Filipe IV de España
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Filipe IV de España, tamén coñecido como Filipe IV de Habsburgo,[1] nado en Valladolid o 8 de abril de 1605 e finado en Madrid o 17 de setembro de 1665, denominado O Grande ou O Rei Planeta,[2] foi rei de España[3] desde o 31 de marzo de 1621 até o seu falecemento; así mesmo foi rei de Portugal, como Filipe III até o 1 de decembro de 1640. O seu reinado de 44 anos e 170 días foi o máis longo da casa dos Austria e o terceiro da historia española, sendo superado só por Filipe V e Afonso XIII, aínda que os primeiros dezaseis anos do reinado deste último foron baixo rexencia.
Durante a primeira etapa do seu reinado compartiu a responsabilidade dos asuntos de Estado con Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, quen realizou unha enérxica política exterior que buscaba manter a hexemonía española en Europa. Trala caída de Olivares, encargouse persoalmente dos asuntos de goberno, axudado por cortesáns moi influentes, como Luis Méndez de Haro, sobriño de Olivares, e o duque de Medina das Torres.
Os exitosos primeiros anos do seu reinado auguraron a restauración da preeminencia universal dos Habsburgo, pero a guerra constante da Europa protestante e a católica Francia contra España conduciron ao declive e ruína da Monarquía Hispánica, que tivo de ceder a hexemonía en Europa á puxante Francia de Lois XIV, así como recoñecer a independencia de Portugal e das Provincias Unidas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Felipe Domingo Víctor de la Cruz naceu o 8 de abril de 1605 no Palacio Real de Valladolid. Foi o terceiro dos oito fillos e primeiro home do matrimonio habido entre Filipe III de España e a súa curmá segunda (os seus avós Filipe II de España e Carlos II de Estiria eran primos) a arquiduquesa Margarida de Austria. Ás sete semanas de nacer foi levado á pia bautismal da igrexa conventual de San Paulo de Valladolid en brazos do ambicioso valido de Filipe III, o duque de Lerma.
Reinado
[editar | editar a fonte]Compartiu a responsabilidade dos asuntos de Estado con validos, entre os que destacaría Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, que tentou realizar unha política exterior que buscaba manter a hexemonía española en Europa. Tamén destaca o seu segundo valido, Luis Méndez de Haro, sobriño de Olivares.
Etapa conxunta de Baltasar de Zúñiga e o conde-duque de Olivares (1621-1622)
[editar | editar a fonte]Cando se aproximaba a fin do reinado de Filipe III, as intrigas de palacio disputábanse a confianza do futuro rei, o príncipe de Asturias que sería Filipe IV. O valido do rei, o duque de Lerma, loitaba por obter o favor do monarca co apoio do seu xenro, o conde de Lemos, fronte aos seus dous fillos, duque de Uceda e o conde de Saldaña. A facción en contra do duque de Lerma tiña como figura destacada a Baltasar de Zúñiga e Velasco, membro do Consello de Estado. Cando o valido do rei é forzado a retirarse polos seus múltiples casos de corrupción, o seu fillo o duque de Uceda é nomeado novo valido, mentres que Baltasar de Zúñiga sitúase como home importante na corte ao ser nomeado tutor do futuro Filipe IV[4]. Seguindo moi de cerca os pasos do seu tío Baltasar estará o conde-duque de Olivares.
Despois da morte do rei en 1621 debido a unhas febres que contraeu en 1619 ao regreso dunha viaxe a Portugal, onde o seu fillo fora xurado como herdeiro da corona portuguesa, o novo rei Filipe IV rodeouse de homes da súa confianza, como o seu tutor Baltasar e o sobriño deste, o conde-duque de Olivares. Os primeiros meses do reinado do adolescente rei estiveron marcados polas políticas de Baltasar de Zúñiga e os seus aliados. Así, o irmán do V conde de Monterrei adicouse a revertir a política económica herdada do duque de Lerma, perseguindo a varios dos seus colaboradores, e reforzando ao mesmo tempo as relacións entre Viena e Madrid.
Etapa do Conde-duque de Olivares (1622-1643)
[editar | editar a fonte]Baltasar de Zúñiga murreu inesperadamente en Madrid o 7 de outubro de 1622. Ante isto, o rei Filipe IV nomea ao conde-duque de Olivares como valido, xa que era o evidente sucesor das políticas iniciadas polo seu tío Baltasar.
Política interior
[editar | editar a fonte]Durante a súa etapa como valido, o conde-duque realizou unha serie de reformas para poder manter a hexemonía en Europa. Estes cambios concretáronse en catro aspectos: reformar a vida pública, fomentar a economía, mellorar a facenda e impulsar a formación dun exército común.
O valido tentou impoñer as leis e costumes castelás no seu propósito de unir a monarquía hispánica nunha comunidade nacional, cunha fiscalidade, administración e dereito comúns. Pero non alcanzou o seu propósito debido á oposición da nobreza ás novas propostas do valido.
Moral pública
[editar | editar a fonte]Para iso loitou contra a corrupción do reinado anterior. Ordenou encerrar ao duque de Uceda e ao duque de Osuna, confiscou os bens do duque de Lerma e someteu a Rodrigo Calderón a un xuízo no cal se decretou a súa execución.
Mediante un decreto obrigou a facer un inventario da fortuna daquelas persoas que desempeñasen cargos públicos e de relevancia. Para controlar este decreto formou a Xunta de Reformación, que máis tarde se encargaría de velar pola vida pública dos cidadáns.
Un dos aspectos que se aplicou con maior transcendencia foi o aumento da demografía española; para iso o conde-duque prohibiu a emigración e favoreceu a inmigración e as familias numerosas.
Para favorecer a educación dos españois, mandou construír o Colexio Real de Madrid en 1629 e outras institucións, dirixidas principalmente por xesuítas.
Dentro desta dinámica de reforma da moral, dúas pragmáticas tomadas por Filipe IV no século xvii, nun ambiente de «reformación dos costumes», pretenderon de súpeto abolir a prostitución en todos os territorios da monarquía.
Reforma da facenda
[editar | editar a fonte]Recorreuse á introdución de novos impostos á Coroa, repartidos de maneira máis equitativa. Os reinos periféricos puxeron resistencia a estes novos impostos, moitas veces con motíns. A nobreza non aceptou un imposto sobre as elevadas rendas do reino nin a taxa sobre produtos de luxo, e bloqueou continuamente estas medidas.
Esta reforma fracasou nun momento en que os gastos aumentaron. Por iso o conde-duque tivo que buscar diñeiro na emisión de xuros, préstamos a banqueiros xudeus portugueses, novas contribucións votadas en Cortes e a declaración de bancarrota (en realidade, suspensión de pagos) en momentos de extrema necesidade.
O conde-duque tentou crear un banco nacional co fin de facilitar o comercio e contribuír aos gastos da monarquía. Para facerse cun capital solicitou unha contribución especial sobre os patrimonios superiores a 2000 ducados de renda, pero a nobreza volveu opoñerse, o cal causou o seu fracaso.
A monarquía española de Filipe IV viuse envolvida nunha recesión económica que afectou a toda Europa, e que en España se notou máis pola necesidade de manter unha custosa política exterior. Isto levou á subida dos impostos, ao secuestro de remesas de metais preciosos procedentes das Indias, á venda de xuros e cargos públicos, á manipulación monetaria etc. Todo con tal de xerar novos recursos que puidesen paliar a crise económica.[5]
Nupcias e descendentes
[editar | editar a fonte]Casou o 25 de novembro de 1615 en Bordeos coa princesa Isabel de Borbón, filla do rei Henrique IV de Francia e de María de Médici, filla do gran duque de Toscana, Francisco I. Desta unión naceron:
- A SAR a infanta María Margarida de España, nada en 1621 en Madrid e morta no mesmo ano na capital.
- A SAR a infanta Margarida María Catalina, nada en 1623 en Madrid e morta no mesmo ano en Madrid.
- A SAR a infanta María Eugenia de España, nada en 1624 en Madrid e morta en 1627 en Madrid.
- A SAR a infanta Isabel María Teresa de España, nada en 1627 en Madrid e morta no mesmo ano.
- A SAR o infante Baltasar Carlos de España, nado en Madrid en 1626 e morto en 1646 en Madrid.
- A SAR a infanta Mariana de España, nada en 1636 en Madrid e morta no mesmo ano.
- A SAR a infanta María Tareixa de España, nada en 1638 en Madrid e morta en 1683 en París. Casou co rei Lois XIV de Francia.
Casou, en segundas nupcias, o 7 de outubro de 1649 en Madrid con Mariana de Austria, filla do emperador Fernando III de Habsburgo e da infanta Mariana de España. Desta unión naceron:
- A SAR a infanta Margarida de España, nacida en Madrid en 1651 e finada en Viena en 1673. Casou en 1666 co emperador Leopoldo I.
- A SAR a infanta María Ambrosia de la Concepción de España, nada en 1655 en Madrid e morta no mesmo ano na capital.
- A SAR o infante Filipe Próspero de España, nado en 1657 en Madrid e morto en 1661 en Madrid.
- A SAR o infante Tomás Carlos de España, nado en 1658 en Madrid e morto en 1659 na capital.
- A SM o rei Carlos II de España, nacido en 1661 en Madrid e morto en 1700 no Mosteiro de El Escorial. En primeiras nupcias casara coa princesa María Luísa de Orleáns e en segundas nupcias coa princesa María Ana do Palatinado-Neuburgo.
Tivo tamén varios fillos ilexítimos, entre eles, tido coa actriz María Calderón A Calderona:
Valimento do conde-duque de Olivares
[editar | editar a fonte]Reformas internas
[editar | editar a fonte]Obxectivo prioritario do seu mandato sería restaurar o poder da coroa, que sufrira unha diminución considerábel no reinado anterior. Delegou as atribucións de goberno no poderoso conde-duque de Olivares (1621-1643), coa fin de realizar un ambicioso proxecto de reforma, que afectaba á maior parte das institucións. A súa primeira tarefa centraríase na Facenda, tentando recuperar as rendas perdidas: control sobre o gasto público, ordenación e estruturación do sistema impositivo etc. No ámbito económico xeral, tentouse importar o modelo mercantilista holandés e presentouse o proxecto da "Unión de Armas", coa finalidade de ordenar e canalizar os recursos provenientes dos territorios periféricos, necesarios para manter un exército potente, que puidese afrontar os conflitos armados abertos e máis, de paso, estabelecer a periodicidade e a seguranza das entregas para a Facenda real. O proxecto de reformas completaríase con medidas moralizantes, propostas pola Xunta de Reforma, entre 1618 e 1622.
En 1624 a ideoloxía reformadora plasmouse no Gran Memorial, destacando, como grandes liñas de actuación, a consecución dunha monarquía de talante administrativo, dominada pola eficacia e a racionalización das accións de goberno, encamiñadas cara ao cumprimento de obxectivos e con criterios puramente executivos.
Porén, diversos problemas farían fracasar o proxecto reformador. A cantidade decrecente do ouro americano que chega ao porto de Sevilla entre 1619 e 1621, a oposición das Cortes de Castela a cambios nos impostos, a oposición dos países contra a Unión de Armas e o enfrontamento dos consellos co conde-duque e as súas xuntas. Todo coincidiu para que se declarase a primeira quebra da monarquía en 1627, logo de conseguir dúas grandes vitorias militares en 1625 (Baiía e Breda). Ademais, a intervención en Bohemia en 1618 e o fracaso na renovación da tregua de Anveres en 1621 viciaron a política exterior, provocando un crebadeiro de cabeza para o goberno de Olivares.
A situación foise convertendo de dramática en desastrosa. A pesar do beneficio que, en primeira instancia supuxera a quebra ao contribuír a enxugar o déficit, os feitos posteriores resultarían nefastos. Así, entre 1621 e 1626 procedeuse a cuñar moeda de billón en exceso; a carísima intervención en Mantua foi seguida das derrotas de Matanzas (1628), Hertogenbosch (1629) e Pernambuco (1630). As medidas tomada empeoraron a situación: a abolición dos millóns por parte de Filipe IV, e o aumento excesivo do monopolio do sal en 1631 provocaron a rebelión de Biscaia (1631-1634). Os proxectos de reforma quedaron definitivamente arrombados, instalada a monarquía nun esforzo bélico que implicaba todos os territorios e que consumía os escasos recursos da Facenda.
A recuperación do voto de Galicia nas Cortes de Castela
[editar | editar a fonte]Pola Real Cédula de 5 de febreiro de 1623. Filipe IV concedeu o voto a Galicia nas Cortes de Castela. Galicia estaba integrada ata entón na provincia de Zamora, e foi a primeira en romper a resistencia dos privilexiados nas Cortes de Castela. Ademais de inaugurar tamén o sistema de voto plural e alternativo, pois este voto para a nova provincia galega non se concedeu a unha única cidade, senón ás capitais das sete provincias: Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui. Unha característica propia da representación galega sería a súa pronunciada natureza aristocrática, nunha asemblea onde non era habitual a presenza da alta nobreza. Este sería o caso, nas Cortes de 1649, cos condes Altamira e Monterrei.[6]
Caída de Olivares
[editar | editar a fonte]En 1635 iniciouse a guerra con Francia, un costosísimo conflito que profundou a crise da monarquía, obrigada a recorrer á venda de regalías e do patrimonio da Coroa, a pedir donativos e a utilizar as Cortes para aumentar en servizos. Ademais, a necesidade de fondos incrementou a presión sobre unha nobreza xa endebedada, sobre a cal recaía a petición de tropas e a defensa do reino, ao mesmo tempo que era afastada da Corte por Olivares. Se ben a guerra foi en principio exitosa (Nordlingen, 1634, Hondarribia 1638), as medidas adoptadas para a sufragar provocaron as revoltas de cataláns e portugueses (1640), que acabarían por custarlle o cargo a Olivares no 23 de xaneiro de 1643 e máis o seu desterro. En substitución, formouse un goberno de emerxencia, tutelado por Filipe IV, quen non volvería a confiar o mesmo grao de poder a ninguén máis.
Conflito con Cataluña
[editar | editar a fonte]O conflito entre o conde-duque e Cataluña comezou coa negación das Cortes Catalás a colaborar coa Unión de Armas que aquel propuxera en 1626. A guerra contra Francia dificultou aínda máis o entendemento entre a Generalitat de Cataluña e o Consell de Cent co Estado.
As tropas castelás e italianas que entraran en Cataluña para combateren os franceses no Rosellón causaron grandes danos nas zonas rurais, mesmo actuando en determinados momentos como un exército de ocupación. En sinal de protesta, o 7 de xuño de 1640 os campesiños cataláns, que estaban en Barcelona para celebrar a festa do Corpus, ocuparon a cidade, matando o vicerrei: foi o que se denominou o Corpus de Sangue. A Generalitat uniuse ao bando rebelde, perante o cal o valido actuaría con toda a forza. A Generalitat proclamou a República Catalá e doou o condado de Barcelona ao rei Lois XIII de Francia. Deste xeito iniciouse a guerra dos Segadores (en catalán Guerra dels Segadors).
Conflito con Portugal
[editar | editar a fonte]O retorno das hostilidades nas Provincias Unidas en 1640 repercutiu nas colonias portuguesas de Asia e o Brasil. En decembro dese mesmo ano unha conspiración, encabezada pola nobreza, proclamou rei de Portugal ao duque de Braganza, co nome de Xoán IV de Portugal, que asinou a paz cos holandeses e obtivo apoio de ingleses e franceses. Obrigado o conde-duque a combater en moitas frontes, tan só logrou reunir un exército moi feble, que foi derrotado en Elvas.
Ascenso de Luis Méndez de Haro
[editar | editar a fonte]Despois da caída de Olivares, o rei nomeou novo valido a Luis Méndez de Haro, sobriño do anterior, co título de primeiro ministro. O seu obxectivo centraríase en acabar cos conflitos internos e máis conseguir a paz en Europa.
Revoltas internas
[editar | editar a fonte]Os conflitos abertos en Cataluña e Portugal continuaban, uníndose a estes o de Aragón. Méndez de Haro logrou, en 1652, finalizar a guerra dos Segadores, logo de 15 meses de asedio sobre Barcelona, entrando o mesmo rei na cidade.
A presión fiscal, a falta de alimentos, o descontentamento pola alteración da moeda e as levas militares crearan malestar en diversas zonas como no Reino de Nápoles e en Sicilia no 1647, na Coroa de Castela entre 1647-1652 e entre 1655-1657.
Política exterior
[editar | editar a fonte]Os terzos casteláns serían vencidos na batalla de Rocroi en 1643, ante o cal Méndez de Haro decidiu mudar de estratexia. Polo Tratado de Westfalia recoñeceuse a independencia das Provincias Unidas e a conservación de Flandres.
A guerra con Francia, porén, continuou a causa do problema formulado polo dominio do Franco Condado e o Rosellón. Grazas á guerra interna en Francia, os casteláns conseguiron derrotar os franceses en Valenciennes en 1656. Inglaterra e a propia Francia pactaron no ano seguinte repartirse Flandres, iniciándose unha nova fronte de guerra. A inviabilidade da guerra conduciu a asinar un acordo co país galo por medio da Paz de Munster de 1648 e máis o Tratado dos Pireneos de 1659. Este último significou a definitiva perda do Rosellón e de parte da Cerdaña, así mesmo cedeuse o Artois, territorios todos que pasaron a mans francesas. Tamén foi pactado o matrimonio da infanta María Tareixa de España co rei Lois XIV de Francia, a que se lle forneceu un dote de 500.000 escudos.
Independencia de Portugal
[editar | editar a fonte]En 1665 Afonso VI de Portugal obtivo unha grande vitoria na batalla de Villaviciosa contra as tropas do rei español, pondo fin así ás pretensións deste de tentar unir de novo a Coroa portuguesa aos dominios dos Austrias casteláns.
Século de Ouro
[editar | editar a fonte]Filipe IV foi home de grande cultura e mecenas das artes, adquirindo para a Coroa máis de 800 cadros, a maioría expostos hoxe en día no Museo do Prado de Madrid. Na colección figuraban artistas tan importantes como Diego Velázquez, que foi o seu pintor oficial, Giovanni Lanfranco, Aniello Falcone, ou Nicolas Poussin.
Morte e sucesión
[editar | editar a fonte]O rei faleceu o 17 de setembro de 1665 en Madrid, sendo inhumado no mosteiro do Escorial, deixando unha monarquía en profunda recesión e crise e coa autoridade real fortemente cuestionada por nobres, cidades e reinos.
Por morte temperá do seu fillo Baltasar Carlos de España, será sucedido polo seu fillo máis novo Carlos II de España, que foi o derradeiro rei da dinastía dos Austrias españois.
Predecesor: Filipe III |
Rei de España 1621 - 1665 |
Sucesor: Carlos II |
Predecesor: Filipe II |
Rei de Portugal 1621 - 1640 |
Sucesor: Xoán IV |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cervera, César (10.7.2015). "La adicción al sexo de Felipe IV: el Rey que tuvo 46 hijos, pero solo dejó un heredero". ABC (en castelán).
- ↑ "8 cosas que quizá no sabías de Felipe IV, el 'Rey Planeta'". europapress (en castelán). 27/10/2016. Consultado o 16 de xuño do 2020.
- ↑ Abreu y Bertodano, J.A. Coleccion de los tratados de paz, alianza, neutralidad, garantia ... hechos por los pueblos, reyes y principes de España con los pueblos, reyes, principes, republicas y demás potencias de Europa ...: desde antes del establecimiento de la monarchia gothica hasta el feliz reynado del rey N.S. D. Fernando VI. Editor Antonio Marin, Juan de Zuñiga y la viuda de Peralta, 1751.
- ↑ Elliot, John H. (2004). El conde-duque de Olivares. Barcelona: Crítica. p. 38. ISBN 84-8432-582-2.
- ↑ Biografías y Vidas. "Felipe IV". Consultado o 6 de xullo de 2004.
- ↑ Domínguez Martínez, Antonio (1961). “Concesiones de votos en Cortes a ciudades castellanas”. En: Anuario de Historia del derecho español, nº 31, pp.175-186.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Filipe IV de España |