Gollum
Sméagol | |
---|---|
Personaxe de O hobbit e O Señor dos Aneis | |
Debuxo de Gollum. | |
Creador(es) | J. R. R. Tolkien |
Información | |
Alcume | Gollum |
Raza | Hobbit deformado |
Sexo | Masculino |
Idade | (2430 TI-25 de marzo de 3019) |
Gollum é un personaxe da Terra Media no universo de historias de J. R. R. Tolkien. O seu nome orixinal era Sméagol, pero é coñecido como Gollum polo ruído regurxitante que fai coa gorxa.
O seu nacemento estímase cara ó ano 2430 da TI. A súa morte tivo lugar o 25 de marzal de 3019 TI, ó caer, xunto co Anel Único, nas Fendas do Monte do Destino. O seu período de vida foi estendido máis alá dos seus límites naturais por efecto de ter posto bastante tempo o Anel Único, unha idade sobrenatural para unha criatura que outrora fora un Hobbit, aínda que se foi deformando e corrompendo en mente e corpo polo poder do anel. Un dos seus desexos máis profundos foi o de posuír o anel (que o tiña escravizado), e estívoo buscando durante moitos anos despois de perdelo.
Véxase tamén: Cronoloxía de Arda.
Historia
[editar | editar a fonte]Nun principio foi un Hobbit da rama dos Rexos. Sméagol pasou os primeiros anos da súa vida vivindo coa súa extensa familia baixo o réxime matriarcal da súa avoa. No ano 2463 TI, Sméagol converteuse no cuarto amo do Anel Único, despois de Sauron, Isildur e Déagol. O día do seu aniversario foi co seu curmán Déagol de pesca ós Campos Ledos, ó norte de Lothlórien (casualmente converteuse en amo do Anel o día en que cumpría a maioría de idade, como anos despois fará Frodo). Foi aí onde Déagol atopou un anel de ouro, despois de que un gran peixe tirase del cara á auga. Sméagol reclamouno como regalo de aniversario e isto estrañou a Deágol, quen se negou a darllo. Entón, Sméagol matou o seu curmán Deágol na beira do río para obter o anel. Sméagol foi rapidamente corrompido polo anel, e desapareceu da vila, escondéndose nunha caverna nas Montañas Bretemosas que se convertería na súa morada. A influencia maligna do anel deformou o seu corpo e mente de hobbit e prolongou a súa vida máis alá dos límites naturais. Comezou a chamar ó Anel Único como o seu "precioso" ou o seu "regalo de aniversario", como xustificación do asasinato de Deágol. Viviu nas Montañas Bretemosas durante máis de 400 anos, alimentándose de peixes crus (que recollía desde unha pequena balsa), e de Trasnos e (orcos) mozos, polo que anos máis tarde consideraría repulsiva a comida dos Hobbit e Elfos.
Durante os séculos baixo o influxo do anel, desenvolveu un trastorno de personalidade múltiple: Sméagol, a súa personalidade "bondadosa", aínda recordaba vagamente cousas como amizade ou amor, mentres que Gollum, a súa personalidade "maligna", era escrava do anel e mataría calquera que intentase collerllo.
Samsagaz Gamllí chamaba á personalidade boa como "Adulador" e á mala como "Traidor". As dúas personalidades pelexaban decotío cando dialogaba consigo mesmo (como o mesmo Tolkien declarou, "ó non ter con quen máis conversar") e tiñan unha relación de amor/odio, reflectindo o amor e o odio que Gollum tiña polo anel e por si mesmo.
En xullo de 2941 TI, durante a busca de Erebor, o Hobbit Bilbo Bulseiro tropezou e caeu ó lago subterráneo onde vivía Gollum, atopando o anel que pouco antes Gollum perdera nunha rede de cavernas que se conectaban co lago, se ben pode dicirse que de feito o anel abandonou a Gollum, pois sábese que este tiña vontade propia. Tal como Gandalf diría máis adiante, o anel ocúpase de si mesmo, intenta regresar de novo a Sauron. Despois dun famoso xogo de adiviñas, no que Gollum era inconsciente da perda do anel, Gollum rexeitou a súa promesa de mostrarlle a Bilbo unha saída e planeaba matalo. Fuxindo dun enfurecido Gollum, Bilbo descubriu o poder de invisibilidade, permitíndolle escapar de Gollum e dos Trasnos. Gollum entón berroulle "Ladrón! Bulseiro! Odiámolo por sempre!" (na primeira edición do Hobbit, Gollum non aparece tan desgraciado ou tan ligado ó anel. Tolkien revisou esta caracterización para adecuala ó concepto do anel que desenvolveu durante a escrita d'O Señor dos Aneis. Tolkien entón explicou a versión dada na primeira edición como unha mentira que Bilbo ideou para dicírllela ós ananos e a Gandalf.
Gollum deixou as montañas e perseguiu a Bilbo uns anos despois, pero o rastro case desaparecera. Abriuse camiño cara Mordor, onde foi forzado a revelar o que sabía do anel. Despois foi liberado, pero capturado por Aragorn, que o puxo a disposición dos Elfos do Bosque que vivían no reino de Thranduil no Bosque Escuro. Posteriormente escapou cara a Moria.
N' O Señor dos Aneis Gollum atopou e seguiu a Irmandade do Anel cara a Moria, e foi descuberto e escoitado por Frodo en varias ocasións. O 15 de xaneiro de 3049 TI, a Irmandade dividiuse cando Gandalf desapareceu mentres loitaba cun Balrog. Gollum continuou rastrexando ós membros restantes. Descoñécese como cruzou a ponte de Khazad-dûm, pero chegou a Lórien sen que a Irmandade o notase. Non penetrou nas terras da dama, pois o poder desta impediullo, e odiaba demasiado ós elfos como para entrar no reino; ademais, os elfos capturaríano rapidamente. Gollum seguiu as súas barcas polo río Anduin (aboiando nun tronco) ata as fervenzas de Rauros e perseguiu a Frodo e Sam a través de Emyn Muil cando se detiveron no seu camiño a Mordor. Gollum seguiunos, pero despois dunha confrontación (na que trabou a Sam e este case o esganou) foi detido por Frodo usando a Aguillón (a súa espada) e ordenoulle que liberase a Sam. Frodo atouno cunha corda élfica arredor do nocello, pero o simple tacto desta corda producíalle unha dor moi intensa. Frodo compadeceuse de Gollum e fixo que lle xurase axudalos. Convindo con este trato, Gollum realizou un xuramento polo "precioso", e Frodo liberouno. Esta nova Irmandade, guiada por Gollum, chegou ata a Porta Negra, a entrada a Mordor.
A bondade de Frodo fixo aflorar a personalidade de "Sméagol", e fixo que polo menos se esforzase en manter a súa promesa. Estes dous personaxes (Frodo e Sméagol) tiñan un lazo especial ó seren ambos portadores do anel; Frodo vía o seu posible futuro en Gollum, e quería salvalo para que deste modo puidese salvarse a si mesmo.
Ó chegaren ó limiar da Porta Negra, atopárona altamente vixiada, e Sméagol convenceunos de non seguir por ese camiño, argumentando que serían capturados e Sauron volvería a posuír o anel. Sméagol ofreceulles guialos polo sur, onde coñecía outro camiño cara a Mordor.
Nese camiño, Frodo e Sam foron capturados por Faramir, e Sméagol seguiunos ás agachadas. Cando Frodo permitiu que Faramir capturase a Sméagol, este sentiuse traizoado, permitindo que a personalidade de "Gollum" gañase o control. Faramir descubriu que o lugar onde Gollum os guiaba era Cirith Ungol, e advertiu a Frodo e Sam do perigo dese lugar.
Frodo, Sam e Gollum deixaron a Faramir e comezaron a cruzar o paso cara Cirith Ungol nos límites das montañas de Ephel Dúath. Gollum entón visitou a Elaraña (a gran tarántula), un descendente de Ungoliant, xa que planeaba traizoar ós Hobbits e levarllos para así obter o anel. Cando regresou cos Hobbits estes estaban durmidos, e ó contemplar a Frodo durmido case sentiu arrepentimento. Porén, Sam espertou e reprendeu asperamente a Gollum. Así, Gollum seguiu co seu plan de levar a Frodo e Sam ó tobo de Elaraña.
Tal e como Frodo lle advertira, o xuramento de Gollum levaríao a desfacer calquera traizón, xa que Frodo e Sam lograron escapar das cavernas de Elaraña e contra tódalas probabilidades chegaron ó Volcán de Orodruin no Monte do Destino. Gollum seguiunos durante todo este camiño, esperando unha oportunidade de tomalos por sorpresa e roubar o anel. Cando Frodo e Sam case chegaban á súa meta atacounos, pero non conseguiu facerse co anel. Momentos máis tarde, Frodo estaba parado no bordo da físgoa da montaña, dubidando se destruír o anel. Ao cabo reclamouno para si e púxoo no seu dedo. Entón Gollum atacouno de novo. Ambos os dous loitaron, aínda que Frodo era invisible, e finalmente Gollum arrincoulle dunha dentada o dedo a Frodo.
Chegado este punto, a bondade de Frodo con Gollum foi recompensada, pois Gollum vacilou no bordo do gran pozo, perdeu o equilibrio e caeu mentres tomaba o dedo de Frodo xunto co anel e daba un último berro de "Precioso!". Se Gollum non tivese vivido ata este momento, Sauron tería unha grande oportunidade de recuperar o anel, xa que sabería onde se atopaba Frodo cando este puña o anel.
Aparicións nos filmes e na radio
[editar | editar a fonte]Peter Woodthorpe foi a voz de Gollum no filme animado d' O Señor dos Aneis (1978) de Ralph Bakshi e na serie de radio da BBC en 1981.
Na versión animada d' O Hobbit (1977), a voz de Gollum foi interpretada polo comediante Brother Theodore.
Na triloxía de filmes de Peter Jackson, Gollum foi unha criatura xerada por computadora (CGI), coa voz de Andy Serkis, quen tamén proporcionou parte das voces dos Nazgûl e dos Orcos. Apareceu brevemente n'A Irmandade do Anel (2001), e convértese nun personaxe central n'As Dúas Torres (2002) e n'O Regreso do Rei (2003). Este impresionante personaxe dixital foi construído en torno á voz, movementos e expresións de Serkis, algunhas veces utilizando un traxe de captura de movemento que gravaba os seus movementos para aplicalos ó personaxe animado, para despois pasar polo proceso máis laborioso de "pintado" dixital, onde Gollum substituiría a imaxe de Serkis. Nunha das tomas d' As Dúas Torres, pódese ver a saliva de Serkis cuspida a través da boca de Gollum.
N' O Regreso do Rei, o mesmo Serkis aparece nunha escena de flashback caracterizando a Sméagol antes de converterse en Gollum. Esta escena foi orixinalmente gravada para aparecer n' As dúas Torres, pero gardouse para o seguinte filme porque se pensou que a audiencia entendería ó Sméagol orixinal unha vez que estivesen máis familiarizados con Gollum. A decisión de incluír esta escena significou que terían que redeseñar a cara de Gollum na segunda e terceira película para que fose máis similar á cara de Serkis (por esta razón as breves aparicións de Gollum n' A Irmandade do Anel locen lixeiramente diferentes).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |