Elaine May
Elaine Iva May (de solteira Berlin), nada en Filadelfia o 21 de abril de 1932,[1][2] é unha guionista, directora de cinema, actriz e cómica estadounidense. Logrou o recoñecemento na década de 1950 polas súas rutinas de comedia improvisada con Mike Nichols e máis adiante emprendeu unha carreira como directora e guionista.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Despois de estudar actuación coa recoñecida actriz e profesora de teatro Maria Ouspensakaya nos Ánxeles, mudouse a Chicago en 1955 e converteuse en membro fundadora de Compass Players, un grupo de teatro improvisado. May comezou a traballar con Mike Nichols, que tamén formaba parte do grupo, e xuntos comezaron a escribir e interpretar os seus propios sketches de comedia, que foron enormemente populares. [4] En 1957 ambos abandonaron o grupo para formar o seu propio grupo escénico, Nichols and May, na cidade de Nova York.[3]
Actuaban en escenarios en que se esgotaban todas as entradas, ademais de facer aparicións na televisión e na radio. Nos seus espectáculos de comedia creaban escenas satíricas e tipos de personaxes que se burlaban da nova orde intelectual, cultural e social que estaba a emerxer nese momento. Este feito foi fundamental para eliminar o estereotipo de que as mulleres non podían ter éxito na comedia en vivo. Xuntos convertéronse nunha inspiracións para moitos cómicos máis novos, incluídos Lily Tomlin e Steve Martin. Logo de catro anos, na cima da súa fama, decidiron deixar de actuar. May converteuse en guionista e dramaturga, ademais de actuar e dirixir. O seu relativamente breve tempo xuntos como estrelas da comedia levou o presentador do programa de entrevistas de Nova York, Dick Cavett, a referirse ao seu espectáculo coma "un dos meteoritos cómicos no ceo". Gerald Nachman sinalou que "Nichols e May son quizais os máis estrañados entre todos os comediantes satíricos da súa época".[3]
O seu traballo como guionista foi candidato en dúas ocasións ao Óscar, por Heaven Can Wait (1978) e Primary Colors (1998). May foi eloxiada pola serie de filmes que dirixiu na década de 1970, a comedia negra de 1971 A New Leaf, en que tamén actuou, a comedia romántica de 1972 The Heartbreak Kid. A carreira de May sufriu entón un importante revés. Tralas dúas comedias, pasou a escribir e dirixir un drama criminal titulado Mikey and Nicky, protagonizado por Peter Falk e John Cassavetes. Cun orzamento de 1,8 millóns de dólares e programadao para ser estreado no verán de 1975, o filme custou 4,3 millóns e non se estreou ata decembro de 1976. Finalmente foi despedida por Paramount Pictures (estudio que financiou o filme), mais conseguiu que volvesen contratala agachando dous rolos de negativos ata que o estudio a readmitiu. O fracaso comercial do filme danou a súa carreira en Hollywood e non volveu dirixir durante unha década.
Foi Warren Beatty quen decidiu darlle outra oportunidade. Colaboraron en Ishtar (1987), protagonizado por Beatty e Dustin Hoffman. Rodado en Marrocos, a produción estivo chea de diferenzas creativas entre os directivos e os custos excedéronse. Moito antes de que o filme estivese listo para ser estreado, a problemática produción foi obxectos de numerosas historias na prensa. A publicidade previa foi tremendamente negativa[5] e, a pesar dalgunhas críticas positivas en Los Angeles Times e The Washington Post, o filme foi un fracaso crítico. May non dirixiu outro filme ata 29 anos despois, en 2016, cando dirixiu o documental para televisión Mike Nichols: American Masters.[6]
En 1996 reuniuse novamente con Mike Nichols para escribir o guión de Unha gaiola de grilos, fita dirixida por Nichols.[3]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]May casou aos dezaseis anos con Marvin May, enxeñeiro e inventor de xoguetes. Tiveron unha filla, a actriz e guionista Jeannie Berlin, nada en 1949. A parella divorciouse en 1960, e en 1962 casou co letrista Sheldon Harnick. Divorciáronse o ano seguinte e en 1964, May casou co seu psicanalista, David L. Rubinfine; o matrimonio durou ata a morte del en 1982.[7]
May foi parella do director Stanley Donen entre 1999 e a morte del en 2019.[8] Donen dixo que lle pediu matrimonio "arredor de 172 veces".[9]
Filmografía
[editar | editar a fonte]Ano | Título | Crédito(s) | Personaxe | Notas |
---|---|---|---|---|
1958 | DuPont Show of the Month | Actriz | Candy Carter | Episodio: "The Red Mill" |
1967 | Enter Laughing | Actriz | Angela Marlowe | |
1967 | Luv | Actriz | Ellen Manville | |
1967 | O graduado | Actriz | Sorority girl with note for Benjamin | Sen acreditar |
1967 | Bach to Bach | Actriz, guionista | Woman | Curtametraxe |
1971 | A New Leaf | Actriz, guionista, directora | Henrietta Lowell | |
1971 | Such Good Friends | guionista | — | Co pseudónimo de Esther Dale |
1972 | The Heartbreak Kid | Directora | — | |
1976 | Mikey and Nicky | Guionista, directora, actriz | Woman on TV (voz) | Sen acreditar como actriz |
1978 | Heaven Can Wait | Coguionista | — | |
1978 | California Suite | Actriz | Millie Michaels | |
1981 | Reds | Coguionista | — | Sen acreditar |
1982 | Tootsie | Coguionista | — | Sen acreditar |
1986 | Dentro do labirinto | Coguionista | — | Sen acreditar |
1987 | Ishtar | Guionista, directora | — | |
1990 | In the Spirit | Actriz | Marianne Flan | |
1994 | Wolf | Actriz | Operator (voz) | Sen acreditar |
1995 | Dangerous Minds | Coguionista | — | Sen acreditar |
1996 | Unha gaiola de grilos | Guionista | — | |
1998 | Primary Colors | Guionista | — | |
2000 | Small Time Crooks | Actriz | May | |
2016 | Mike Nichols: American Masters | Directora | — | Documental para televisión |
2016 | Crisis in Six Scenes | Actriz | Kay | 6 episodios |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Quart, Barbara Koenig (1988). "American Women Directors (Chapter 3)". Women Directors: The Emergence of a New Cinema. Nova York: Greenwood-Prager. pp. 37–51 and passim. ISBN 0313391106. Consultado o 31 de xaneiro de 2016.
- ↑ "Person Details for Marvin May, "California, County Marriages, 1850-1952" — FamilySearch.org". familysearch.org. Consultado o 1 de febreiro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Thompson, Thomas (1967). "What Ever Happened to Elaine May?" (print). Life 63 (28 de xullo): 54–59. ISSN 0024-3019. Consultado o 31 de xaneiro de 2016.
- ↑ FilmArchivesNYC (13 de marzo de 2009). "Elaine May & Mike Nichols Commercial (stock footage / archival footage)". Consultado o 29 de xullo de 2018 – vía YouTube.
- ↑ "Ishtar". Metacritic.
- ↑ "Elaine May’s ‘American Masters’ Documentary on Mike Nichols", The Film Stage, 1 de febreiro de 2016
- ↑ Nachman, Gerald (2003). "Double Jeopardy: Mike Nichols and Elaine May". Seriously Funny: The Rebel Comedians of the 1950s and 1960s. Nova York: Pantheon Books. pp. 318–362 and passim. ISBN 0307490726. OCLC 50339527. Consultado o 31 de xaneiro de 2016.
- ↑ Feeney, Mark (2009). "Like His Films, Donen Exudes Style and Wit" (online). The Boston Globe (outubro de 4): 1–3, esp. 3. Consultado o 31 de xaneiro de 2016.
Subtitle: Famed director Stanley Donen, the subject of a retrospective at the Harvard Film Archive, visits this week.
- ↑ Heilpern, John (2013). Tim Shaeffer, illustrations. "Hollywood Conversations: Out to Lunch with Stanley Donen" (online, impreso). Vanity Fair (28 de febreiro (marzo, impresión)). Consultado o 31 de xaneiro de 2016.
Subtitle: The last of the golden-age Hollywood directors still believes in romance.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Elaine May |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Quart, Barbara Koenig (1988). "American Women Directors (Chapter 3)". Women Directors: The Emergence of a New Cinema. Nova York: Greenwood-Prager. pp. 37–51 and passim. ISBN 0313391106. Consultado o 31 de xaneiro de 2016.
- Stephens, Chuck. "Chronicle of a Disappearance: Unjustly Omitted from Most Histories of Seventies American Filmmaking, Actor-writer-director Elaine May--and the Four Unforgettable Films She Somehow Got Away With--refuse to Fade Away." Film Comment 42.2 (2006): 46. Web.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Elaine May, vídeo subido a YouTube por Universal Music Group
- Nados en Filadelfia, Pensilvania
- Nados en 1932
- Actores de cine dos Estados Unidos de América
- Actores de teatro dos Estados Unidos de América
- Actores de televisión dos Estados Unidos de América
- Directores de cine dos Estados Unidos de América
- Guionistas dos Estados Unidos de América
- Estadounidenses de ascendencia xudía
- Óscar honorífico