Cygnus
Cygnus | |
---|---|
Nome latino | Cygnus |
Abreviatura | Cyg |
Xenitivo | Cygni |
Simboloxía | O Cisne |
Ascensión recta | 20.62 h |
Declinación | +42.03° |
Área | 804 graos cadrados
Rango 16º |
Número de estrelas
(magnitude < 3) |
4 |
Estrela máis brillante | Deneb (α Cyg)
(magnitude ap. 1.25) |
Choiva de meteoros | |
Constelacións
lindeiras |
|
Visible en latitudes entre +90° e −40°
Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de setembro | |
Cygnus ou Cisne[1] é unha constelación do hemisferio norte que atravesa a Vía Láctea. Dado o patrón das estrelas principais, ás veces é coñecida coma a Cruz do Norte (en contraste coa Cruz do Sur). Contén a Deneb, unha estrela de primeira magnitude e un grupo de seis estrelas que forman a Cruz do Norte.
Estrelas principais
[editar | editar a fonte]- α Cygni (Deneb), a estrela máis brillante da constelación con magnitude aparente 1,25, é unha estrela superxigante branco-azulada. Moi afastada de nós, non se coñece a súa distancia con exactitude, podendo estar entre 1600 e 3200 anos luz. O seu brillo ten que ser extraordinario, cunha luminosidade entre 60.000 e 250.000 soles.
- β Cygni (Albireo), con magnitude 3,05, é unha estrela dobre onde as dúas compoñentes, unha amarela e a outra azul, están separadas 34 arcsec. Á súa vez, a primeira delas é unha binaria espectroscópica.
- γ Cygni (Sadr), a segunda máis brillante da constelación con magnitude 2,23, superxigante amarela a 1300 anos luz.
- δ Cygni, de magnitude 2,86, un sistema estelar triplo.
- ε Cygni (Giennah), de magnitude 2,48, unha [xigante laranxa].
- ζ Cygni, estrela de bario cunha anana brhanca de compañeira.
- ξ Cygni, superxigante laranxa de magnitude 3,72 situada a uns 1200 anos luz.
- ο Cygni, designación de Bayer compartida por dúas estrelas distintas, ο1 Cygni e ο2 Cygni; curiosamente as dúas son binarias eclípsantes.
- χ Cygni, estrela superxigante de tipo espectral S, cunha magnitude oscila entre 3,62 e 15,00, a maior variación coñecida nunha estrela.
- ω² Cygni (Ruchba), estrela binaria onde a súa observación é moi interesante polo contraste entre ambas compoñentes (vermella e azul).
- 61 Cygni, estrela binaria formada por dúas ananas laranxas nas proximidades do sistema solar (11,36 anos luz), unha das mellores para observar cuns prismáticos.
- 16 Cygni, sistema triplo composto por dúas ananas amarelas semellantes ó Sol, e unha anana vermella: descubriuse un planeta extrasolar ó redor dunha das estrelas amarelas.
- Gliese 777, sistema binario onde a compoñente principal ten dous planetas extrasolares.
- GJ 1245 (V1581 Cygni), sistema estelar triplo a uns 15 anos luz da Terra.
- HD 188753, cun posible planeta extrasolar, sería o primeiro descuberto ó redor dun sistema estelar triplo.
- P Cygni, estrela hiperxigante variable luminosa azul, unha das máis brillantes da galaxia. A súa magnitude aparente é 4,8.
- KY Cygni, unha colosal superxigante vermella, unha das máis grandes que se coñecen.
- SS Cygni, posiblemente a estrela variable máis observada do firmamento, cunha magnitude que varía entre 8,3 e 12,2.
- TT Cygni, estrela de carbono cunha cuberta de po ó redor.
- Cygnus X-1, un sistema binario composto por unha superxigante azul e outro obxecto masivo, probablemente un burato negro.
Obxectos Notables do espazo profundo
[editar | editar a fonte]- Nebulosa Norteamérica (NGC 7000), situada ó leste de Deneb, a súa forma lembra ó continente norteamericano.
- Nebulosa Pelicano (IC 5070), o seu nome debese á forma semellante á desta ave.
- Nebulosa do Velo NGC 6960, NGC 6992 e NGC 6995, é o resto dunha antiga supernova.
- Nebulosa Medialuna (NGC 6888), formada por unha estrela de Wolf-Rayet (WR 136).
- Nebulosas planetarias NGC 6826 (Nebulosa do Ollo que Pestanexa), NGC 6884, NGC 7027.
- Nebulosa do Ovo (RAFGL 2688), protonebulosa planetaria bipolar.
- Nebulosa do casulo (IC 5146)
- Galaxia NGC 6946, no límite coa constelación de Cepheus, onde se teñen observado varias supernovas.
Historia e mitoloxía
[editar | editar a fonte]Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2020.) |
Na mitoloxía grega, a constelación representaba varios cisnes lendarios. Así, Zeus disfrazouse de cisne para seducir a Némesis, da que, segundo algunhas versións, naceu Helena de Troia.
Orfeo foi transformado en cisne trala súa morte, e dicíase que fora posto no firmamento xunto coa súa lira (Lyra).
Finalmente, cóntase que representa un rei de nome Cicno que era un parente ou amante de Faetón. O fillo de Apolo, Faetón, enganou ó seu pai permitíndolle montar no carro do Sol, pero perdeu o control e foi abatido por Zeus. Despois da morte de Faetón, Cicno mergullouse no río Erídano para atopalo. Fíxoo tantas veces, que se foi transformado no cisne Cygnus, e hoxe é visible no ceo.
Por outra parte, Cygnus, xunto a outras constelacións no signo zodiacal de Saxitario (en concreto Lyra e Aquila, xunto á propia Saxitario), poden ter un papel significativo na orixe do mito das Aves de Estinfalo, unha das doce tarefas de Hércules.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cygnus |