Saltar ao contido

Merlo negro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Merlo»)
Merlo negro

Macho adulto en Dorset, Inglaterra


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Turdidae
Xénero: Turdus
Especie: T. merula
Nome binomial
Turdus merula
Linnaeus, 1758

O merlo negro,[2] comunmente merlo, melro, cochorra, cochosa e cotrosa (do latín merulu),[3] (Turdus merula) é unha especie de aves paseriformes pertencentes á familia Turdidae.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os merlos presentan un forte dimorfismo sexual, sendo o macho negro, con peteiro brillante amarelo-alaranxado e un círculo arredor dos ollos. A femia e os poliños teñen dorso negro, ventre pardo-escuro con manchas pardo-claras, e a garganta e a parte superior do peito pardas con manchas abrancazadas. Os poliños teñen o ventre punteado. Esta ave europea paseriforme é omnívora e mide aproximadamente entre 23 e 29 cm.

Localización e características

[editar | editar a fonte]

Miña nai matou un merlo,
o meu pai unha paxara;
alegría meus irmáns
que hoxe temos caldeirada.

—Popular[4]

Habitan en bosques, sebes, montes baixos e xardíns. Atópanse en Europa, excepto no norte da Península Escandinava e en Asia central até a China. Son aves residentes, pero migradoras parciais cara ao sur até o norte de África no inverno. Non forman bandadas, aínda que varios deles poden vivir asociados nun hábitat apropiado. Porén, as femias compiten polo territorio especialmente na primavera, momento en que poden loitar entre si. Os machos tamén son competitivos, pero os enfrontamentos son breves.

Poñen entre catro e cinco ovos de cor azul pálida con manchas vermellas, que colocan nun niño feito con herba e lama en forma de cunca que sitúan na bifurcación das árbores ou en edificios. Como o resto das aves da súa familia, "escoita" os vermes e logo se lanza sobre eles. Comen tamén bagas e froitos.

Desde o fin do inverno até comezos do verán, os machos cantan cancións variegadas e melodiosas desde as árbores, tellados e outros poleiros, preferentemente coa alborada e o solpor. O seu canto considérase un dos máis lindos de Europa e a riqueza do seu repertorio, as variacións melódicas e a capacidade de improvisación poñen o merlo á parte dos demais paxaros.

A esperanza de vida dun merlo sitúase entre os tres e os catro anos, mesmo se teñen rexistrado casos de até quince. Entre os seus depredadores cóntanse os mouchos. Outros paxaros, como as pegas e os corvos, así como as lontras, os armiños e os gatos, adoitan saquear os niños dos merlos.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. BirdLife International (2012). "Turdus merula". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-06. 
  3. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-06. 
  4. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do merlo común. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 105. ISBN 84-7154-379-6.