Pelo radical
Un pelo radical[1][2], ou pelo absorbente[1] (ás veces tamén pelo radicular) é un crecemento tubular dun tricoblasto ou pelo que se forma na epiderme da raíz das plantas, que equivale ao rizoide das plantas vasculares e ten funcións aborbentes de auga e sales. Son extensións laterais dunha soa célula da epiderme e raramente están ramificadas, e son grandes dabondo como para verse a simple vista, e con detalle con microscopio óptico. Encóntrase só na zona de maduración da raíz. Xusto antes e durante o desenvolvemento dos pelos radicais hai unha actividade elevada encimática de fosforilase.[3] As plantas absorben auga e sales do chan por osmose e os pelos radicais están adaptados a facer esta absorción ao teren unha grande área superficial que acelera a osmose. Outra adaptación é que a célula do pelo radical ten un grande vacúolo permanente.
Función
[editar | editar a fonte]As zonas con pelos radicais son onde máis absorción de auga se produce. Os pelos son longos e poden penetrar entre as partículas do solo e impiden que bacterias daniñas entren ba planta a través dos vasos do xilema. Teñen unha grande área superficial para a absorción de auga, polo que fan que a planta sexa máis eficiente na absorción de nutrientes e no establecemento de relacións con microbios.[4] O aumento de superficie é o factor principal, xa que se demostrou que células peridérmicas sen pelos poden absorber auga case igual de ben. Unha planta de centeo, por exemplo, ten unha área superficial dos pelos de 232 m2.[5] Unha sección transversal dunha célula do pelo radical mostra que ten unha forma case rectangular cunha longa prolongación delgada que se estende a un lado do núcleo, o cal está situado en posición parietal. A auga pasa desde o solo ao citoplasma da célula do pelo absorbente por osmose. Isto ocorre porque a auga do solo ten un potencial hídrico máis alto que o citoplasma da célula do pelo. A solución de auga e minerais disoltos captada pasa desde a raíz ao resto da planta. As células dos pelos non teñen cloroplastos nin fan a fotosíntese.
Formación
[editar | editar a fonte]As células dos pelos radicais son crecementos do extremo das raíces. As células dos pelos radicais teñen un diámetro entre 15 e 17 micrómetros e de 80 a 1500 micrómetros de lonxitude.[5] Atópanse só na zona de maduración e non na de elongación da raíz. Os pelos medran rapidamente, a partir dunha especie de papila na zona apical da célula epidérmica, ata polo menos 1μm/min, polo que son especialmente útiles para estudar a expansión da célula.[6] A célula apical pode seguir alongándose despois da formación do pelo.
Nalgunhas plantas a epiderme radical presenta células formadoras de pelos e células que non os forman. En xeral, as células formadoras de pelos son máis curtas que as outras. As no formadoras de pelos poden ser inducidas a formalos por factores ambientais.[5]
Importancia
[editar | editar a fonte]Os pelos radicais proporcionan maior superficie para a absorción de auga e nutrientes. Están directamente implicados na formación de nódulos radiculares en plantas leguminosas. Os pelos rodean as bacterias e isto permite a formación dun filamento de infección nas células corticais en división para que se forme o nódulo.[7]
Os pelos segregan tamén ácidos (H+ procedente do ácido málico), que se intercambia con outros minerais e axuda a solubilizalos en forma iónica, o que fai que sexan máis fáciles de absorber.[8]
Supervivencia
[editar | editar a fonte]Os pelos absorbentes xderalmente só viven uns días e despois morren e dedspréndense, e fórmanse outros novos, de modo que a superficie cuberta polos pelos permaneza máis ou menos igual. Cando os pelos son vellos, colapsan e as membranas das células epidérmicas suberifícanse e lignifícanse. Non obstante, nalgunhas especies os pelos son persistentes, adquiren membranas grosas e talvez perden a súa capacidade de absorción.[5]
Cando se transplanta unha planta ou cambia de maceta isto pode orixinar a rotura dun número significativo de pelos, polo que ás veces a planta se pode murchar e morrer.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Definición de pelo no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia. Ver acepción 4
- ↑ Grierson, Claire; Schiefelbein, John (2002-04-04). "Root Hairs". The Arabidopsis Book / American Society of Plant Biologists 1: e0060. ISSN 1543-8120. PMC 3243358. PMID 22303213. doi:10.1199/tab.0060.
- ↑ Dosier, Larry W.; Riopel, J. L. (1977). "Differential Enzyme Activity During Trichoblast Differentiation in Elodea Canadensis". American Journal of Botany (en inglés) 64 (9): 1049–1056. doi:10.1002/j.1537-2197.1977.tb10794.x.
- ↑ Grierson, C.; Schiefelbein, J. (2002). "Root Hairs". The Arabidopsis Book 1: e0060. PMC 3243358. PMID 22303213. doi:10.1199/tab.0060.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Katherine Essau. Anatomía vegetal. Omega. Barcelona. 1976. Páxinas 192-196. ISBN 84-282-0169-2
- ↑ Grierson, Claire; Schiefelbein, John (1 January 2002). "Root Hairs". The Arabidopsis Book 1: e0060. PMC 3243358. PMID 22303213. doi:10.1199/tab.0060.
- ↑ Mergaert, Peter; Uchiumi, Toshiki; Alunni, Benoît; Evanno, Gwénaëlle; Cheron, Angélique; Catrice, Olivier; Mausset, Anne-Elisabeth; Barloy-Hubler, Frédérique; Galibert, Francis; Kondorosi, Adam; Kondorosi, Eva (28 March 2006). "Eukaryotic control on bacterial cell cycle and differentiation in the Rhizobium–legume symbiosis". Proceedings of the National Academy of Sciences (en inglés) 103 (13): 5230–5235. PMC 1458823. PMID 16547129. doi:10.1073/pnas.0600912103.
- ↑ Gerke, Jörg; Römer, Wilhelm; Jungk, Albrecht (1994). "The excretion of citric and malic acid by proteoid roots ofLupinus albus L.; effects on soil solution concentrations of phosphate, iron, and aluminum in the proteoid rhizosphere in samples of an oxisol and a luvisol". Zeitschrift für Pflanzenernährung und Bodenkunde (en inglés) 157 (4): 289–294. doi:10.1002/jpln.19941570408.