Saltar ao contido

Ponte das Partidas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ponte das Partidas
Localización
Coordenadas42°08′46″N 8°30′47″O / 42.1460355, -8.5131158
RíoTea
ConcelloPonteareas
ProvinciaPontevedra
Características
Construciónséculo XIV, orixe: século I
Lonxitude41 m
Ancho4 m
TipoOrixe: romana, románico-gótico
Materialpedra

A ponte das Partidas é unha ponte medieval de orixe romana situada na parroquia pontareá de Moreira. Trátase dunha das catro pontes de orixe romana que cruzan o río Tea, afluente do Miño. No medievo, especialmente nos séculos XIV e XV, sofre varias reformas que achegan o aspecto actual.

Aínda está aberta ao tránsito malia estar catalogada pola Xunta e polo PXOM de Ponteareas como ben de interese. Relaciónase con numerosas lendas e rituais.

Localización

[editar | editar a fonte]

A ponte cruza o río Tea no lugar de Urcela, na parroquia de Moreira, do concello de Ponteareas. Está ben sinalizada dende a estrada que une a vila de Ponteareas con Salvaterra de Miño. Atópase nunha fermosa contorna que forma o bosque de ribeira do río Tea, encabezada por amieiros, freixos e carballos. O lugar é considerado Lugar de importancia comunitaria pola Unión Europea, mais o río carece, polo de agora, de figura de protección ningunha. Abundan as lampreas, xa que preto atopamos varias pesqueiras.

Á beira da ponte áchase o campo de fútbol da vila. A zona conta cunha praia fluvial miúda e unha área de lecer á beira do río na que se instalaron algunhas desafortunadas mesas de granito e especies arbóreas foráneas.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A ponte medieval ten un taboleiro rampante de 41 metros de longo e 4 de largo e consta de catro arcos de cantaría granítica de diferentes diámetros, sendo maior o central. Os dous centrais apuntados e os dous laterais conservan o primitivo arco de medio punto. Os arcos fican resgardados por tallamares triangulares a montante, a rampla está inclinada nas dúas vertentes, gardas baixas de cachotaría e pavimento laxeado (hoxe recuberto con formigón e novas lousas de granito). Nos extremos, tres pequenos vertedoiros probabelmente de orixe romana completan a ponte. Conta cun sólida e baixo peitoril granítico.

Obra de enxeñaría de época medieval, malia que algúns autores consideran que ten certos elementos de orixe romana (especialmente os vertedoiros). Foi un importante punto de paso sobre o río Tea, e de aí vén o seu nome; dende aquí se partía en varias direccións. É unha das catro pontes de orixe romana que atravesan o río dende o seu nacemento até a súa saída ao Miño. A ponte das Partidas atópase uns poucos quilómetros abaixo da ponteareá ponte dos Remedios, de orixe medieval. Probabelmente a orixe sexa romana, mais a ponte actual conserva case exclusivamente formas medievais, ademais de sufrir posteriores modificacións, especialmente nos séculos XIV e XV. Formaba parte da vía que levaba de Tui a Ponteareas para aquí unirse coa vía que ía dende Baiona a Ribadavia. A última restauración é do ano 2005. Agárdase a construción dunha nova ponte para evitar o paso de vehículos na ponte histórica e evitar a súa deterioración.

A lenda conta que a ponte foi construída nunha soa noite polos mouros. O nome da ponte ten igualmente varias orixes lendarias. Unha disque unha banda de ladróns reuníase na ponte despois de roubar para facer as partidas do botín. Tamén falan de cabaleiros que acostumaban reunirse alí antes de partir nas súas loitas. Outra conta coma sete irmáns (Asunción, Lucía, María, Marta, Amaro, Brais e Cibrán) xuntábanse alí antes de partir a predicar o evanxeo, e foi tanta a súa angueira de predicación que, despois de finaren, medraron sobre os seus corpos sete outeiros que arrodeaban a ponte. En todos estes montes erguéronse capelas na súa honra: Pesqueiras, Ganade, A Picoña, Ribarteme, Lira, Areas, Guláns).

Coma moitas outras pontes de Galicia, na ponte das Partidas celebrábanse os bautizos prenatais, procurando a protección das forzas sobrenaturais. Cando unha muller quedaba preñada acudía á medianoite á ponte e alí agardaba o primeiro camiñante que a cruzase convidándoo a botar auga do río sobre o seu ventre e a ser o padriño do meniño. Despois facían un pequeno xantar e botaban ao río os refugallos da comida. Por esta tradición a ponte chegou a denominarse ponte das Paridas.

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Está catalogada como ben de interese cultural pola Xunta de Galicia. O estado xeral de conservación é bo, malia se atopar aínda aberta ao tránsito de vehículos pesados.

No ano 2005 a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia concedeulle unha partida orzamentaria e a ponte foi restaurada para consolidar as bases e permitir o paso de vehículos. Na restauración descubriuse o pavimento orixinal do taboleiro, coas antigas pegadas das rodas dos carros. O chan finalmente foi cuberto con formigón e novas laxes de granito.

A ponte aínda segue a soportar o paso de vehículos, o que non axuda a súa boa conservación. En 2011 instálanse semáforos para regular o tránsito, mentres o concello aínda reclama unha segunda ponte para evitar a deterioración desta.[1][2][3]

  1. "Mejora de la seguridad vial en el Puente de las Partidas". Ponteareas virtual (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2018. Consultado o 10 de setembro de 2018. 
  2. "O semáforo que regula o paso na ponte das Partidas non funciona". Faro de Vigo. 22 de xullo de 2018. Consultado o 10 de abril de 2020. 
  3. "Goberno e veciñanza de Moreira percorren a PO-403 para detectar os puntos críticos". ponteareas.gal. Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2018. Consultado o 10 de setembro de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]