Saltar ao contido

Amniotas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ovo amniótico»)
Amniota

Unha cría de tartaruga nun ovo amniótico.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
(sen clasif.): Amniota
Haeckel, 1866
Clase

Os amniotas son aqueles animais nos que os seus embrións están rodeados por unha membrana amniótica. Os réptiles, por exemplo, pertencen a este grupo. O comezar o desenvolvemento embrionario aparece esta membrana que remata por rodear o embrión por todos os lados, agás un que é o que o une ao saco vitelino.

Os amniotas son un grupo de vertebrados tetrápodos que inclúen os mamíferos (Synapsida) e os saurópsidos (réptiles e dinosauros, incluíndo as aves).

Características

[editar | editar a fonte]

Os amniotas teñen un desenvolvemento embrionario que inclúe a formación de varias membranas: o amnio, o corion e o alantoide. Os amniotas desenvólvense directamente nunha forma tipicamente terrestre, con membros e un epitelio espeso e estratificado, en vez de entraren nun estadio larvar seguido de metamorfose como acontece nos anfibios. Nos amniotas, a transición da periderme cara a un epitelio córneo, é disparada por unha hormona da tiroide, durante o desenvolvemento embrionario (noutros tipos de animais este proceso dáse por metamorfose). As características embrionicas específicas dos amniotas poden reflectir especializacións dos ovos de maneira que poidan sobrevivir a ambientes máis secos. A dimensión dos ovos e o seu gran contido en vitelo poden beneficiar o desenvolvemento directo en formas que acadan maiores dimensións.

Anatomía dun ovo amniota
1. Casca
2. Membrana externa
3. Membrana interna
4. Chalaza
5. Albume externo
6. Albume medio
7. Membrana vitelina
8. Núcleo
9. Disco xerminativo (blastoderma)
10. Xema amarela
11. Xema branca
12. Albume interno
13. Chalaza
14. Cámara de aire
15. Cutícula

Entre as características dos amniotas que propician a supervivencia en terra están:

  • Unha casca de ovo cunha dureza razoábel, e porosa.
  • Un alantoide que facilita a respiración e prové dun reservorio para os produtos de excreción.
  • Os riles e parte do intestino conseguen reter unha cantidade apreciábel de auga.

A maioría dos mamíferos non posúen ovos con casca: as estruturas correspondentes encóntranse na propia placenta.

Os primeiros amniotas, como por exemplo a especie Casineria kiddi, que viviu hai cerca de 340 millóns de anos, asemellaban pequenos lagartos. Os seus ovos eran pequenos e cubertos dunha membrana grosa. A pesar de que algúns anfibios modernos fixeran a posta en terra, eles carecían da característica de posuír o amnio. Este tipo de ovo só se tornou posíbel debido ao xurdimento da fertilización interna. A membrana exterior serviu de envoltorio como unha protección contra os ambientes menos propicios existentes en terra, á medida que as especies evolucionaban para ter a posta en terra que resultaba máis segura que o ambiente acuático. Pódese asumir que os antepasados dos amniotas puñan os seus ovos en lugares húmidos. Así, os animais de pequeno porte non tiñan gran dificultade en atopar lugares axeitados para a posta.

Nos peixes e nos anfibios só existe unha membrana interna, tamén chamada membrana embrionaria. Nos amniotas, a anatomia interna do ovo evolucionou algo máis. Novas estruturas desenvolvéronse para tratar cos gases e cos residuos de excreción. Para que se desenvolvesen cascas de ovos máis grosas e resistentes, non había outra alternativa que encontrar novas maneiras de fornecer osíxeno ao embrión, xa que a simple difusión dos gases era insuficiente. Despois de que o ovo tivera desenvolvidas estas estruturas, foi posíbel unha maior sofisticación que permitiu que eles poidesen ser de maiores dimensións e poidesen ser postos en lugares menos húmidos. Ovos maiores significan animais nacidos de maiores dimensións e adultos maiores significan ovos maiores: os amniotas tiñan así a oportunidade de podérense tornar animais de maiores dimensións, en comparación cos seus antepasados. Mais o crecemento real e efectivo non era o maior posíbel, visto que a súa alimentación aínda se baseaba en pequenos invertebrados: tiveron que comezar a se alimentar de plantas e doutros vertebrados. A exploración de novos hábitats que a conquista da terra significou e o progresivo aumento das dimensións corporais, significou outro paso evolutivo para os amniotas, tanto en termos de comportamento como anatómicos.

Existen tres tipos principais de amniotas, que poden diferenciarse pola estrutura do esqueleto e en particular, polo número de aberturas temporais detrás do ollo. Nos anápsidos non existe ningunha abertura, nos sinápsidos existe unha e na maioría dos dispsídeos existen dúas.

Os restos de esqueletos de amniotas poden identificarse por ter polo menos dous pares de costelas sacrais e un astrágalo no tornecelo.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Filoxenia

[editar | editar a fonte]
                     ,_______________________ Pelycosauria +
                     |
                     |              ,_______ Dicynodontia +
  ,__ Synapsida _____|              |
  |                  |__ Terapsida _|   ,___ Cynodontia +
  |                                 |___|
  |                                     |___ Mammalia 
  |
__|                                     ,______ Testudines
  |               ,_ Anapsida __________|
  |               |                     |__ Parareptiles +
  |__ Sauropsida__|
                  |            ,______________ Younginiformes +
                  |_ Diapsida__|
                               |_________________ Neodiapsida

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]