Saltar ao contido

Mitsubishi A5M

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mitsubishi A5M
A5M "Claude"
TipoCaza
FabricanteMitsubishi
Primeiro voo4 de febreiro de 1935
Unidades construídas1.094

O Mitsubishi A5M foi un caza monopraza xaponés usado durante a segunda guerra mundial. Foi o primeiro monoplano da Armada Imperial xaponesa. O prototipo voou en 1935 e entrou en servizo en 1936. Producíronse un total de 1.094 exemplares que estiveron en servizo ata finais de 1942. Os aliados alcumárono "Claude".

En 1934, a Armada Imperial Xaponesa preparou unha especificación para un caza avanzado, pedindo unha velocidade máxima de 350 km/h a 3.000 m e capaz de subir aos 5.000 m en 6 minutos e medio. Desta especificación saíron deseños de Mitsubishi e Nakajima.

Mitsubishi asignoulle a tarefa de deseñar o novo caza a un equipo liderado por Jiro Horikoshi (posteriormente responsable do famoso A6M Zero). O avión resultante, designado Ka-14 por Mitsubishi, foi un caza de á baixa totalmente construído en metal, cunha delgada "á de gaivota" elíptica invertida e un tren de aterraxe fixo, elixido para aumentar o rendemento. O primeiro prototipo, equipado cun motor radial Nakajima Kotobuki 5 de 600 cabalos, voou o 4 de febreiro de 1935. O avión superaba amplamente os requirimentos da especificación, acadando unha velocidade máxima de 450 km/h. O segundo prototipo foi equipado cunha á revisada, e despois de varios cambios para maximizar a manobrabilidade e reducir a resistencia, entrou en produción como o A5M.

Co Ka-14 demostrando un rendemento excelente, a Forza Aérea do Exército Imperial Xaponés pediu un único prototipo modificado para ser avaliado, coñecido como Ki-18. A pesar de que este demostrou un rendemento semellante ao Ka-14 e era moito máis rápido que o biplano Kawasaki Ki-10, en uso nese momento, o modelo foi rexeitado debido á súa baixa manobrabilidade. O Exército entón realizou unha especificación para un caza mellorado para substituír o Ki-10. Mitsubishi, ocupada convertendo o Ka-14 no A5M, presentou un avión con moi poucos cambios, denominado Ki-33, que foi derrotado polo modelo presentado por Nakajima, o Ki-27.

Historia operacional

[editar | editar a fonte]

O avión entrou en servizo a principios de 1937, entrando ao pouco tempo en acción na segunda guerra sino-xaponesa, onde se enfrontou, entre outros, aos Boeing P-26 da Forza Aérea Chinesa no que serían os primeiros combates aéreos entre monoplanos construídos principalmente de metal da historia.

Nesa guerra demostrou ser mellor que os cazas aos que se enfrontou, aínda que o equipo de Mitsubishi continuou mellorando o A5M, traballando en varias versións ata chegar ao definitivo A5M4, ao que se lle engadiu un tanque de combustible ventral lanzable para un maior alcance. Aínda que só estaba armado cun par de metralladoras de 7,7 mm, o novo caza de Mitsubishi demostrou a súa efectividade e a súa capacidade de recibir dano, cunha excelente manobrabilidade e unha construción moi robusta. O seu inimigo máis perigoso foi o Polikarpov I-16, rápido e ben armado, acotío pilotado por tripulacións soviéticas. Os A5M escoltaron ao entón modernos pero vulnerables bombardeiros Mitsubishi G3M nos seus ataques. Durante a guerra os A5M participaron nalgunhas das batallas aéreas máis grandes da época. O 29 de abril enfrontáronse 67 Polikarpov contra 18 G3M escoltados por 27 A5M. Ámbolos dous bandos adxudicáronse a vitoria. O bando chinés/soviético afirmou derrubar 21 avións xaponeses (11 cazas e 10 bombardeiros) cuns 50 tripulantes mortos; os xaponeses admitiron só dous G3M e dous A5M perdidos, e pola súa banda reclamaron non menos de 40 cazas inimigos derrubados.

Tamén fabricouse unha versión de adestramento, o A5M4-K (103 unidades). Esta tiña unha cabina con dous asentos e continuaron en servizo moito tempo despois de que os cazas fosen retitados de primeira liña.

Algúns A5M estaban aínda en servizo ao comezo da segunda guerra mundial no Pacífico. As fontes de intelixencia dos Estados Unidos crían que este avión aínda era o principal caza da armada xaponesa, pero estes xa foran substituídos polo A6M 'Zero' nos portaavións de primeira liña e no Grupo Aéreo Tainan. Outros portaavións e grupos aéreos continuaron usando o A5M ata que a produción do 'Zero' puido cubrir toda a demanda. O derradeiro combate do A5M como caza tivo lugar na Batalla do Mar de Coral o 7 de maio de 1942, cando dous A5M e catro A6M do portaavións Shōhō loitaron contra os avións estadounidenses que afundiran o seu barco.

Moitas fuselaxes foron usadas para ataques kamikaze nos derradeiros meses de guerra.