a través do cálculo e dedución mediante regresións realizadas sobre as idades dos personaxes bíblicos mencionados no Xénese e outras partes da Biblia.

Dentro deste creacionismo existen tres formas:

  • Creacionismo da Terra nova: rexeita absolutamente a evolución das especies e as teorías xeolóxicas sobre a evolución da Terra en todas as súas formas; sendo a forma máis común de creacionismo clásico.
  • Creacionismo da Terra nova ambigua: acepta nunha Terra nova a evolución de todos os seres viventes, excepto a evolución dos seres humanos. Rexeita a teoría da evolución das especies de Darwin así como a orixe do home e o evolucionismo científico.
  • Creacionismo da Terra nova dunha evolución rápida: asegura que Deus dirixiu un tipo de evolución singular de curto período até o sexto día da creación, á que despois se sumou a creación ou o nacemento das primeiras especies.

Creación da Terra antiga

[editar | editar a fonte]

En oposición ao creacionismo da Terra nova, outros creacionistas admiten que a Terra pode ser antiga, é dicir, que podería ter millóns ou incluso miles de millóns de anos. Existen diferentes tipos de creacionismo da Terra antiga:

  • Creacionismo da restitución: sostén que a vida (con ou sen cambios) foi creada de inmediato nunha Terra antiga preexistente.
  • Creacionismo do día-era: sostén que a Terra foi creada por Deus en seis días cósmicos, que serían moito máis longos que os días terrestres (por exemplo, cada día podería durar varios centos de millóns de anos).
  • Creacionismo do deseño intelixente: sostén que a Terra foi creada tal como o explica a xeoloxía, pero describe a evolución da Terra e a vida a través da intervención directa de Deus.
  • Creacionismo da evolución teísta e creacionismo evolutivo: sostén o proceso de formación do universo e os seres vivos como o describe a ciencia (pro-evolución natural) pero postula que, ademais, existe un propósito e unha orixe divina niso; tamén sostén a non incompatibilidade entre a ciencia e a crenza nun deus creador.

A evolución e extinción dos animais e outros seres vivos

[editar | editar a fonte]

Dentro da maioría das doutrinas mencionadas anteriormente, tamén se estima que hai uns miles de anos sucedeu un cataclismo (diluvio universal), no que moitas especies animais desapareceron ao ascender o nivel do mar varios centos de metros. Porén, ao referirse os creacionistas á evolución e extinción dos animais e outros seres vivos, tampouco presentan un consenso sobre estes temas. Desta forma preséntanse as seguintes subclases de ideoloxías creacionistas:

  • Creacionismo que nega a evolución e a extinción: sostén que Deus non crearía grupos de seres que necesitaran cambios ou adaptacións para lograr a supervivencia dos seus descendentes, nin permitiría que seres creados por El se extinguiran. Este creacionismo cre que todos os grupos animais se salvaron na Arca de Noé. Para explicar os fósiles que desmenten as súas crenzas, un subgrupo cre que estes fósiles son falsos, mentres outro subgrupo cre que todos os animais ou algúns espécimes de cada grupo animal que se cren extintos, realmente non o están e vivirían en lugares illados ou descoñecidos, realizando algúns grupos incluso expedicións para encontralos.[19][20][21] Este tipo de creacionismo busca apoio igualmente en pseudociencias, como na criptozooloxía popular.
  • Creacionismo crente na extinción divina: cre só no proceso de extinción e non na evolución, pero a extinción produciríase só por unha intervención e vontade divina. Dentro desta categoría destacan os grupos que cren que os dinosauros e outros animais extintos antigos extinguíronse durante o diluvio universal. Así, estes grupos cren que os fósiles serían só evidencia dun suceso catastrófico de inundación producido polo diluvio descrito na Biblia, e rexeitan as explicacións científicas destes fósiles.
  • Creacionismo crente na evolución e na extinción divina: cre nestes procesos, aínda que se producen por intervención e vontade divina; exemplo diso é a ideoloxía do deseño intelixente.
  1. James L. Hayward (1998): The creation/evolution controversy: an annotated bibliography. EE. UU.: Scarecrow Press / Salem Press, ISBN 0-8108-3386-7
  2. Xudaísmo, cristianismo e islamismo.
  3. Francisco J. Ayala (2007): Darwin y el diseño inteligente. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-4822-4.
  4. Eduardo Arroyo (17 de xullo). "¿Qué es el diseño inteligente?". El Manifiesto. Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2007. Consultado o 13 de xaneiro de 2008. 
  5. Academia Nacional das Ciencias de EE. UU.: Science, evolution, and creationism, documento que explica que é e que non é ciencia, proporciona as evidencias que apoian a validez científica da evolución e expón opinións de destacados líderes relixiosos que defenderon a evolución como compatíbel coa súa visión do mundo.
  6. Encyclopedia Catholica: Creationism
  7. Foulquié, P. & Saint-Jean, R. (1967): Diccionario del lenguaje filosófico. Barcelona: Labor.
  8. 8,0 8,1 Numbers, Ronald L. "Antievolutionists and Creationists". Creationism history (Counterbalance Meta-Library). Consultado o 15-08-2007. 
  9. Life and letters of Charles Darwin (volume 2) e More letters of Charles Darwin (volume 1). en inglés no Proxecto Gutenberg.
  10. Harold W. Clark (1929): Back to creationism: a defense of the scientific accuracy of the doctrine of special creation, and a plea for a return to faith in the literal interpretation... as opposed to the theory of evolution. Angwin (California): Pacific Union College Press.
  11. "ASM Statement on the Scientific Basis for Evolution". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2007. Consultado o 29 de xaneiro de 2011. 
  12. "¿Qué es el darwinismo?" (en castelán)
  13. Véxase Deseño intelixente, sección 8.3 Sentenza do xulgado de Dover: O caso Kitzmiller.
  14. Catholic Answers Adam, Eve, and Evolution Arquivado 29 de marzo de 2008 en Wayback Machine. (en inglés)
  15. Talk Origins Archive. God and Evolution (en inglés)
  16. Homilía de Bieito XVI en Ratisbona Arquivado 04 de decembro de 2018 en Wayback Machine.(en inglés) .
  17. Creation crisis in Christian colleges Arquivado 04 de xullo de 2008 en Wayback Machine. (en inglés)
  18. KolbeCenter.org (Kolbe Center for the Study of Creation). (en inglés)
  19. How Do Dinosaurs Fit With the Bible?
  20. "Genesis Park Site Map". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2007. Consultado o 29 de xaneiro de 2011. 
  21. "Solving the dinosaur dilemma: Bible answers". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2007. Consultado o 29 de xaneiro de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Alemañ Berenguer, Rafael Andrés (2007): Evolución o diseño, ¿un dilema?. ISBN 978-84-95495-76-1
  • Carmena, Ernesto (2006): El creacionismo ¡vaya timo!. ISBN 84-934862-0-5
  • Dupré, John (2006): El legado de Darwin: qué significa hoy la evolución. Buenos Aires: Katz

ISBN 987-1283-18-0

  • Flori, Jean (2000): En busca de los orígenes: ¿evolución o creación?. Madrid: Safeliz.

ISBN 84-7208-105-2

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
A creación da luz segudo Gustave Doré.

Concepto filosófico/teolóxico de creación

[editar | editar a fonte]

Sitios creacionistas

[editar | editar a fonte]

Sitios anticreacionistas

[editar | editar a fonte]

Perspectivas do debate darwinismo fronte ao creacionismo

[editar | editar a fonte]