Latín vulgar
Latín vulgar (en latín, sermo vulgaris) é un termo xenérico, empregado para se referir aos dialectos vernáculos do latín, falados fundamentalmente nas provincias occidentais do Imperio Romano. A súa extinción como lingua viva asociouse coa crecente diferenciación destes dialectos, que conduciu, no século IX, á formación das linguas romances iniciais.
Esta variante do latín falado difire do estilo literario do latín clásico na súa pronunciación, vocabulario e gramática. Algúns trazos do latín vulgar non apareceron ata a época serodia do Imperio Romano. Outros, poden incluso estar presentes moito antes, ao menos baixo a forma de latín "acrioulado".[1][2] A maior parte das definicións de latín vulgar supoñen que foi unha lingua falada antes que escrita, porque certas probas indican que o latín se dialectalizou durante este período, e porque non hai probas de que alguén transcribise a fala cotiá de ningún dos seus falantes. O estudo do latín vulgar ten de facerse con métodos indirectos.
O que se coñece hoxe en día do latín vulgar procede de tres fontes. A primeira é o método comparativo que pode reconstruír numerosos trazos das linguas romances testemuñadas, e facer notar aquilo no que difiren do latín clásico. A segunda fonte son varios textos de gramáticas prescritivas do latín tardío que condenaban os erros lingüísticos que os falantes de latín adoitaban cometer, denuncias que axudan a describir como se usaba a lingua. Finalmente, os solecismos e usos que non son clásicos atopados ás veces en textos de latín tardío tamén dan luz á fala de quen os escribiu.
Que é o que foi o latín vulgar?
[editar | editar a fonte]O nome "vulgar" deriva da palabra latina vulgaris, que significaba "común", ou "do pobo". Para quen estuda latín, o "latín vulgar" ten varios significados, entre eles os seguintes.
- Designa o latín falado do Imperio Romano. O latín clásico sempre foi unha lingua literaria algo artificial; o latín levado polos soldados romanos á Galia ou á Dacia non foi necesariamente o latín de Cicerón. Polo tanto, baixo esta definición, o latín vulgar foi unha lingua falada, que comezou a se escribir en latín "tardío", nun estilo que difería dos estándares clásicos dos textos escritos o primeiro século da nosa era.
- Tamén fai referencia ao hipotético devanceiro das linguas romances, que non pode estudarse directamente máis que por unhas poucas inscricións. Esta lingua introducía unha serie importante de cambios no latín, e puido ser reconstruída grazas ás evidencias subministradas polas linguas que derivaron dela, as linguas vernáculas romances.
- Cun sentido aínda máis restrinxido, chámase ás veces latín vulgar ao hipotético proto-romance das linguas romances occidentais: as vernáculas que se achaban ao norte e ao oeste do eixo xeográfico La Spezia-Rimini, Francia, e na Península Ibérica; así como á fala romance (con moi poucas testemuñas) do noroeste africano. Este criterio propón que o italiano suoriental, a romanés, e o dalmático se desenvolveron por separado.
- Úsase tamén "latín vulgar" ás veces para se referir ás innovacións gramaticais en textos de latín tardío, tales como Peregrinatio Aetheriae, texto do século IV no que unha monxa relata unha viaxe a Palestina e ao Monte Sinaí; ou as obras de San Gregorio de Tours. Debido a que a documentación escrita en latín vulgar é moi escasa; estas obras son de gran valor para os filólogos, principalmente porque nelas ás veces aparecen "erros" que evidencian o uso falado do período en que o texto se escribiu.
Algunhas obras literarias recollen rexistros distintos ao latín clásico. Por exemplo, debido a que nas comedias de Plauto e Terencio moitos dos seus personaxes eran escravos, as devanditas obras preservan algúns trazos temperáns de latín basilecto, tal e como fan os homes libres no Satiricón de Petronio.
O latín vulgar foi diferenciándose nas distintas provincias do Imperio Romano, xurdindo así a era moderna do francés, italiano, castelán, occitano, galego-portugués, romanés, catalán etc. Obviamente, considérase que o latín vulgar desapareceu cando os dialectos locais tiveron as suficientes características diferenciais como para se constituíren en linguas distintas, evolucionando para a formación das linguas romances, cando lles foi recoñecido un valor propio e singular.
O século III adoita considerarse como o período en que, máis aló das declinacións, boa parte do vocabulario estaba a cambiar (por exemplo, equus → caballus etc.). Con todo, é obvio que estas mutacións non foron uniformes en todo o Imperio, así que pode que as diferenzas máis rechamantes se achasen entre as formas diversas de latín vulgar que se daban nas distintas provincias (tamén debido á adquisición de novos localismos).
Tras a caída do Imperio Romano de Occidente, o latín vulgar coexistiu durante varios séculos co latín tardío escrito, porque os falantes das linguas romances vernáculas preferían escribir usando a prestixiosa gramática e ortografía tradicional latina. Pero, aínda que iso era o que intentaban, a miúdo o que escribían non respectaba as normas do latín clásico. Porén, no terceiro Consello de Tours en 813, decidiuse que os curas predicasen en lingua vernácula para que a audiencia os entendese —. Este podería ser un momento documentado da evolución diacrónica do latín; en 842, menos de trinta anos despois do Consello de Tours, os Xuramentos de Estrasburgo, que reproducen un acordo entre dous dos herdeiros de Carlomagno, foron redactados en dúas linguas; unha xermánica que evolucionaría para o alemán, e outra romance que xa non era latín e que evolucionaría para o francés:
- Pro Deo amur et pro christian poblo et nostro commun salvament, d'ist di en avant, in quant Deus savir et podir me dunat, si salvarai eo cist meon fradre Karlo, et in aiudha et in cadhuna cosa. . .
- (Polo amor de Deus e polo pobo cristián e a nosa salvación común, desde este día en adiante, en canto Deus me dese sabedoría e poder, defenderei a meu irmán Karlo e axudareille en calquera cousa. . .)
Este latín tardío, posibelmente de Roma, parece reflectir estas adquisicións, ao mostrar o cambio que se estaba producindo nesa zona — completamente identificábel con Italia. Entón, os textos da Lei Romana, tanto os de Xustiniano como os da Igrexa Católica, serviron para "conxelar" o latín formal, unificado finalmente polos copistas medievais e, desde entón, separado do xa independente romance vulgar. A lingua escrita continuou existindo como latín medieval. Os romances vernáculos foron recoñecidos como linguas diferenciadas, separadas e empezaron a desenvolver normas e ortografías propias. Entón, o "latín vulgar" deixa de ser un glotónimo útil para identificar ningunha lingua.
Foi nese momento cando o latín vulgar se converte nun nome colectivo para designar un grupo de dialectos derivados do latín, con características locais (non necesariamente comúns), que non constituían unha lingua, ao menos no sentido clásico do termo. Porén, podería ser descrito como algo incipiente, indefinido, que paulatinamente foi cristalizando nas formas temperás de cada lingua romance, tomando, como o seu máis remoto devanceiro, ao latín formal. O latín vulgar foi, xa que logo, un punto intermedio na evolución, non unha fonte.
Fonoloxía
[editar | editar a fonte]Vogais
[editar | editar a fonte]Letra | Pronun. clásica | Pronun. vulgar |
---|---|---|
A breve | /a/ | /a/ |
A longo | /a:/ | /a/ |
E breve | /e/ | /ε/ |
E longo | /e:/ | /e/ |
I breve | /i/ | /ɪ/ |
I longo | /i:/ | /i/ |
O breve | /o/ | /ɔ/ |
O longo | /o:/ | /o/ |
U breve | /u/ | /ʊ/ |
U longo | /u:/ | /u/ |
Y breve | /y/ | /ɪ/ |
Y longo | /y:/ | /i/ |
AE | /ai/ | /ε/ |
OE | /oi/ | /e/ |
AU | /au/ | /o/ |
(véxase IPA para a procura dunha descrición dos símbolos empregados); |
Un cambio profundo que afectou a todas as linguas romances modificou a orde das vogais do latín clásico. O latín tiña dez vogais: versións breves e longas de A, E, I, O, U, e tres (ou catro) ditongos, AE, OE, AU e, segundo algúns, UI. Con excepción do sardo, o que ocorreu ao latín vulgar pódese resumir co cadro da dereita.
Os ditongos AE e OE caeron para formaren /e/. AU, que se mantivo nun comezo, terminou mudando de /aw/ para /o/, unha vez que o O orixinal sufrira outras modificacións.
Desta forma, o sistema de dez vogais do latín clásico (sen contar ditongos e o Y grego), que tiña en conta a lonxitude vocálica, foi remodelado para se converter nun sistema en que desaparecía a diferenza por lonxitude vocálica, e a alteración vocálica pasaba a ser exclusivamente fonémica. Debido a este cambio, o acento tónico fíxose bastante máis marcado no latín vulgar que no clásico. Esta tendencia dificultou a posibilidade de diferenciar as sílabas non acentuadas, e ademais produciu alteracións novas nas sílabas acentuadas.
As vogais breves O e E que resultaron dos cambios non foron estábeis nas linguas fillas, e tenderon a se romper en ditongos. A palabra clásica focus (acusativo focum), "cheminea", converteuse na palabra proto-romance para dicir "lume" (substituíndo ignis), mais a vogal breve 'O' converteuse nun ditongo na maioría das linguas:
En galego-portugués e en catalán, porén, non se converteu en ditongo: gal-port. fogo (pronunciado /'fogu/ no portugués actual e /'fogo/ no galego moderno), cat. foc (pronunciado /'fɔc/).
As linguas diferiron neste proceso. O /e/ da expresión latina ferrum, mantívose en francés fer, en catalán ferro e en galego-portugués ferro /'fεRou/, mais ditongouse en español hierro e en romanés fier.
As linguas portuguesa e galega estabilizaron as vogais mantendo en certo xeito a distinción latina entre longas e breves no seu sistema de vogais abertas e pechadas. As vogais latinas longas a, e e o tenderon a se converter en vogais pechadas (escritas no portugués â, ê, e ô cando son tónicas), entanto que as vogais breves se converteron en vogais abertas (á, é, o cando son tónicas). A pronunciación destas vogais é a mesma que se amosa no cadro de vogais do latín vulgar á dereita. Ocorreu algunha inestabilidade vocálica, particularmente co o átono, que muda a /u/, e o e átono, que muda a /i/ ou /ə/.
En catalán o proceso foi similar. O o breve latino converteuse nunha vogal aberta, mentres que o e breve bifurcouse en e pechado nos dialectos occidentais e nunha vogal neutra nos orientais. Esta vogal neutra foi evolucionando pouco a pouco a un e aberto, se ben en gran parte das Baleares mantense incluso hoxe en día. Os dialectos orientais, así mesmo, presentan algunha inestabilidade vocálica similar á do portugués: e e a átonos convértense nunha vogal neutra (nalgún momento da evolución da lingua, este cambio non afectaba a e en posición pretónica, unha pronunciación que hoxe en día se mantén en parte das Baleares), mentres que, excepto en gran parte da illa de Mallorca, o o átono muda para [u].
Consoantes
[editar | editar a fonte]A palatalización latina dos sons /k/, /t/, e a miúdo /g/, ocorreu en case todas as variantes de latín vulgar. O único dialecto romance que non sufriu palatalización foi o sardo, nalgunhas das súas variantes. Así a palabra latina caelum, pronunciada /kaelum/ comezando con /k/, converteuse en francés ciel, /sjεl/, en portugués céu, /'sεu/, comezando polo son /s/. As semivogais anteriores, escritas en latín U, como en Uinum, pronunciadas /w/, e I como en Iocunda, pronunciada /j/, pasaron a se pronunciar /v/ e /dՑ/, respectivamente. A miúdo xorde entre as vogais /b/, /w/ ou /v/ un son intermedio /β/.
Nótese que, no alfabeto latino, as letras U e V só eran variacións gráficas (e posteriormente nalgunhas áreas, tipográficas), e o mesmo ocorría con I e J, que tampouco se distinguían ata chegar ao período do latín moderno temperán, e mesmo entón non sempre.
Na área romance occidental, inseriuse unha vogal epentética ao comezo de calquera palabra que empezase coa letra s + outra consoante: así a palabra latina spatha converteuse en galego-portugués e castelán en espada, en catalán en espasa, e en francés era épée. Por outra banda, as linguas romances orientais preservaron as regras de eufonía engadindo a epéntese ao artigo precedente cando fose necesario, así o italiano preservou spada (f.) como la spada, e mudou o masculino il spaghetto a lo spaghetto para preservar a eufonía.
O xénero remodelouse nas linguas fillas mediante a perda de consoantes finais. En latín clásico, as terminacións -US e -UM distinguían os nomes masculinos dos neutros na segunda declinación; unha vez desaparecidos o -S e o -M, os neutros mesturáronse cos masculinos, proceso acabado xa nas linguas romances. En contraste, algúns plurais neutros, tales como gaudia, que significa "alegrías", reinterpretáronse como singulares femininos. A perda do -M final é un proceso que parece comezar na época dos primeiros monumentos da lingua latina. No epitafio de Lucio Cornelio Escipión Barbado, que morreu ao redor do -150 adC, escríbese TAVRASIA CISAVNA SAMNIO CEPIT, que en latín clásico se escribiría Taurāsiam, Cisaunam, Samnium cēpit ("Capturou Taurasia, Cisauna, e Samnium.") Así e todo, a -M final escribíase constantemente na linguaxe literaria, aínda que a miúdo se trataba como un silencio por razóns de métrica poética.
Evidencias de cambio
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Appendix Probi |
Pódense ver probas destes e doutros cambios a finais do século III en Appendix Probi, unha colección de glosas prescritivas que propuñan un latín clásico de uso correcto, criticando certas formas do latín vulgar. Estas glosas describen:
- un proceso de síncope, a perda de vogais átonas (MASCVLVS NON MASCLVS);
- a redución das previas formas silábicas /e/ e /i/ en /x/ (VINEA NON VINIA);
- a nivelación da distinción entre /o/ e /u/ (COLVBER NON COLOBER) e /e/ e /i/ (DIMIDIVS NON DEMEDIVS);
- a regularización de formas irregulares (GLIS NON GLIRIS);
- a regularización e a énfase de formas de xénero (PAVPER MVLER NON PAVPERA MVLER);
- a nivelación da distinción entre /b/ e /v/ entre vogais (BRAVIVM NON BRABIVM);
- a substitución de diminutivos por palabras non marcadas (AVRIS NON ORICLA, NEPTIS NON NEPTICLA)
- a perda de sílaba cando remata nasalizada (MENSA NON MESA) ou a súa inserción non axeitada como forma de hipercorrección (FORMOSVS NON FORMVNSVS).
Moitas das formas castigadas no Appendix Probi amosaron ser formas produtivas en romance; oricla, sen ser unha forma clásica latina, é a fonte do termo francés oreille, galego-portugués orella ou orelha, castelán "oreja".
Vocabulario
[editar | editar a fonte]Latín clásico | Romance | Galego |
---|---|---|
sidus (raíz sider-) | stella | estrela |
cruor | sanguis | sangue |
pulcher | bellus | belo |
ferre (raíz perfectiva tul-) | portare | portar |
ludere | iocare | xogar |
os (raíz or-) | bucca | boca |
brassica | caulis | col, coia, verza |
domus | casa | casa |
magnus | grandis | grande |
emere | comprare | comprar |
equus | caballus | cabalo |
Certas palabras do latín clásico desapareceron do vocabulario. O termo clásico equus, "cabalo", foi substituído por caballus, "cabalo de traballo", (aínda que cabe salientar que en romanés iapă, sardo èbba, castelán yegua, portugués égua e galego egua todas con significado feminino, derivan do clásico equa). Unha listaxe moi incompleta de palabras que foron exclusivamente clásicas e os seus equivalentes produtivos en romance pode verse no cadro da dereita.
Algunhas das palabras que desapareceron en romance volveron tomarse emprestadas do mesmo latín a posteriori. Os cambios de vocabulario afectaron incluso ás partículas gramaticais básicas do latín; hai moitas que desapareceron sen deixaren rastro no romance, tales como an, at, autem, donec, enim, ergo, etiam, haude, ixitur, ita, nam, postquam, quidem, quin, quode, quoque, sede, utrum, e vel.
Por outra banda, debido a que, durante boa parte da súa historia, o latín vulgar e o latín non foron distintas linguas, senón distintos rexistros dunha mesma lingua, algunhas linguas romances preservan palabras latinas que se perderon noutras. Por exemplo, o italiano ogni ("cada") preserva a expresión latina omnes. Outras linguas usan cognados de totum (acusativo de totus) para o mesmo significado; por exemplo tutto en italiano, tudo en portugués, todo en galego e en castelán, tot en catalán e tout en francés.
Frecuentemente, palabras latinas que volveron ser tomadas prestadas do rexistro de maior prestixio do latín clásico atópanse xunto a versións da mesma palabra evolucionadas. A ausencia dun cambio fonético esperado, en contraste con outra palabra da mesma procedencia etimolóxica que experimentou o devandito cambio fonético, é a clave para pescudar se unha palabra é un empréstito do latín clásico. En galego, por exemplo, o latín clavicula converteuse en chavella, co cambio usual CL- > CH- (cf. clave > chave), así como -ICULA> -ELLA. Dunha época máis tardía, da mesma palabra derivou caravilla, e na época contemporánea volveuse tomar o empréstito como clavícula.
Algunhas veces, unha palabra de latín clásico mantívose xunto coa equivalente no latín vulgar. A clásica caput, "cabeza", cedeu no latín vulgar a testa (orixinalmente "pucheiro", metáfora común en Europa occidental; cfr. inglés cup con alemán Kopf) na maioría das formas romances occidentais, italiano inclusive. Pero o italiano e o francés mantiveron a palabra latina baixo as formas capo e chef, que conteñen moitos significados metafóricos de "cabeza" como, por exemplo, "xefe". A palabra latina co seu significado orixinal presérvase en romanés e en catalán cap, que significa 'cabeza', co sentido anatómico do termo, se ben en catalán tamén ten significados metafóricos como "xefe". No romanés pervive como cap, xunto con ţeastă, ambos os dous significando "cabeza" no sentido anatómico. En castelán, galego e portugués existe cabeza/cabeça, derivado de *capetia, unha forma modificada de caput, entanto que testa se mantén en galego e portugués co significado de "fronte".
Os verbos con preposicións sufixadas desprazaron frecuentemente as formas simples. O número de palabras formadas por tales sufixos como -bilis, -arius, -itare e -icare medrou axiña. Estes cambios ocorreron a miúdo para evitaren formas irregulares ou para regularizar xéneros.
As glosas Reichenau
[editar | editar a fonte]Outra perspectiva dos cambios de vocabulario no latín vulgar en Francia pode verse nas glosas de Reichenau [1], escritas nas marxes dunha copia da Biblia Vulgata, que explica as palabras vulgatas do século IV cuxa lectura era inintelixíbel no século VIII, cando parecen terse escrito as devanditas glosas. Estas parecen ser de orixe francesa, xa que algúns termos son especificamente franceses.
Estas glosas amosan as seguintes peculiaridades.
Substitución léxica
[editar | editar a fonte]- FEMVR > coxa (galego-portugués coxa, catalán cuixa, francés cuisse, italiano coscia, romanés coapsă, "muslo").
- ARENA > sabulo (francés sable, italiano sabbia, "area")
- CANERE > cantare (portugués/galego/castelán/catalán/ cantar, francés chanter, italiano cantare, romanés cânta).
Cambios gramaticais
[editar | editar a fonte]- OPTIMOS > meliores (galego mellores, portugués melhores, castelán mejores, catalán millors', francés meilleurs, italiano migliori).
- SANIORE > plus sano ("máis san", francés plus sain, catalán més sa, castelán más sano, italiano più sano).
Empréstitos léxicos xermánicos
[editar | editar a fonte]- TVRBAS > fulcos (francés foule, italiano folla, "multitude").
- CEMENTARIIS > mationibus (francés maçon, "canteiro").
- NON PERPERCIT > non sparniavit (francés épargner, catalán estalviar "aforrar").
Palabras que mudaron o significado
[editar | editar a fonte]- IN ORE > in bucca (portugués/galego/castelán/catalán boca, francés bouche, italiano bocca).
- ROSTRVM > beccus (bico, "pico de ave", francés/catalán bec, italiano becco, ).
- ISSET > ambulasset ("ía", francés allait, catalán anà).
- LIBEROS > infantes ("nenos", francés enfants).
- MILITES > servientes ("soldados", francés serjants).
Gramática
[editar | editar a fonte]A perda da declinación do sistema nominal
[editar | editar a fonte]Latín clásico | |
---|---|
Nominativo: | rosa |
Xenitivo: | rosae |
Dativo: | rosae |
Acusativo: | rosam |
Ablativo: | rosā |
Latín vulgar | |
Nominativo: | rosa |
Xenitivo: | rose |
Dativo: | rose |
Acusativo: | rosa |
Ablativo: | rosa |
Os cambios fónicos que estaban ocorrendo no latín vulgar dificultaban a preservación da declinación nominal propia do latín clásico. Finalmente, a ortografía prescindiu das declinacións latinas. Como consecuencia da pouca sustentabilidade do sistema de casos nominais tras estes cambios fonéticos, o latín vulgar pasou de ser unha lingua flexiva a ser unha lingua analítica, na que a orde das palabras é un elemento necesario para a coherencia sintáctica oracional. Véxase a táboa para observar o cambio que supuxo a perda do /m/ final, a perda da extensión vocálica e o cambio sonoro do AE /ae/ ao E /e/ na primeira declinación.
Nas demais declinacións ocorreron cambios similares. Como consecuencia, a excepción do francés antigo, que retivo durante algún tempo a distinción entre os casos nominativo e oblicuo (chamada cas-sujet/cas-régime), e do romanés, que hoxe en día conta cos mesmos casos que o latín vulgar, tendo unha forma para xenitivo-dativo e outra para o resto.
A distinción marcouse de dúas formas nas linguas romances. Ao norte e ao oeste da liña La Spezia-Rimini, que percorre o norte de Italia, o singular normalmente diferenciouse do plural mediante o sufixo -s, que xa aparecía nos antigos plurais acusativos tanto en masculino como en feminino de todas as declinacións. Ao sur e ao leste da liña A Spezia–Rimini, a distinción fíxose mediante o cambio da vogal final, ao igual que en italiano e romanés contemporáneos. Isto preserva e xeneraliza diferenzas que se marcaron nos plurais nominativos da primeira e segunda declinación.
Os artigos romances
[editar | editar a fonte]É difícil situar o momento en que apareceu o artigo determinado, inexistente en latín mais presente nalgunhas formas de linguas romances. Isto débese en boa parte a que a fala moi coloquial na que apareceu foi moi rara vez escrita, situación que cambiaría só unha vez que as linguas romances fillas diferiran considerabelmente entre si. A maioría dos textos que se conservan de romance temperán amosan os artigos xa desenvolvidos totalmente.
Os artigos determinados empezaron sendo pronomes ou adxectivos demostrativos: compárense os adxectivos demostrativos latinos ille, ela, (illud), cos franceses le e la, os españois el e la, os cataláns el/lo e la e os italianos il e la. Os artigos galegos e portugueses o e a, proviñeron da mesma fonte. Por último, o sardo tamén neste aspecto tivo un desenvolvemento singular, formando o seu artigo a partir de ipsu(m), ipsa (o seu, sa). Tamén aparecen formas derivadas de ipsu(m), ipsa en catalán medieval (es, sa), mais hoxe en día só se manteñen nas Illas Baleares e moi residualmente na Costa Brava. Cabe salientar que, mentres a maioría das linguas romances sitúan o artigo antes do nome, o romanés sitúao despois, por exemplo lupul ("o lobo") e omul ("o home", de lupus ille e homo ille).
Bibliografía
[editar | editar a fonte]Referencias xerais
[editar | editar a fonte]- C. BATTISTI . Aviamento allo studio del latino volgare. Bari, 1949.
- M. C. DÍAZ E DÍAZ . Antología del latín vulgar. Ed. Gredos, Madrid, 1962.
- K. P. HARRINGTON , J. PUCI , e A. G. ELLIOTT . Medieval Latin. Univ. Chicago Pres, 2a edición, 1997 ISBN 0-226-31712-9
- J. HERMAN . El latín vulgar. Trad., intr., índice e bibliografía de C. Arias Abellán. Ed. Arel, Barcelona, 1997 ISBN 84-344-8219-3.
- N. VINCENT . "Latin". En The Romance Languages, M. Harris e N. Vincent (eds.), Oxford Univ. Press, 1990 ISBN 0-19-520829-3
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Descargar artigo de Dialnet.Francisco Gimeno MENÉNDEZ : "Situacións sociolingüísticas dispares en el proceso de formación de las lenguas romances". En Aemilianensis: revista internacional sobre a xénese e as orixes históricas das linguas romances, ISSN 1698-7497, Nº. 1, 2004, páxs. 171-223.
- ↑ B. SCHLEBEN LANGE: L'Origine des langues romanes - Un cas de créolisation?. En J. M. MEISEL (ed) (1977), Langues en contact - pidgins - creois, Tübinge: G. Narr, páxs 81-101.
Lecturas adicionais
[editar | editar a fonte]- M. BANNIARD. Du latin aux langues romanes. Linguistique p. 128-160. París, 1997.
- M. BONNET. Le Latin de Grégoire de Tours. Hildesheim, Olms, 1968.
- Eugenio COSERIU. Estudios de lingüística románica. Editorial Gredos, Madrid, 1977.
- Helmut LUEDTKE. Historia del léxico románico. Editorial Gredos, Madrid, 1974.
- Wilhelm MEYER-LUEBKE. Introducción a la lingüística románica. Editorial Hernando, Madrid, 1927.
- Karl VOSSLER. Formas poéticas de los puebls románicos. Losada, Buenos Aires, 1960.
- Yves CORCUTE. Le français ne vient pas du latin. Édition L'Harmattan, París, 007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Aemilianense Revista internacional sobre a xénese e as orixes históricas das linguas romances. (en español)
- Gramática Elementos que forman a lingua española.
- O latín cara ao final da era imperial de Dag Norberg (en inglés).
- Unha introdución ao Latín vulgar[Ligazón morta] de C.H. Grandgent (en inglés).