Edificio da Equitativa
Edificio da Equitativa | |
---|---|
Edificio | |
Nome inicial | La Equitativa |
Tipo | edificio comercial e de vivendas |
Estilo | academicista monumentalista, con toques clasicistas |
Localización | Rúa Marqués de Valladares 21, Vigo, Galicia, España |
Coordenadas | 42°14′18″N 8°43′23″O / 42.23845, -8.7230055555556 |
Remate | 1948 |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Manuel Cabanyes Mata |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Edificio da Equitativa (La Equitativa) é un inmoble senlleiro que se atopa no chafrán das rúas Marqués de Valladares e Reconquista, no centro da cidade de Vigo. O edificio proxectouno en 1948 o arquitecto asturiano Manuel Cabanyes Mata nun estilo academicista monumentalista, con toques clasicistas, mantendo unha linguaxe característica desta etapa de posguerra con ornamentación que lembra o eclecticismo. O edificio foi deseñado para acoller a sede dunha compañía aseguradora (hoxe integrada en AXA[1]) e vivendas.
La Equitativa era unha filial española da compañía de seguros estadounidense The Equitable Life Assurance Society of the United States. No século XIX a compañía coñecíase en España co nome La Equitativa de los Estados Unidos, porén o nome viuse acurtado a La Equitativa logo de que en 1898 o pobo arrincase o escudo dos Estados Unidos que decoraba o pazo madrileño da empresa por mor da guerra de Cuba[2].
Trátase dun edificio simétrico no cruzamento das rúas Marqués de Valladares e Reconquista, que forman un chafrán arredondado, onde o edificio ten a súa entrada principal. A fachada é de cantaría de granito galego, e conta con soto na baixada da rúa, planta terrea, un elevado entresollado, cinco andares e un andar adicional no chafrán a xeito de corpo torreado de decoración clasicista e rematado cun pavillón circular con columnas toscanas pareadas e unha fornela da deusa da xustiza, coa balanza na man e a verba Equitas gravada na peaña, símbolo da compañía aseguradora. Cómpre salientar as cornixas sobrevoadas,a primeira separa o entresollado do resto dos andares e a segunda rematando os andares antes de se elevar a torre. O segundo andar do chafrán ten un balcón corrido sustentado sobre canzorros[3]. O entresollado ten unhas pilastras decorativas e grandes columnas par da porta principal que resaltan o uso comercial desta parte do edificio[4].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Fachada dende a Rúa Marqués de Valladares
-
Fachada dende a Rúa da Reconquista
-
Detalle do pavillón do chafrán
-
Antiga placa da aseguradora
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Edificio da Equitativa |