Creso
Nome orixinal | (grc) Κροῖσος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 596 a. C. |
Morte | c. 546 a. C. (49/50 anos) Sardes, Turquía |
Causa da morte | morte na fogueira |
Rei de Lidia | |
560 a. C. – 546 a. C. | |
Actividade | |
Ocupación | estadista |
Familia | |
Familia | Dinastia Mermnada (pt) |
Fillos | Atys |
Pai | Aliates |
Irmáns | Arienis |
Parentes | Agelaus, devanceiro |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru |
Creso (en grego Κροῖσος, Kroisos), foi o último rei de Lidia, entre o 560 e o 546 a. C.),[1] da dinastía Mermnada. O seu reinado estivo marcado polos praceres, a guerra e as artes.
Creso naceu contra o 595 a. C.. Ao morrer o seu pai Aliates de Lidia no 560 a. C., Creso conquistou Panfilia, Misia e Frixia; en definitiva, someteu todas as cidades gregas de Anatolia ata o río Halis (agás Mileto), ás que fixo importantes doazóns para os seus templos. Debido á gran riqueza e prosperidade do seu país, dicíase del que era o home máis rico do seu tempo.
Ante o inquietante avance de Ciro II de Persia, Creso enviou un mensaxeiro ao Oráculo de Delfos, que lle respondeu que se conducía un exército cara ao leste e cruzaba o río Halis, destruiría un imperio. Alentado polo oráculo, Creso organizou unha alianza con Nabónido de Babilonia, Amosis II de Exipto e a cidade grega de Esparta. Porén, as forzas persas derrotaron a coalición en Capadocia, na batalla do río Halis (547 a. C.). Desta maneira cumpriuse o vaticinio: por culpa de Creso e a súa crenza nos oráculos, destruírase o seu propio imperio lidio.
Fontes antigas
[editar | editar a fonte]Creso é nomeado por catro autores clásicos. Heródoto dedícalle gran parte do primeiro libro da súa Historia, centrándose na conversa con Solón (I, 29-33), a traxedia do seu fillo Atis (I, 34-45) e a fin do imperio lidio (I, 85-89). Plutarco critica a visión de Heródoto por considerala moi negativa e presentar a Creso como un «ignorante, farfallán e ridículo».[2] Xenofonte inclúe a Creso na biografía sobre Ciro, a Ciropedia (VII, 1). Tamén fala brevemente de Creso Ctesias no seu seu encomio a Ciro.[3] Por último, o poeta Baquílides conta na súa terceira oda un suposto fin de Creso na pira.[4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Conquistas en Anatolia e diálogo con Solón
[editar | editar a fonte]Con trinta e cinco anos,[5] Creso converteuse en rei trala morte de Aliates contra 560 a. C.[6] Someteu as cidades gregas de Anatolia, facéndoas tributarias, pero decidiu non atacar os habitantes das illas, por consello dun dos sete sabios de Grecia, que puido ser Biante de Priene ou Pítaco de Mitilene.[7] Convertida a capital de Lidia, Sardes, nun lugar de encontro de sabios pola súa riqueza e esplendor, segundo Heródoto chegou á cidade o ateniense Solón, que viaxaba polo mundo durante dez anos tras promulgar as súas leis. Este encontro parece non obstante que xamais existiu, pois Solón promulgou as súas leis en 594 a. C. e Creso comezou a reinar uns trinta anos despois.[8] En calquera caso, a entrevista con Solón pode ser entendida como unha mostra da filosofía popular do momento. Conta Heródoto que Creso preguntou a Solón cal cría que era o home máis feliz. O ateniense, en vez de dicir que era o rei lidio, mencionou varios nomes, todos mortos tras algunha fazaña e despois de levar unha vida tranquila e gozosa. Ao cuestionarlle Creso por que non apreciaba a felicidade lidia, Solón expresou que «o home era pura continxencia» e só se podería falar sobre a felicidade de Creso despois da súa morte. Creso molesto, deixou marchar a Solón, convencido de ser o máis feliz dos homes.
Desgraza de Atis
[editar | editar a fonte]Creso tiña dous fillos, un eivado e xordomudo ao que desprezaba e, outro, Atis, que destacaba en todos os campos.[9] unha noite tivo un soño que presaxiaba a morte de Atis producida por unha punta de ferro. Para evitar que se cumprira o soño, impediu que o seu fillo correse calquera risco e que se achegase a calquera obxecto punzante. Ademais, acelerou a voda do seu primoxénito, a fin de asegurar a descendencia. Nese contexto, apareceu en Sardes un estranxeiro, Adrasto, de familia real, desterrado por matar o seu propio irmán sen querer. Creso, seguindo a tradición, aceptouno na súa corte e purificouno dos seus crimes. Ao mesmo tempo un xabaril apareceu no país, arrasando todo ao seu paso. Atis suplicou ao seu pai que o deixase formar parte da caza. Este accedeu ao entender que o seu fillo non podía morrer polos cairos do xabaril. Acompañou a expedición Adrasto para vixiar que a Atis non lle ocorrese nada malo. Non obstante, en medio da caza, Adrasto lanzou a súa xavelina con tan mala fortuna que acertou en Atis, matándoo tal como predixera o soño. Ao presentarlle o cadáver a Creso, Adrasto pediulle que o matase en xusta correspondencia co seu infortunio. O rei negouse, ao non consideralo o responsable do mal feito. A pesar de todo, Adrasto suicidouse ao considerarse o máis desgraciado dos homes. Heródoto relaciona a fin de Atis cun castigo divino pola soberbia de Creso mostrada ante Solón.[10]
A morte de Atis cumpre, así mesmo, segundo a narración de Heródoto, a profecía dada polo oráculo de Delfos en ocasión do asasinato do rei heráclida Candaules por parte do mermnada Giges. Segundo a Pitia, este último e os seus sucesores gobernarían os lidios, mais a vinganza caería sobre o quinto descendente de Giges. Esta parte do vaticinio, eclipsada pola outra que daba por bo o reinado mermnada, foi desoída polo agradecido Giges, e esquecida polos seus sucesores.[11]
Guerra contra os persas
[editar | editar a fonte]Despois de superar o dó pola morte do seu fillo, Creso viu como ameaza o crecente poder do imperio persa de Ciro II o Grande, quen destronara a Astiaxes, rei persa casado con Arienis, filla de Aliates e, polo tanto, parente de Creso.[12] Pensando que podería á súa vez conter ese perigo e vingar a Astiaxes, e desexando consultar sobre iso aos oráculos, primeiro decidiu probalos, mandando emisarios a todos os santuarios coñecidos a fin de que adiviñasen que facía nun preciso momento.[13] Realizada a proba, Creso só quedou satisfeito cos vaticinios dos oráculos de Delfos e Anfiarao. Desta forma, decidiu mandar ofrendas e sacrificios a Delfos, a fin de gañar o favor do santuario.[14] Tamén enviou ofrendas a Anfiaro, mais ao descubrir a morte do adiviño só quedou a opción de Delfos.[15] Así pois mandou uns emisarios para que preguntasen se debía emprender a guerra contra Persia. A Pitia contestou de forma ambigua, declarando que se destruiría un imperio, sen deixar claro se sería o persa. Creso non tivo dúbidas e mesmo fixo unha terceira consulta, sobre canto duraría a súa monarquía, ao que a Pitia contestou que só a perdería cando unha mula reinase sobre os medos.[16] Creso pensou que xamais reinaría ningún, mais non se deu de conta de que realmente a Ciro se lle podía considerar unha «mula», por ser fillo dunha parella de diferente condición.[17]
Interpretados desa maneira os oráculos, Creso non dubidou da súa vitoria e decidiu organizar en primeiro lugar unha expedición a Capadocia, localizada ao outro lado do río Halis, que facía de límite natural entre territorios lidios e persas.[18] Previamente concretou unha alianza cos lacedemonios, aos que consideraba como os gregos máis poderosos, e con quen os lidios sempre mantiveran boas relacións.[19] Antes de partir, fixo caso omiso a unha recomendación do sabio Sandamis, consistente na argumentación de que organizar un enfrontamento contra os persas, homes carentes de riquezas, puña en risco os lidios que, ao seu modo de ver, fronte a un desenlace positivo nada gañarían, mentres que fronte a un negativo podían perder moito.[20]
Tras cruzar o Halis, as tropas de Creso establecéronse en Pteria, comarca de Capadocia, e escravizaron os seus habitantes. Pola súa banda, Ciro dirixíase ao seu encontro sumando tropas mentres avanzaba. Os exércitos de ambas as partes encontráronse alí e pelexaron ata que se puxo o sol sen que ningún resultase vencedor. Comprendendo Creso ao día seguinte que o seu exército era menor en número, decidiu volver a Sardes e pedir auxilio aos exipcios e babilonios, con cuxos respectivos reis Amosis II e Labineto (probablemente Nabonido)[21] tiña concertada unha alianza.[22]
Toma de Sardes
[editar | editar a fonte]Ao regresar de Capadocia á súa capital, Sardes, Creso mandou emisarios aos seus aliados para que confluísen na cidade en catro meses,[23] coa fin de formar un exército capaz de derrotar a Ciro. Segundo Heródoto,[24] despediría os seus mercenarios xa que ía formar un mellor exército. Ciro daríase conta da marcha dos mercenarios e entendería as intencións de Creso polo que avanzou rapidamente cara á capital. Ao norte desta tivo lugar a batalla de Timbrea, na que ambos os exércitos se enfrontaron e que significou a vitoria bélica decisiva para os persas, que obrigaron os lidios a refuxiarse tralas murallas da cidade. Creso cría a Sardes inexpugnable e, pensando nun longo asedio, mandou máis emisarios aos aliados, aos efectos de pedirlles que descartasen o tempo de espera antes notificado e fosen no seu auxilio o antes posible.[25] a inexpugnabilidade da cidade provén dunha lenda segundo a que o rei Meles fixo pasear polas murallas da cidade un león consagrado a Sandón, mais deixou unha parte da muralla, xa que era unha zona escarpada pola que parecía imposible acceder. Con todo, un persa decatouse de que se podía acceder por esa zona, e o exército de Ciro puido tomar a cidade antes incluso de que os espartanos, principais aliados de Creso, puidesen partir do seu porto. Heródoto fai coincidir os días de asedio, catorce, cos anos que reinou Creso en Lidia. Deste modo, os persas capturaron a Creso o ano seguinte da batalla de Capadocia, no 546 a. C.
Creso prisioneiro
[editar | editar a fonte]Sobre o ocorrido tras o seu apresamento hai dúas versións, unha contada primeiro por Heródoto e outra por Baquílides.[26] Ambas coinciden en que Creso foi conducido a unha pira e ao iniciarse o lume, en vez de implorar a calquera deus, lembrou a Solón, que lle falara da inestabilidade do home, berrando o seu nome. Ciro, intrigado, preguntoulle sobre Solón. Segundo Heródoto, Creso respondeu que Solón «é aquel que eu desexara tratasen todos os soberanos da Terra, máis ben que posuír inmensos tesouros», e referiulle o sucedido e o que Solón dixera sobre a felicidade, é dicir, que a fortuna do home é tan cambiante que só é posible coñecer ou medir a súa felicidade despois de que morrese.[27] Heródoto formula a cuestión dun xeito teatral, de como un home pode aprender dos erro doutro; ademais, sérvelle para trasladar a partir dese momento a súa atención de Creso a Ciro na súa historia.[28]
En todo caso, as palabras de Creso sobre Solón conmoveron a Ciro e, vendo reflectida a súa felicidade actual na outrora boa fortuna de Creso, mandou apagar o lume, aínda que demasiado tarde. A partir dese punto as versións contradinse. A máis defendida, polo propio Heródoto, Éforo, Xenofonte e Ctesias di que Creso ao ver o arrepentimento de Ciro implorou aos deuses e estes apagaron o lume cunha tormenta. Na outra versión, expresada por Baquílides, Creso morre de forma voluntaria a pesar da tormenta. A Crónica de Nabónido tamén apoia a teoría da morte de Creso, ao contar que Ciro conquistou Lidia e matou o seu rei. Seguindo a primeira versión, conta Heródoto,[29] que quedou na corte de Ciro, sendo ben tratado e servindo o rei persa e o seu fillo Cambises, como conselleiro. Así o mostra Heródoto,[30] aconsellando a Ciro que atacase aos masagetas no país destes e non na propia Persia como propuxera Tomiris, raíña dos masagetas. Antes de partir á batalla, na que finaría, Ciro deixou a Creso con Cambises, ao que xa nomeara herdeiro.
O reinado de Creso
[editar | editar a fonte]Goberno
[editar | editar a fonte]Conta Heródoto que as leis lidias coas que gobernou Creso foron moi parecidas ás dos gregos, pero sinala unha excepción consistente na prostitución voluntaria das mulleres lidias como forma de obter o dote antes de contraeren matrimonio, o que constituiría unha peculiaridade das costumes lidias e das leis que as regulan.[31]
O historiador francés Victor Duruy afirma que o dominio de Creso foi «bastante suave» e que este feito explica en parte o rexeitamento que os gregos asiáticos sentían por Ciro e os persas. Considera ademais que o monarca, nos seus modos e costumes, era «case grego», é dicir, a ton cos pobos baixo seu dominio: estaba casado cunha xonia, consultaba oráculos, gustaba das artes, recibía os sabios de Grecia e pedía o auxilio dos lacedemonios. O mesmo historiador destaca de Creso o feito de que non fose avaro (afirmación que atopa apoio en varias historias referidas por Heródoto; por exemplo, a que comenta os custosos e moitos regalos que deixou en Delfos para Apolo e os seus habitantes, ou a que fala sobre a entrega de ouro en calidade de regalo aos lacedemonios moito tempo antes de procurar unha alianza con eles).[32]
Moedas
[editar | editar a fonte]Atribúese a Creso a emisión das primeiras moedas de ouro, entre os anos 640 e 630 a. C. Estes estateros, coñecidos hoxe como creseidas, tiñan unha pureza normalizada e unha circulación xeral. Baseábanse nunha aliaxe de electro, é dicir, ouro e prata con trazas de cobre e outros metais. A composición destas moedas sería similar aos depósitos de sedimentos do río da capital Sardes.[33]
- Artigo principal: Creseida.
Predecesor: Aliates |
Rei de Lidia 560 a. C. - 546 a. C. |
Sucesor: Ciro o Grande |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Croesus: Between Legende ande History (en inglés). Maicar. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 7 de febreiro de 2009.
- ↑ Plutarco, Sobre a malevolencia de Heródoto (18)
- ↑ A obra de Ctesias está perdida, pero coñécese por un epítome de Focio.
- ↑ Bacchylides (1991). "Ode 3 For Hieron of Syracuse Chariot-Race at Olympia 468 B. C.". En Arnson Svarlien, Diane. Epinicians. Perseus Digital Library (en inglés).
- ↑ A tradución de Bartolomé Pou sinala a coroación de Creso aos trinta e un anos.
- ↑ Relata Heródoto que un inimigo de Creso formara un partido co obxecto de que fose coroado Pantaleón, medio irmán paterno do futuro rei lidio.
- ↑ Heródoto, Historia (I, 26-28)
- ↑ Miller, M. "The herodotean Croesus", Klio 61 (1963), 58-94.
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 34)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 34-45)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 13)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 56, 74)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 47)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 50-51)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 52)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 53-56)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 91)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 72)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 69-70)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 71)
- ↑ Rollin, Charles (1835). Storia Antica. Versione ridotta a lezione migliore arricchita di annotazioni, Volumen 2 (en italiano). p. 53. Consultado o 19 de outubro de 2010.
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 76)
- ↑ A tradución de Bartolomé Pou sinala o tempo de espera referido para o encontro cos aliados en cinco meses.
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 74-86)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 81)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 86-87) e Baquílides (III, 23-69)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 32, 86)
- ↑ Cardoso Gomes, Mario (2008). Creso, ou rei do Lidia (PDF) (en portugués). Tempo & Memoria. p. 96. Consultado o 19 de outubro de 2010.[Ligazón morta]
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 88-91)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 207-208)
- ↑ Heródoto, op. cit., (I, 94)
- ↑ Duruy, Víctor (1859). Historia de Grecia. Tomo primeiro. p. 214. Consultado o 19 de outubro de 2010.
- ↑ Golde Coins (en inglés). Tax Free Golde. Consultado o 20-10-2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Creso |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Heródoto, Historias, Libro I.