Lenticela
As lenticelas son formacións con función respiratoria con forma de aberturas lenticulares, que se encontran na superficie de talos, raíces e, máis raramente pecíolos e froitos, de moitas plantas ximnospermas e dicotiledóneas.[1] As lenticelas son porcións especializadas da periderme formadas por un tecido cunha ordenación celular bastante frouxa, que permiten o paso de aire e o intercambio de gases entre a atmosfera e os tecidos internos. Nas plantas que forman periderme durante o seu crecemento secundario, a epiderme (cos seus estomas) e outras capas superficiais son substituídas pola periderme, que ten unha capa de células do súber impermeables, que non permitiría o intercambio de gases se non se formasen nalgunhas zonas lenticelas.[2]
O nome de lenticela procede da súa forma lenticular (do latín lens lentis, lentella). A forma concreta das lenticelas é unha das características utilizadas para a identificación de especies de árbores. Son masas de células frouxas que sobresaen lixeiramente da periderme por unha fisura transversal ou lonxitudinal. As lenticelas son visibles doadamente, pero en plantas con moita periderme poden quedar no fondo de gretas na periderme.
Formación
[editar | editar a fonte]As lenticelas fórmanse durante a formación da primeira periderme. As que se empezan a formar en capas subepidérmicas fano xeralmente debaixo dun estoma.[3] As células parenquimáticas que están arredor da cámara subestomática empezan a se dividir e perden a clorofila orixinando un felóxeno da lenticela, que se divide máis, orixinando un tecido de recheo, que aumenta ata romper a periderme e sobresaír ao exterior. Aínda que as células que quedan ao descuberto morren, son substituídas por máis células formadas por divisións do felóxeno da lenticela. En ximnospermas as células de recheo da lenticela están algo suberificadas, pero seguen tendo paredes delgadas e espazos intercelulares. Nas dicotiledóneas poden orixinarse capas de tecido non suberificado e suberificado e poden alternar capas de células con disposición compacta e máis frouxa segundo o crecemento estacional.[4]
Algunhas lenticelas non se forman debaixo dos estomas. Nalgunhas plantas poden formarse na parte profunda da periderme que produce súber, na que o felóxeno deixa de producir súber e forma o tecido da lenticela, que se abre paso a través do súber independentemente da posición dos estomas. Na sobreira as lenticelas teñen que abrirse camiño por todo o groso súber, e poden verse en cortes de cortiza como liñas de po pardo.
En froitos e tubérculos
[editar | editar a fonte]As lenticelas están tamén presentes en moitos froitos, por exemplo, en mazás e peras. Nalgúns tipos de peras pode servir para saber cando é conveniente recoller a froita, xa que as lenticelas claras dos froitos inmaturos escurecen cando estes maduran.[5] Certas infeccións bacterianas e fúnxicas poden instalarse no froito penetrando polas lenticelas.[6]
As lenticelas están presentes tamén en tubérculos, como as patacas, a pel das cales deriva da periderme.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Arthur C. Gibson. "Bark features". General Botany (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2013. Consultado o 24 de agosto de 2012.
- ↑ Strasburger, Eduard; Noll, F.; Schenck, H.; Schimper, A. F. W. (1985) [1983]. "IV". Lehrbuck der Botanik, 32ª [Botánica] (en castelán) (7ª ed.). Barcelona: Marín S.A. p. 177. ISBN 84-7102-990-1.
- ↑ Paniagua Gómez-Álvarez, Ricardo (2002). Citología e histología vegetal e animal [Citoloxía e histoloxía vexetal e animal] (en castelán) (3ª ed.). Madrid: McGraw-Hill - Interamericana de España, S.A.U. p. 868. ISBN 84-481-9984-7.
- ↑ Esau, K. 1976. Anatomía Vegetal. Omega. Páxinas 377-379. ISBN 84-282-0169-2.
- ↑ Pyzner, John. (2005-04-19.) "Pick pears before completely ripe, advises LSU AgCenter horticulturist" Arquivado 15 de xaneiro de 2006 en Wayback Machine.. Louisiana State University Agricultural Center website. Retrieved on 2007-10-11.
- ↑ Irtwange, S. V. (February, 2006.) "Application of modified atmosphere packaging and related technology in postharvest handling of fresh fruits and vegetables" Arquivado 11 de outubro de 2006 en Wayback Machine.. Agricultural Engineering International: the CIGR Ejournal. Invited Overview No. 4. Vol. VIII, page 8. Retrieved on 2007-10-11.
- ↑ Adams, M. J. (1975). "Potato tuber lenticels: Development and structure". Annals of Applied Biology 79 (3): 265. doi:10.1111/j.1744-7348.1975.tb01582.x. [1]
- Raven, Peter H.; Ray F. Evert, Susan E. Eichorn (2005). Biology of Plants 7th Ed. W.H. Freeman and Company Publishers. pp. 586–587. ISBN 0-7167-1007-2.