Saltar ao contido

Ectotermia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As tartarugas do xénero Pseudemys son ectotérmicas.
A bolboreta Junonia lemonias quentándose ao sol.

A ectotermia é a dependencia de fontes externas para a obtención de calor.[1]

Algúns autores substituíron con este termo o máis antigo de poiquilotermia, termo aplicado a certos animais con temperatura corporal variábel (animais de sangue frío, na fala popular), aínda que a ectotermia comporta certas pautas de comportamento conducentes a aproveitar as fontes de calor externas de maneira que poidan derivar en temperaturas corporais relativamente estábeis, sendo ademais un sistema de regulación do ritmo metabólico, polo que ambos os termos non son, xa que logo, sinónimos.[2]

Os organismos ectotermos ou ectotérmicos son aqueles organismos nos que a temperatura corporal é a mesma que a do medio exterior e non é por tanto producida polo propio organismo. É o caso dos insectos, os réptiles e dos peixes, por exemplo.[2]

En pequenas criaturas acuáticas, como os rotíferos, a poiquilotermia é practicamente absoluta, pero outros animais teñen á súa disposición varias opcións fisiolóxicas, e poden evitar cambios de temperatura ambiente ou, polo menos, moderar os seus efectos.[2]

Numerosos organismos ectotermos son tamén poiquilotermos. Porén isto non é xeral; popr exemplo os peixes de mar son ectotermos homeotermos: en efecto, a súa temperatura corporal varía moi pouco porque está regulada pola estabilidade térmica do seu medio mariño.

Beneficios e custos

[editar | editar a fonte]

A ectotermia ten vantaxes e desvantaxes respecto á endotermia. Os organismos endotermos (animais de sangue quente) xeran calor a partir da enerxía química contida nos alimentos, polo que teñen que alimentarse a diario, incluso varias veces ao día (como os humanos, por exemplo) ou en grandes cantidades diarias (no caso dos elefantes). Pola contra, os ectotermos non teñen que alimentarse cada día, mesmo poden, nalgúns casos, estaren meses sen facelo.[Cómpre referencia] Como desvantaxe, os seres ectotermos xeralmente non habitan en ambientes con temperaturas extremas e son altamente dependentes dos cambios ambientais, mentres que os endotermos poden vivir en hábitats máis fríos ou máis cálidos, sempre que poidan alimentarse.

Métodos para estabilizar a temperatura corporal

[editar | editar a fonte]

Dentro dos animais que se consideran como ectotermos, diferéncianse en primeiro lugar dous tipos de estratexias condutuais, que non son mutuamente excluíntes, pudendo un animal seguir unha ou outra dependendo do seu sistema de vida:

  • Conformistas ou poiquilotermos, cuxa temperatura corporal flutúa en conxunto coa ambiental.
  • Reguladores ou homeotermos, nos que a temperatura corporal é relativamente estábel e se encontra sobre ou baixo a temperatura ambiental. A diferenza dos homeotermos endotermos, a temperatura corporal mantense estábel en base á regulación condutual.

Á súa vez existen diferentes métodos para intentar estabilizar a temperatura corporal.

  • A heliotermia, ou captación de calor a partir da radiación solar, é o sistema máis visíbel de regulación térmica no mundo animal, moi estendido nos réptiles, e un sistema complementario utilizado polos animais endotermos.
  • A tigmotermia é a captación da calor por condución, poñéndose o animal en contacto con superficies máis quentes, adquirindo a calor acumulada en pedras ou superficies quentadas previamente polo Sol ou outro sistema. Moitos grandes réptiles aproveitan pedras quentes para descansaren despois comer, para aumentar a súa temperatura abdominal e favorecer a dixestión. Os réptiles de zonas sombrías (como os escánceres de climas temperados, por exemplo) acubíllanse baixo pedras quentes para optimizar a súa temperatura. Moitos animais acuáticos tamén aproveitan as zonas de augas máis quentes para regular termicamente o seu corpo ao longo do día, segundo as súas necesidades de actividade.
Algúns exemplos
Crocodilo do Nilo quecéndose en terra.
  • os crocodilos entran na auga ao anoitecer, xa que esta mantén máis a temperatura e se encontra máis quente que o aire exterior e, ao amencer, saen cos primeiros raios de sol e quedan quietos, coa boca aberta, para teren máis superficie en contacto directo cos raios solares.
  • as formigas adoitan construír túneles superficiais nos seus formigueiros debaixo de grandes pedras que están expostas ao Sol pola súa cara superior. As pedras, en xeral, teñen maior inercia térmica que o solo do arredor, captan a calor, retéñena máis tempo e transmítena máis lentamente ao ambiente. As formigas logran así unha maior temperatura e estabilidade térmica nas zonas do formigueiro baixo a pedra.
  • moitos ortópteros (saltóns) presentan pautas de comportamento adaptadas a obter un aproveitamento óptimo da calor dos raios solares. A primeira hora do día buscan orientacións verticais, por exemplo sobre unha planta, para captaren os primeiros raios de sol. Seguidamente buscan a superficie do solo, nunha orientación horizontal, pegándose a el, pregando as patas, para captar a maior radiación posíbel do Sol, así como a reemitida polo solo. Durante as horas centrais do día, cando a calor xa é elevada, buscan outra volta orientacións verticais para expoñerse o menos posíbel ao Sol, ou colócanse no chan en zonas sombrías e estirando as patas para permaneceren afastados do solo.

Crese que a maioría dos dinosauros e réptiles mamiferoides tiñan unha estratexia basicamente ectoterma, aínda que non poden descartarse sistemas mixtos ectotermo-endotermo.[Cómpre referencia]

  1. O termo deriva das palabras gregas ἐκτός ektós, "fóra" e θερμός thermós, "quente".
  2. 2,0 2,1 2,2 Davenport, John (1991): Animal Life at Low Temperature. Springer. ISBN 978-0-412-40350-7.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]