Saltar ao contido

Necrópole de Gizeh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:Xeografía físicaNecrópole de Gizeh
Imaxe
Tiponecrópole do Antigo Exipto Editar o valor en Wikidata
Parte deMenfis Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaGovernación de Guiza, Exipto Editar o valor en Wikidata
Mapa
 29°59′00″N 31°08′00″L / 29.983333, 31.133333
Composto por
Características
Superficie16.359 ha Editar o valor en Wikidata

A Necrópole de Gizeh é unha parte dunha das principais necrópoles do Antigo Exipto, a necrópole da cidade de Menfis. Situada na chaira de Gizeh, ao oeste da poboación homónima, a uns vinte quilómetros do Cairo. Comezou a empregarse durante a segunda dinastía, téndose atopado cerámica datada no reinado de Nynecher. Nela atópanse as famosas pirámides construídas polos faraóns da cuarta dinastía. Foi utilizada principalmente durante o Imperio Antigo.

A súa superficie xeolóxica é de pedra calcaria e é coñecida como formación Muqqatam. Presenta unha suave pendente con dirección noroeste a sueste e divídese en tres capas primarias nas que se alternan a pedra dura e branda. Cando ocorría a crecida anual do Nilo, a auga estendíase por toda a beira da meseta.

Está conformada principalmente por un grupo de complexos piramidais da cuarta dinastía (2613 a 2494 a.C.) os dos faraóns Queops, Quefrén e Micerinos (Khufu, Khafra e Menkaura). Gran parte da pedra empregada para a realización destes monumentos provén das canteiras locais, coma a da próxima Tura.

Na actualidade, as construcións de Gizeh xa non se ven como o resultado da ardua tarefa dos escravos, senón máis ben coma proxectos públicos de grande envergadura, motivados pola relixión e levados a cabo ata a súa finalización por e para o beneficio de toda a nación. Para o exipcio medio a pirámide era moito máis cá morada do faraón. A enorme necrópole de Menfis non se salvou da reutilización masiva das súas pedras, durante máis dun século abasteceu a cidade do Cairo para a construción de moitos dos seus barrios. En 1882, W. Flinders Petrie denunciou a desaparición progresiva do monumento que estaba sendo despoxado da súa pedra a un ritmo de trescentos camelos ao día.

Pirámides de Queops, Quéfren e Micerinos.

Principais monumentos na necrópole de Gizeh

[editar | editar a fonte]

A necrópole ocupa 160 km² a ambos os dous lados dun uadi: a rentes, atópanse as pirámides cun amplo campo ocupado por mastabas de nobres á beira. Nunha chaira, están os templos funerarios e a esfinxe. Alén do uadi, sobre uns outeiros, hai máis tumbas particulares.

Mapa da Necrópole de Gizeh

1. A Gran Pirámide de Gizeh
2. A Pirámide de Quefrén
3. A Pirámide de Micerinos
4. Templo funerario de Quefrén
5. Templos funerarios de Queops e Micerinos
6. Pirámide auxiliar de Quéfren.
7. O templo do Val de Quefrén
8. O templo do Val de Micerinos
9. Tumba da raíña Hetepheres I
10. A mastaba da raíña Jentkaues
11. As pirámides das raíñas de Micerinos
12. As mastabas de cortesáns de Quefrén
13. A Grande Esfinxe de Gizeh
14. O templo da Esfinxe
15. A mastaba de Hemon
16. As mastabas occidentais
17. O control de entrada actual
18. Os foxos das barcas solares
19. Estradas de acceso actual
20. As tumbas hipoxeos
21. Almacéns dos artesáns
22. Estrada de aceso actual
23. Nazlet el-Samman
24. Calzadas procesionais
25. A canteira de Micerinos
26. O cemiterio (actual)
27. As tumbas hipoxeos do sur
28. Muros perimétricos
29. Mastabas e tumbas hipoxeos
30. O cemiterio de mastabas occidental
31. O cemiterio de mastabas oriental

Patrimonio da Humanidade

[editar | editar a fonte]
Animación en 3D da Necrópole de Gizeh.

O conxunto de Menfis coas súas necrópoles e campos de pirámides (Gizeh, Abusir, Saqqara e Dahshur) foi declarado en 1979 Patrimonio da Humanidade pola Unesco co nome de Menfis e a súa necrópole, a zona das pirámides dende Gizeh ata Dahshur. Está catalogada de tipo Cultural, (criterios I, III, VI) con n° de identificación 86.[1]

Litografía das Pirámides de Gizeh de 1848 conservada na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.
As Pirámides de Gizeh nunha imaxe do século XIX.

A necrópole de Gizeh é a maior do Antigo Exipto, con soterramentos datados dende as primeiras dinastías. O seu esplendor acadouno durante a cuarta dinastía, cando se erixiron a pirámide de Queops (Khufu), tamén coñecida como a Gran Pirámide, a pirámide de Quefrén (Khafra) e a relativamente pequena pirámide de Micerinos (Menkaura), xunto con varias outras subsidiarias menores, templos funerarios, Templos do Val, embarcadoiros, calzadas procesionais e foxas escavadas contendo barcas solares cerimoniais; tamén esculpiuse na rocha da meseta a Grande Esfinxe de Gizeh.

Asociados a estes monumentos reais atópanse numerosas mastabas de membros da familia real, outras concedidas polo faraón a funcionarios e sacerdotes, e algúns monumentos de épocas posteriores con vencellos co culto aos antepasados.

Das tres pirámides principais consérvase o seu núcleo, conformado por bloques de pedra calcaria, mais da súa codia, feita con calcaria puída ou granito rosado, só quedan algúns restos, pois estes bloques foron empregados para construír edificios na próxima cidade do Cairo.

A pirámide de Quefrén (Khafra) semella a máis alta, mais é debido a que foi construída sobre unha zona máis elevada da meseta de Gizeh; en realidade é a que se adxudica a Queops (Khufu) a de maior altura e volume. A Gran Pirámide estaba considerada na antigüidade unha das Sete marabillas do mundo, e é a única das sete que aínda perdura.

A finais do Imperio Antigo, durante a sexta dinastía había en Gizeh varios centos de tumbas.

Imperio Antigo

[editar | editar a fonte]

Aínda que non se atopa totalmente escavado o monumento máis antigo ata o de agora atopado na meseta é a Mastaba V que data posiblemente de tempos do monarca Djet da Dinastía I.

A necrópole foi moi utilizada durante a IV dinastía, pero resulta paradoxal o feito de que estes construtores, que destacan pola súa pericia nas artes e virtuosidade técnica, fosen tan reticente en emprega-la escritura para difundi-la súa mensaxe.

Complexo piramidal de Queops

[editar | editar a fonte]
A Pirámide de Queops nunha tarxeta postal do século XIX.
A Pirámide de Queops, coa Esfinxe diante.

A Gran Pirámide ou Pirámide de Queops (chamada "Queops e o que pertence ao horizonte"), é o máis famoso monumento que se pode contemplar neste lugar, a única das Sete Marabillas da Antigüidade que permanece en pé. Esta formaba parte dun complexo, composto polas pirámides secundarias das raíñas (3), o seu Templo Funerario, o Templo do Val e a calzada (avenida da eternidade) que unía a pirámide co Templo do Val, e as Barcas Solares soterradas en cinco foxas, completamente desmontadas, entre outros, elementos necesarios para que o Faraón puidese facer a súa viaxe nocturna (na actualidade unha delas foi montada e consérvase no Museo das Barcas Solares, situado neste mesmo lugar). No ano 1991, un equipo dirixido polo arqueólogo Zahi Hawass descubriu os restos da pirámide satélite (para algúns autores coñecidas como pirámides de culto) de Queops, na esquina suroeste da Gran Pirámide.

Tumba da Raíña Hetepheres

[editar | editar a fonte]

Outra importante descuberta ocorreu en 1925 e debeuse á mera sorte cando o fotógrafo da expedición de Reisner, Mohamadien Ibrahim, poñendo o seu trípode golpeou o que sería a selaxe da entrada dun paso subterráneo. Despois de dez anos quitando cascallo do pozo atoparon elementos de ofrendas, un selo con nome do taller funerario de Queops, e finalmente chegaron a inacabada cámara funeraria onde atoparon varios obxectos de gran beleza: unha cama, dúas cadeiras de brazos, un pavillón portátil ou unha cadeira, todos en madeira dourada e que constitúen exemplos únicos de mobles do Imperio Antigo, unha caixa de pel para bastóns, caixas de madeira, ademais de vinte brazaletes de prata con incrustacións de turquesa, lapislázuli e cornalina. Tamén no interior había un sarcófago de alabastro. Nos obxectos, aparecían os nomes de Snefru e Hetepheres (co título de "Nai do Rei do Alto e do Baixo Exipto") e algúns co nome de Queops. Do estilo dos obxectos e nomes aparecidos nela deduciuse que se trataba da tumba da muller de Snefru e nai de Queops, Hetetpheres (Fosa G7000x). Os obxectos aparecidos consérvanse no Museo Exipcio do Cairo e no Museo de Belas Artes de Boston. A tumba atópase ao leste da pirámide de Queops.

Tumba da Raíña Khentkaus

[editar | editar a fonte]
Tumba da raíña Khentkaus I no Campo Central.

Khentkaus foi unha Raíña nai, parente de Queops pola vía paterna, e filla do príncipe Hordjedef. Do "papiro Westcar", que narra o nacemento divino dos primeiros reis da dinastía V, deduciuse que foi a nai dos primeiros gobernantes da dinastía V.

A súa tumba emprázase no campo central de Gizeh, sen se atopar asociado a ningún complexo real, sendo este dato a destacar pola súa rareza. Chegou a recibir o nome de "Cuarta pirámide de Gizeh" ata que o arqueólogo Selim Hassan, ao realizar as escavacións, demostrou que non mostraba indicios de presentar forma piramidal. En realidade presenta o aspecto dun sarcófago xigante, a imaxe da mastaba xigante de Shepseskaf, no sur de Saqqara.

Consta de dous niveis, o primeiro deles escavado na pedra calcaria característica desta rexión. Ao complexo uníaselle unha capela orientada cara ao leste, composta por tres cámaras (no pasado decoradas), e rodeábase todo o conxunto cun recinto. Na marxe sueste atopouse unha foxa naval. Outra singularidade deste monumento é que a avenida non parece estar asociada a ningún templo do val. Completa o conxunto unha serie de vivendas dispostas liñalmente para os sacerdotes funerarios da raíña.

Complexo Piramidal de Quefrén. A Grande Esfinxe

[editar | editar a fonte]
A Pirámide de Quefrén vista desde unha estación arqueolóxica próxima.

A Grande Esfinxe atribuída ao Faraón Queops e outro dos vestixios de máis sona. Atópase á beira do Templo do Val que forma parte do seu Complexo Piramidal. Os estudosos non se poñen de acordo na atribución da súa construción, dubidando entre Queops, Djedefre e Quefrén. Destaca pola súa monumentalidade, xa que se elaborou usando un lombeiro rochoso moi preto da calzada de Quefrén e do seu Templo do Val.

A pirámide de Quefrén (chamada na antigüidade "Grande de Quefrén") ao estar situada sobre un pequeno promontorio semella máis alta que a Gran Pirámide. Presenta, no seu interior, o deseño típico das pirámides do Imperio Antigo, coa cámara funeraria de grandes dimensións (no que Belzoni descubriu un marabilloso sarcófago) baixo terra, e no seu cume aínda conserva unha boa parte do revestimento de pedra calcaria vermella que orixinalmente a cubriría toda. Tamén se conserva en bo estado o seu Templo do Val no que Auguste Mariette, nas escavacións que dirixiu no ano 1860, atopou varias estatuas do faraón e no que se documenta a súa dedicación cultural ata a época romana.

Complexo piramidal de Micerinos

[editar | editar a fonte]
Pirámide de Micerinos.

O Complexo Piramidal de Micerinos ("Micerinos é divino") é o máis pequeno dos existentes en Gizeh. A causa do seu menor tamaño non debe interpretarse como a existencia dun período de crise económica, senón da evolución das crenzas relixiosas dos antigos exipcios, xa que as pirámides máis que monumentos de representación de poder exclusivamente son monumentos cun fondo sentido relixioso.

No seu Templo do Val construído en ladrillo, atopáronse as famosas esculturas do monarca que o representan en tríades con diversos deuses. A pirámide tamén conserva parte do seu revestimento orixinario de granito vermello de Asuán nas ringleiras máis baixas. Foi obxecto de reutilización durante a dinastía XXVI saíta.

Cemiterios de mastabas

[editar | editar a fonte]
Porta falsa na mastaba de Seneb (G1036), no Cemiterio Oeste.
Estatuas na mastaba de Idu (G7102), no Cemiterio Leste.

Estes complexos atópanse rodeados por mastabas pertencentes a membros da familia real e da alta nobreza, que nalgúns sectores se ordenan en extensas ringleiras ao redor de metódicas rúas e avenidas que seguen o eixe marcado polo complexo da pirámide do rei. Principalmente pertencen a membros das escalas máis altas da sociedade da IV dinastía. Eran arquitectos, escribas, médicos, recadadores de impostos, sacerdotes, oficiais dos templos, músicos... En 1902, as autoridades das antigüidades exipcias expulsaron os buscadores de tesouros do lugar e invitaron a varias misións arqueolóxicas para que escavaran nel. Estas expedicións foron a do americano George A. Reisner, o alemán Georg Steindorff (máis adiante unido a Junker) e o italiano Schiaparelli.

As tumbas privadas máis antigas atópanse na zona de canteiras que se atopan ao redor das pirámides de Quefrén e Micerinos.

Nas escavacións, atopáronse testemuñas de cemiterios anteriores á IV dinastía, pero sería co plan de Queops co que comezaría o verdadeiro período de utilización continuada e masiva. Queops realizou o máis importante intento de organizar o desenvolvemento da necrópole a través dun plan urbanístico dunha envergadura ata o momento sen precedentes, inserindo as mastabas aliñadas metodicamente en rúas e avenidas segundo o eixe do complexo real. Ordénanse en dous grandes cemiterios, o Cemiterio Oeste e o Cemiterio Leste. O estudo destes complexos de tumbas deu moitísimos resultados, podéndose extraer deles a evolución da que foi produto.

Durante a maior parte do reinado de Queops constátase unha redución máxima da mastaba, construíndose cunha simplicidade extrema. Reducíanse a unha mastaba maciza (sen cámaras interiores), sen pinturas decorándoas, cun sinxelo nicho no extremo sur da parede leste, onde se colocaba unha lousa de estela rectangular inscrita. Un exemplo que exceptúa a regra e demostra que non foi a falta de talento o que produciu que non se decorasen as mastabas e a Estela de Wpemnefret, cunha marabillosa policromía e relevos, sendo o único elemento decorado da Mastaba G1201.

Outro dos elementos atopados nestas mastabas das primeiras tumbas da IV dinastía, son as denominadas cabezas reservadas, atopadas nos pozos funerarios. Son elementos bastante inusitados no Antigo Exipto, que prefire a creación e uso de estatuas enteiras. Carecen de inscricións e non hai dúas iguais. Non se teñen atopado en todo Exipto máis exemplos de similares características.

Nunha destas mastabas foi enterrado Hemiunu (Visir, Portador do Selo Real e supervisor de tódolos proxectos de construción do rei), considerado o arquitecto supervisor da construción da Gran Pirámide. A súa tumba é unha das maiores de todas, pero o nome do propietario da maior a G2000 aínda segue a ser unha incógnita.

Co tempo, o modelo sinxelo de mastaba foise modificando e cara ao final do reinado de Queops o número de pozos, as capelas e a decoración de todo o conxunto foi proliferando, adquirindo unha maior complexidade.

Durante o reinado de Quéfren, magníficos relevos e pinturas decoraban as tumbas da aristocracia, a maior do cemiterio leste a do Visir Ankhhaf ou a da raíña Meresankh III son dos mellores exemplos. Coa dinastía V, prodúcese unha ruptura co esquema de rúas e avenidas ordenado por Queops. A partir desta dinastía, as paredes decoraranse con textos que recollen as fazañas dos seus propietarios, biografías, as súas relacións co Faraón...

Pese a que, a finais da IV dinastía, a necrópole real muda a Saqqara ou outros lugares, moitos membros da nobreza continuaron soterrándose nesta necrópole. Segundo avanzaba a dinastía VI, a necrópole viuse invadida por centos de tumbas e pozos funerarios que afogaban as rúas e avenidas. Deste xeito, a ordenada disposición dos cemiterios de Queops foi desbordada por moreas de tumbas adicionais.

Imperio Novo

[editar | editar a fonte]

Durante o Imperio Novo, houbo un renacer na actividade en Gizeh, construíndose un templo na honra de Horemakhet (durante a dinastía XVIII por parte de Amenhotep II) nas proximidades da Esfinxe. As restauracións feitas á propia Esfinxe, a reutilización da Pirámide de Micerinos ou a transformación da pirámide meridional das raíñas de Queops en Templo dedicado a Isis (no Terceiro Período Intermedio) son outros exemplos da dinamización da actividade da que foi obxecto o enclave. Seguiuse a usar como necrópole ata a época da dominación persa de Exipto.

Construción das pirámides

[editar | editar a fonte]
As Pirámides de Gizeh.
O complexo da necrópole de Gizeh pola noite.
Gráfico explicativo da teoría da correlación de Orión.

A maioría das teorías sobre a construción das pirámides baséanse na idea de que foron utilizadas grandes bloque de pedra traídos dunha canteira, arrastrándoas e levantándoas no lugar. Os desacordos céntranse no método polo que se transportaron e colocaron as pedras, e como era posible o método.

Para construír as pirámides, os arquitectos deberon ter desenvolvido as súas técnicas ao longo do tempo. Terían elixido un lugar nunha área relativamente chá de leito rochoso que proporcionaba unha base estable. Despois de examinar coidadosamente o sitio e colocar o primeiro nivel de pedras, construíron as pirámides en niveis horizontais, un encima do outro.

Para a Gran Pirámide de Gizeh, a maioría da pedra para o interior semella ter sido extraída dunhas canteiras inmediatamente ao sur do sitio da construción. O liso exterior da pirámide estaba composto por un fino grao de pedra calcaria branca que se extraía ao longo do río Nilo. Estes bloques exteriores tiveron que ser coidadosamente cortados, transportados en barcazas polo río ata Gizeh, e arrastrados mediante ramplas ata o lugar de construción. Só uns poucos bloques exteriores permanecen no seu lugar na parte superior da Gran Pirámide. Durante a Idade Media, desde o século V ata o século XV, a xente debeu coller as pedras que faltan para a construción de edificios na cidade do Cairo.[2]

Para asegurarse de que as pirámides permaneceran simétricas, todas as pedras exteriores tiñan que ser iguais en altura e ancho. Os obreiros debían ter marcados todos os bloques para indicar o ángulo da parede da pirámide e recortadas as superficies coidadosamente para que os bloques encaixaran. Durante a construción, a superficie exterior da pedra foi de pedra calcaria lisa; o exceso de pedra erosionouse co paso do tempo.[3]

Finalidade

[editar | editar a fonte]

Suponse que as pirámides de Gizeh e outras foron construídas para aloxar os restos dos faraóns falecidos que gobernaron durante o Antigo Exipto.[4] Os antigos exipcios crían que unha parte do espírito do faraón, o seu ka, permanecia co seu cadáver. O coidado adecuado dos restos era necesario para que o defunto faraón realizase as súas novas funcións como "rei dos mortos". Teorízase con que a pirámide servía non só coma unha tumba para o faraón, senón tamén coma un lugar de almacenamento dos utensilios varios que necesitaría na outra vida. Tamén crían que "a morte na Terra era o comezo dunha viaxe ao seguinte mundo". A tumba do corpo embalsamado do Rei situábase debaixo ou dentro da pirámide para protexelo e permitir a súa transformación e ascensión á outra vida.[5]

Astronomía

[editar | editar a fonte]

Os lados das tres pirámides de Gizeh estaban astronómicamente orientados ao norte-sur e este-oeste dentro dunha pequena fracción de grao. Entre os recentes intentos de explicar un patrón tan claramente deliberado están os de S. Haack, O. Neugebauer, K. Spence, D. Rawlins, K. Pickering, e J. Belmonte.[6][7][8][9] A disposición das pirámides é unha representación da constelación de Orión segundo a controvertida teoría da correlación de Orión.

Poboado dos obreiros

[editar | editar a fonte]

Os traballos de extraer, mover, colocar e esculpir a gran cantidade de pedra usada para construír as pirámides, tivo que ser feito por milleiros de obreiros especializados e non especializados, ademais doutros de apoio. Panadeiros, carpinteiros, portadores de auga e outros foron necesarios para o proxecto. Non só se especula cos métodos usados para contruír as pirámides, senón tamén co número exacto de traballadores necesarios para levar a cabo un proxecto desta magnitude. Cando o historiador grego Heródoto visitou Gizeh o 450 aC, foi informado polos sacerdotes exipcios de que "a Gran Pirámide levou 20 anos facela, traballando nela un total de 400.000 homes en quendas de tres meses e 100.000 homes en cada quenda". Evidencias nas tumbas indican que unha forza laboral de 10.000 obreiros traballando en quendas de tres meses, necesitarían sobre 30 anos en construír unha pirámide.[10]

O complexo de pirámides de Gizeh está rodeado por un gran muro de pedra, fora do cal Mark Lehner e o seu equipo descubriron un poboado onde se aloxaban os traballadores. A poboación localízase ao sueste dos complexos de Quefrén e Micerinos. Entre os achados no poboado dos traballadores encóntranse dormitorios comunais, panaderías, cervexerías, cociñas (con evidencias que mostran que o pan, a carne e o peixe eran elementos básicos da dieta), un hospital e un cemiterio (onde algúns dos esqueletos achados mostran signos de traumas asociados con accidentes no lugar de traballo).[11] A cidade dos traballadores parece estar datada cara a metade da Dinastía IV (2520–2472 aC), despois do reinado de Queops e da construción da Gran Pirámide. Segundo Lehner e a Asociación de Investigadores do Antigo Exipto (AERA):

"O desenvolvemento deste complexo urbano debeu ser bastante rápido. Todas as construcións foron probablemente feitas no período de 35-50 anos que abranguen os reinados de Quefrén e Micerinos, promotores da construción da Segunda e Terceira pirámides de Gizeh".

Sen datación polo carbono, usando só fragmentos de cerámica, impresións de selos e estratigrafía para datar o sitio, o equipo de investigadores conclúe:

"O cadro que se nos aparece é o dun asentamento planificado, un dos primeiros exemplos de planificación urbana do mundo, seguramente datado nos reinados de dous dos construtores das pirámides: Quefrén (2520–2494 aC) e Micerinos (2490–2472 aC)".[12][13]
  1. Datos na lista da UNESCO.
  2. Verner 1997
  3. Verner 1997
  4. Verner 1997
  5. culturefocus.com (ed.). "Egypt pyramids" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2010. Consultado o 7 de decembro de 2019. 
  6. Spence, Kate (16 de novembro de 2000). "Ancient Egyptian chronology and the astronomical orientation of pyramids". Nature (en inglés) 408 (6810): 320–324. 
  7. Rawlins, Dennis; Pickering, Keith (16 de agosto de 2001). "Astronomical orientation of the pyramids". Nature (en inglés) 412 (6848): 699. 
  8. Spence, Kate (16 de agosto de 2001). "Astronomical orientation of the pyramids". Nature (en inglés) 412 (6848): 699–700. 
  9. Thurston, Hugh (Decembro 2003). "On the Orientation of Early Egyptian Pyramids" (PDF). DIO The International Journal of Scientific History (en inglés) 13 (1): 4–11. ISSN 1041-5440. 
  10. Verner 1997
  11. Edwards 2003
  12. AERA - Ancient Egypt Research Associates. "Egyptian Pyramids - Lost City of the Pyramid Builders". aeraweb.org (en inglés). Consultado o 8 de decembro de 2019. 
  13. Mark Lehner; AERA - Ancient Egypt Research Associates. "Dating the Lost City of the Pyramids". aeraweb.org (en inglés). Consultado o 8 de decembro de 2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]