Saltar ao contido

Gráficos 3D por ordenador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Renderizado 3D creado con Planoplan.

Os gráficos 3D por ordenador, ás veces chamados CGI (Computer-generated imagery) ou gráficos tridimensionais por ordenador son gráficos que usan unha representación tridimensional de datos xeométricos (a miúdo cartesianos) que se almacenan na computadora para realizar cálculos e renderizar imaxes dixitais.

Móstranse a maioría das veces en pantallas bidimensionais, a diferenza do cine 3D e técnicas similares, como os sistemas de realidade virtual. Os gráficos 3D contrastan cos gráficos 2D por ordenador que normalmente usan métodos e formatos completamente diferentes para a creación e a representación, aínda que se poidan acadar resultados semellantes.

Modelo 3D dunha ánfora.

Os obxectos creados por ordenador denomínanse a miúdo modelos 3D. A diferenza da imaxe renderizada, os datos dun modelo están contidos nun ficheiro de datos gráficos. Un modelo 3D é unha representación matemática de calquera obxecto tridimensional; un modelo non é tecnicamente un gráfico ata que se mostra. Un modelo pódese mostrar visualmente como unha imaxe bidimensional a través dun proceso chamado renderizado 3D, ou pode usarse en simulacións e cálculos informáticos non gráficos. Coa impresión 3D, os modelos son representados fisicamente, con algunhas limitacións en canto á precisión.[1]

William Fetter foi acreditado por acuñar o termo "computer graphics" (gráficos por ordenador) en 1961 para describir o seu traballo en Boeing.[2][3] Un primeiro exemplo de gráficos interactivos en 3D foi explorado en 1963 polo programa Sketchpad do Lincoln Laboratory do MIT.[4] Unha das primeiras mostras de animación por ordenador foi Mundo futuro (1976), que incluía unha animación dun rostro humano e unha man que apareceran orixinalmente na curta experimental de 1971 A Computer Animated Hand, creada polos estudantes da Universidade de Utah Edwin Catmull e Fred Parke.[5]

O software de gráficos en 3D comezou a aparecer para ordenadores domésticos a finais dos anos 70. O exemplo máis antigo coñecido é 3D Art Graphics, un conxunto de efectos gráficos 3D por ordenador, escrito por Kazumasa Mitazawa e lanzado en xuño de 1978 para o Apple II.[6]

  1. "3D computer graphics". sciencedaily.com. Consultado o 2023. 
  2. "An Historical Timeline of Computer Graphics and Animation". design.osu.edu. Arquivado dende o orixinal o 2008. Consultado o 2008. 
  3. "Computer Graphics". comphist.org. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2021. Consultado o 2004. 
  4. "Ivan Sutherland Sketchpad Demo 1963". youtube.com. Consultado o 2023. 
  5. "Pixar founder's Utah-made Hand added to National Film Registry". sltrib.com. Consultado o 2012. 
  6. "Brutal Deluxe Software". brutaldeluxe.fr. Consultado o 2023. 

Ver tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]