Djalma Dias
Djalma Dias | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Djalma Pereira Dias Júnior | ||
Nacemento | 21 de agosto de 1939 | ||
Lugar de nacemento | Río de Xaneiro | ||
Falecemento | 1 de maio de 1990 | ||
Lugar de falecemento | Río de Xaneiro | ||
Altura | 177 centímetros | ||
Posición | Defensa | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1959–1961 | America | ||
1963–1967 | Palmeiras | 239 | (2) |
1968–1969 | Atlético Mineiro | ||
1969–1972 | Santos | 109 | (3) |
1971–1972 | → Botafogo (cedido) | ||
Selección nacional | |||
1962–1970 | Brasil | 21 | (0) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Djalma Pereira Dias Júnior, nado no Río de Xaneiro o 21 de agosto de 1939 e finado na mesma cidade o 1 de maio de 1990, foi un futbolista brasileiro que xogaba de defensa. Foi internacional coa selección do Brasil a finais dos anos 60 e principios dos 70.
Foi pai de Djalminha, futbolista do Deportivo da Coruña e tamén internacional co Brasil, e curmán de Carlos Alberto Torres, capitán da canarinha que conquistou o Mundial de 1970.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]America Football Club (1956-1963)
[editar | editar a fonte]Comezou a súa carreira no club carioca America, no que entrou en idade infantil-xuvenil en 1956.[1] Subiu ao primeiro equipo en 1958 da man do técnico húngaro Gyula Mándi. En 1960 gañou co America o Campionato Carioca de fútbol, título que o club non gañaba dende había 25 anos.[2] Ademais foi elixido mellor defensa do campionato, galardón que gañou de novo na tempada seguinte.[1]
En 1962 conquistou a International Soccer League, unha competición organizada en Nova York entre equipos europeos e americanos, tras quedar o equipo primeiro do seu grupo e derrotar na final ao Belenenses portugués.[3]
Palmeiras (1963-1968)
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 1963 foi traspasado ao Palmeiras por 29 millóns de cruceiros, un dos prezos máis altos pagados por un futbolista no Brasil daquela época.[1] Xogou varias tempadas co club paulista, gañando os campionatos paulistas de 1963 e 1966 e o Torneo Río-São Paulo de 1965. Continuou como titular indiscutible no inicio do Campionato Brasileiro de 1967, onde o equipo se colocou primeiro. Os problemas chegaron en abril, á hora de renovar o contrato do xogador. Os desacordos entre futbolista e club fixeron que fose apartado do equipo, estando sen xogar nin cobrar case un ano e negándose o club a cedelo a outros equipos interesados como o do Fluminense. O futbolista tivo que vender o seu apartamento para poder sustentar a súa familia e o caso chegou aos tribunais.[1] Finalmente o asunto resolveuse en febreiro de 1968, cando o xogador foi traspasado ao Atlético Mineiro.
Atlético Mineiro (1968-1969)
[editar | editar a fonte]Co "Galo" rematou subcampión do Campionato Mineiro dese ano, por detrás do seu máximo rival, o Cruzeiro.
Santos (1969-1972)
[editar | editar a fonte]En abril de 1969 fichou polo Santos de Pelé, co que conquistou o seu terceiro Campionato Paulista ese mesmo ano. Disputou ademais a Recopa Mundial, xunto a Real Madrid, Inter de Milán, Racing de Avellaneda e Peñarol, gañando o título tras derrotar ao Inter na final en San Siro por 1-0.[4]
Cesión ao Botafogo (1971-1972)
[editar | editar a fonte]Entre 1971 volveu ao fútbol carioca, sendo cedido ao Botafogo, ao que axudou a chegar ao triangular final do Campionato Brasileiro de 1971, que acabou gañando o Atlético Mineiro.[5] A mediados de 1972, tras unha segunda cesión ao Botafogo, volveu ao Santos, e, a pesar de quedar libre para fichar por outro equipo decidiu colgar as botas aos 33 anos.[1]
Tras a retirada (1972-1990)
[editar | editar a fonte]Despois de deixar o fútbol profesional tivo varios negocios como un taller mecánico e unha editorial de libros. Continuou xogando ao fútbol con equipos de veteranos e nos anos 80 xogou na selección brasileira de veteranos, coa que quedou subcampión do mundo en 1987 na primeira edición do Mundial de Veteranos ou Copa Pelé.[6]
Selección brasileira
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección brasileira en 21 ocasións. Foi incluído na lista de pre-convocados para o Mundial de 1962 en Chile, estreándose coa selección unhas semanas antes do certame, nun partido amigábel contra a selección de Gales no estadio do Maracaná que rematou con vitoria brasileira por 3-1.[7] Con todo, non foi incluído na lista de convocados final para o Mundial que acabaría gañando a canarinha, decantándose o seleccionador Aymoré Moreira por Hilderaldo Bellini e Mauro Ramos para a súa posición.[1]
Volveu á selección en 1965 e o ano seguinte xogou varios partidos de preparación para o Mundial de 1966 en Inglaterra, pero finalmente volveu caer da convocatoria final para a Copa, onde Vicente Feola preferiu a Brito e de novo a Bellini.[8] A historia repetiuse por terceira vez antes do Mundial de 1970 en México, e a pesar de ter xogado como titular en todos os partidos de clasificación para o Mundial, Mário Zagallo deixouno de novo ás portas de disputar a Copa do Mundo.[1][9][10]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Era curmán de Carlos Alberto Torres, capitán da selección brasileira no Mundial de 1970, e co que coincidiu varias veces na canarinha.[11][12]
Foi pai de Djalminha, centrocampista tamén da selección brasileira que comezou a súa carreira no Flamengo e destacou no Deportivo da Coruña, onde se converteu nun ídolo da afección. Con todo, non tivo a oportunidade de ver a Djalminha vestindo a camisola do equipo brasileiro, pois faleceu antes do debut internacional deste.[1]
Palmarés
[editar | editar a fonte]América
[editar | editar a fonte]- Campionato Carioca (1): 1960.
- International Soccer League (1): 1960.
Palmeiras
[editar | editar a fonte]- Campionato Paulista (2): 1963 e 1966.
- Torneo Río-São Paulo (1): 1965.
- Campionato brasileiro (1): 1967.
Santos
[editar | editar a fonte]- Campionato Paulista (1): 1969.
- Copa Estado de São Paulo (1): 1970.[13]
- Recopa Mundial (1): 1968.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 do Valle, Emmanuel (21 de agosto de 2019). "Djalma Dias, 80 anos: Mesmo sem Copa, um mestre da zaga no futebol brasileiro" (en portugués). Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ "Placar Magazine" (91). Editora Abril. 10 de decembro de 1971: 26.
- ↑ "En 1962 el Real Oviedo debutaba en la Liga Internacional de Fútbol". 4 de xullo de 2018. Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ "Final da Recopa Mundial de 1968". ceroacero.es (en castelán). Consultado o 99 de decembro de 2020.
- ↑ "Brazil 1971 Championship - Primeiro Campeonato Nacional de Clubes". rsssfbrasil.com. Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ "Argentina también ganó el Mundial de Veteranos". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 19 de xaneiro de 1987. p. 30.
- ↑ "Brasil - Gales 1962". worldfootball.net (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ Valença Schwob, Marcelo Rousseau (2017). Silva, o Batuta: O craque e o futebol de seu tempo (en portugués). LivrosdeFutebol. ISBN 9788565193153.
- ↑ "Partidos internacionais de Djalma Dias". worldfootball.net (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ "Llega el genio insolente". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xullo de 1997. p. 22.
- ↑ "Parentes" (en portugués). 14 de xuño de 2014. Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ "Djalma, "um bom garoto"". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xaneiro de 2001. p. 34.
- ↑ "Djalma Dias é destaque na Galeria dos Imortais" (en portugués). Consultado o 24/04/2020.