Saltar ao contido

Portal:Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ourense é unha cidade galega, capital da provincia de Ourense e da súa comarca homónima. É a terceira cidade máis poboada de Galicia despois de Vigo e A Coruña. Segundo o IGE, en 2014 a poboación foi de 106.905 habitantes (107.597 en 2012).

Situada preto da Vía Nova que unía Bracara Augusta (hoxe Braga en Portugal) con Asturica Augusta (hoxe Astorga) a cidade mantivo importancia tras a época romana pola súa ponte e situación central na antiga Gallaecia. Foi corte real dos suevos crese que durante o reinado de Carriarico/Teodomiro que foi o que fundou a primeira igrexa dedicada a San Martiño de Tours.

Está atravesada polos ríos Miño, Barbaña e Lonia. É coñecida como "A cidade das Burgas" debido á sona das súas famosas fontes de augas termais (a auga sae a 60-68 °C). Tamén se lle coñece como Auria.

Destacan como monumentos a Catedral de Ourense (s.XII) co seu Pórtico do Paraíso e o Santo Cristo, a ponte Romana, o claustro de San Francisco, a igrexa da Trindade e a de San Domingo, e o conxunto do seu casco antigo, en proceso de recuperación.

Cidade termal por excelencia, ademais das Burgas o visitante pode gozar das augas termais do balneario da Chavasqueira (de inspiración xaponesa), O Tinteiro, Muíño da Veiga e Outariz. Están moi próximos á capital os centros balnearios da Arnoia, Baños de Molgas, Laias e O Carballiño.

Artigo destacado

editar

O Club Ourense Baloncesto, coñecido por motivos de patrocinio como Ourense Provincia Termal, é un club de baloncesto profesional da cidade de Ourense (Galicia). Fundado en 1979 e ascendeu por primeira vez á máxima categoría en 1988, na que competiu dez tempadas, nove delas consecutivas, ocupando a 32ª posición na clasificación histórica de clubs. Na tempada 2002-03 o equipo participou na FIBA EuroCup Challenge, milita na segunda categoría, a Liga LEB.

Os seus xogadores visten un uniforme que consiste nunha camiseta cor azul celeste e laranxa cun pantalón da mesma cor. A súa pista de xogo é o Pazo Paco Paz, tamén sede oficial do club, e que conta con capacidade para máis de 5.000 espectadores. O seu actual presidente é Antonio Gavilanes. O club tamén dispón dun filial na liga EBA, así como con múltiples equipos que xuntan a rapaces de tódalas idades.

Entre os títulos do equipo salientan cinco Copas Galicia e unha Copa Príncipe de Asturias conquistada en Granada na tempada 1999-2000.

Lugar de interese

editar

As Burgas son uns mananciais de augas termais que se localizan na cidade de Ourense. Deles brotan unhas augas silicatadas, fluoradas, litínicas e hipertermais, a unha temperatura entre 64 e 68 °C cun caudal de 300 litros por minuto. Estas augas son aplicables a diferentes tipos de dermopatías.

A composición da auga das Burgas foi determinada mediante análise polos doutores Souto e Bermejo en 1990, sendo as súas augas moi ricas en bicarbonato (462 mg/l), así como en sodio (102,2 mg/l).

As Burgas constan de tres mananciais: a Burga de Arriba, a máis antiga, de estilo popular e pertencente ó século XVII; a Burga do Medio, pegada ao muro e de estilo moderno; e a Burga de Abaixo, de estilo neoclásico, século XIX, con dous canos laterais e unha pía labrada no centro con outro cano. Tamén se atopa neste conxunto a réplica das catro aras romanas atopadas na cidade, a primeira delas en honor das Ninfas desas augas ofrendada por Calpurnia Abana Aeboso, que é o primeiro nome coñecido dun habitante da cidade de Ourense.

Estes mananciais foron declarados Conxunto Histórico-Artístico no ano 1975.

Imaxe destacada
Biografía destacada

editar

Valentín Lamas Carvajal, nado en Ourense o 1 de novembro de 1849 e finado na mesma cidade o 4 de setembro de 1906, foi un autor e xornalista galego. No ano 1972 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Entre outros feitos, Lamas realizou dúas iniciativas importantes en relación co xornalismo e coa literatura en lingua galega, contando ambas con moi boa acollida: fundar o primeiro semanario en lingua galega, titulado O Tio Marcos d'a Portela, e publicar o Catecismo do labrego.

En 1906 foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega.

Sabías que...?

editar

Catedral de Ourense.

  • ... na madrugada do 25 de xuño de 1931 proclamouse a República Galega dende a Casa do Concello da cidade?
  • ... o nome da cidade vén da época romana, cando foi bautizada como Auriense ("a cidade de ouro") pola abundancia dese metal precioso?
  • ... a catedral de Ourense foi construída como unha fortaleza defensiva?


Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (0)

Artigos bos (1)


Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons