Saltar ao contido

Harry Potter e a Orde do Fénix

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.
Harry Potter e a Orde do Fénix
Título orixinalHarry Potter and the Order of the Phoenix
Autor/aJ. K. Rowling
CubertaGalicia Dolores Avedaño[1]
Jason Cockcroft
OrixeReino Unido
LinguaInglés
ColecciónHarry Potter
Xénero(s)Fantasía
EditorialGalicia Galaxia
Bloomsbury
Data de pub.Galicia decembro de 2008
21 de xuño de 2003
FormatoCapa dura
PáxinasGalicia 892
ISBNISBN 978-84-9865-132-4
Precedido porHarry Potter e o Cáliz de fogo
Seguido porHarry Potter e o misterio do príncipe
Premios
TraduciónLaura Sáez
editar datos en Wikidata ]

Harry Potter e a Orde do Fénix é a quinta novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo meigo. O libro conta as aventuras do quinto ano de Harry na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, que debe enfrontarse ao regreso do seu inimigo Lord Voldemort, os exames E.M.O. e a un Ministrerio de Maxia que pon trabas.

O libro saíu á venda o 21 de xuño de 2003 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no mes de decembro de 2008 en Galicia pola Editorial Galaxia coa tradución de Laura Sáez. O libro gañou varios premios, entre os que destaca o mellor libro para xente nova segundo a American Library Association concedido en 2003. Durante as 24 primeiras horas da posta á venda, a novela vendeu cinco millóns de copias[2]. A versión cinematográfica do libro estreouse en 2007.

Introdución

[editar | editar a fonte]

Durante as catro novelas anteriores, o personaxe principal, Harry Potter, fixo fronte ás dificultades de medrar co reto engadido de ser un meigo famoso. Cando Harry era un bebé, Voldemort, o meigo escuro máis poderoso da historia, matara os pais de Harry pero desapareceu misteriosamente despois de intentar asasinar o cativo. Isto foi o que fixo a Harry gañar a súa fama. O neno púxose ao coidado dos seus tíos muggles, Vernon e Petunia.

Harry entra no mundo máxico con once anos, e ingresa na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. Fai amizade con Ron Weasley e Hermione Granger e ten unha confrontación con Lord Voldemort, que intenta recuperar o seu poder. Coa volta ao colexio despois das vacacións de verán, algúns estudantes de Hogwarts sofren ataques despois de que a lendaria Cámara dos Segredos sexa aberta. Harry pon fin aos ataques matando ao basilisco agochado nesta gorida e frustrando outro intento de Lord Voldemort de gañar os seus poderes completos. Ao outro ano, Harry oe que é o obxectivo de Sirius Black, un asasino que escapou do cárcere de Azkaban. Malia as rigorosas medidas de seguridade presentes en Hogwarts, Black consegue dar con Harry ao final do ano, e Harry descobre que Black fora incriminado e era seu padriño. No cuarto ano, Harry participa nunha competición máxica chamada Torneo Tres Meigos. Á fin do Torneo, Harry é testemuña do regreso ao poder de Lord Voldemort.

A novela comeza cando Harry e seu curmán, Dudley Dursley, son atacados por dementores. Harry emprega a maxia para loitar contra eles, de modo que debe asistir a unha vista disciplinaria por utilizar a maxia sendo menor de idade. En resposta á reaparición de Voldemort, Dumbledore volve activar a Orde do Fénix, unha sociedade secreta que traballa para derrotar a Voldemort e os seus aliados, así como protexer os seus obxectivos. Malia as descricións de Harry das actividades recentes de Voldemort, o Ministerio de Maxia e moita xente do mundo máxico que rexeita crer que Voldemort regresou.

Nun intento de impor a súa versión do plan de estudos escolar, o Ministerio designa a Dolores Umbridge como a nova profesora de Defensa contra a Maxia Negra de Hogwarts. Umbridge impón na escola un réxime case ditatorial e rexeita ensinar aos estudantes a se defenderen contra a maxia negra por si mesmos. Finalmente, consegue facerse co posto de directora tras a marcha forzada de Dumbledore. Ron e Hermione persuaden a Harry para que cree un grupo de estudos secreto e ensinar ao alumnado as habilidades máis avanzadas que el aprendeu. Harry tamén descobre que el e mais Voldemort posúen unha conexión telepática, que permite a Harry ollar algunhas das accións de Voldemort.

No clímax da novela, Voldemort leva a Harry mediante un cebo ata o Ministerio de Maxia para que lle axude roubar o rexistro dunha profecía que os involucra aos dous. Harry e os seus amigos entran nunha batalla cos Devoradores da Morte de Voldemort e no transcurso a profecía esnaquízase ao caer contra o chan. A chegada a tempo dos membros da Orde do Fénix salva as vidas dos mozos, pero Sirius Black morre na batalla a mans de Bellatrix Lestrange. No vestíbulo do Ministerio, Harry enfróntase a Voldemort unha vez máis, pero aparece Dumbledore e entra nun feroz combate co Señor Escuro. Ao final, a meirande parte dos Devoradores da Morte son capturados, e o mundo máxico acepta a volta de Voldemort.

Tras a batalla, Dumbledore explica a Harry que antes do seu nacemento se fixera unha profecía que dicía que nacería un neno co poder de derrotar a Voldemort. A profecía podía referirse a Harry ou a Neville Longbottom, pero foi Harry ao que Voldemort pensou que aludía. Desde o seu regreso, Voldemort intentara descubrir o contido da profecía ao completo. Esta indica que o Señor Escuro sinalarao como o seu igual e ningún poderá vivir mentres o outro aínda viva; é dicir, ou ben Harry ou ben Voldemort terá que matar ao outro.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Nunha entrevista para a BBC News, Rowling indicou que a morte dun personaxe principal fixéraa entristecer[3]. Engadiu que aínda que o seu esposo suxerira que non matara o personaxe para evitar a súa tristeza, ela necesitaba ser "unha asasina desapiadada"[3]. Porén, Rowling revelou noutra entrevista en 2007 que inicialmente tiña en mente matar a Arthur Weasley neste libro, pero finalmente non o puido aturar[4]. Nunha nova entrevista, á pregunta de se cambiaría algo das sete novelas se puidese volver ao pasado, Rowling respondeu que quitaría algunhas cousas d’a Orde do Fénix, porque é longo de máis para ela.

A versión cinematográfica estreouse en 2007. O filme foi dirixido por David Yates e escrito por Michael Goldenberg.

  1. Dolores Avedaño foi a encargada de realizar a portada para a versión en castelán, mais os seus debuxos usáronse tamén para as versións galegas e hispanoamericanas.
  2. BBC, ed. (21 de decembro de 2004). "July date for Harry Potter book". Consultado o 27 de setembro de 2008. 
  3. 3,0 3,1 "Rowling's tears at Potter book death", BBC News, 18 de xuño de 2003. Consultado o 24 de xullo de 2007.
  4. Brown, Jen (24 de xullo de 2007). MSNBC Interactive, ed. "Stop your sobbing! More Potter to come". Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2007. Consultado o 31 de maio de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]