Sacagawea
Sacagawea (dereita) con Lewis e Clark en Three Forks, nun mural da Cámara de Representantes de Montana. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | p. 16 de maio de 1788 Salmon (sen valor) |
Morte | d. 12 de decembro de 1812 (24 anos) Fort Lisa, Estados Unidos de América (en) |
Causa da morte | tifo epidémico (pt) |
Grupo étnico | Pobo shoshone |
Actividade | |
Ocupación | exploradora, futbolista, Aitzindari, intérprete, política |
Familia | |
Cónxuxe | Toussaint Charbonneau |
Fillos | Jean Baptiste Charbonneau |
Premios | |
Descrito pola fonte | Native American Women: A Biographical Dictionary |
Sacagawea, tamén chamada Sakakawea ou Sacajawea, nada en maio de 1788 e finada o 20 de decembro de 1812, foi unha muller shoshone coñecida por axudar na expedición de Lewis e Clark e conseguir os seus obxectivos na exploración do Territorio de Luisiana.
Sacagawea viaxou coa expedición percorrendo centos de quilómetros dende Dacota do Norte até o océano Pacífico. Axudou a estabelecer contactos culturais coas poboacións de nativos americanos ademais das súas achegas na historia natural.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]As fontes de información históricas sobre Sacagawea son moi limitadas. Naceu no seu da tribo agaidika (comedores de salmón) ou lemhi shoshone entre Kenney Creek e Agency Creek, preto de Salmon, Idaho. En 1800, cando tiña arredor de 12 anos, ela e outras rapazas foron capturadas por un grupo de hidatsa nunha batalla que tivo como resultado a morte de varios shoshone: catro homes, catro mulleres e varios rapaces. Estivo presa nunha vila hidatsa preto de Washburn, Dacota do Norte.[1]
Cando tiña aproximadamente 13 anos, Sacagawea foi vendida como esposa a Toussaint Charbonneau, un cazador quebequés que vivía na vila. Tamén mercou outra moza shoshone, coñecida como Otter Woman, para que fose a súa "esposa". Crese que Charbonneau mercou as dúas rapazas ós hidatsa para que fosen as súas "esposas" ou ben que gañou a Sacagawea xogando.[1]
A expedición de Lewis e Clark
[editar | editar a fonte]Sacagawea estaba embarazada do seu primeiro fillo cando os Corps of Discovery chegaron preto da vila hidatsa para pasar o inverno de 1804–05. Os capitáns Meriwether Lewis e William Clark construíron o Forte Mandan. Entrevistáronse con varios cazadores que puidesen servir de guías e intérpretes na expedición subindo polo río Missouri na primavera. Contrataron a Charbonneau como intérprete cando descubriron que a súa esposa falaba shoshone, e coidaban que precisarían da axuda das tribos shoshone no nacemento do Missouri.
Charbonneau e Sacagawea mudáronse ó forte da expedición a semana seguinte. Clark alcumouna "Janey". Lewis rexistrou o nacemento de Jean Baptiste Charbonneau o 11 de febreiro de 1805, sinalando que outro dos intérpretes da expedición lle subministrou os axóuxeres esmagados de Crotalus para acelerar o parto. Clark e outros europeos alcumaron o neno "Little Pomp" ou "Pompy."
En abril, a expedición deixou o Forte Mandan e seguiron polo río Missouri en piraguas. Tiveron que loitar contra a corrente e foron sacados ás beiras do río varias veces. O 14 de maio de 1805, Sacagawea rescatou varios dos artigos que caeron do bote, incluíndo os artigos e os rexistros de Lewis e Clark. Os comandantes da expedición louvaron a súa rápida acción e chamaron ó río Sacagawea na súa honra o 20 de maio de 1805. En agosto de 1805, localizaron unha tribo shoshone e tentaron comerciar por cabalos para cruzar as Montañas Rochosas. Empregaron a Sacagawea para facer de intérprete e descubriron que o xefe da tribo, Cameahwait, era o seu irmán.
Os shoshone acordaron intercambiar cabalos co grupo e proporcionáronlles guías para atravesar as frías e estériles Montañas Rochosas. A viaxe foi tan dura que se viron obrigados a comer o sebo das candeas para sobrevivir. Cando descenderon a rexións máis tépedas no outro lado, Sacagawea axudou a recoller e cociñar raíces de camassia para axudarlles a recuperar a forza.
Conforme a expedición se achegada á boca do río Columbia na costa do océano Pacífico, Sacagawea renunciou ó seu cinto de contas para permitir ós capitáns intercambialo por un traxe de peles que desexaban darlle ó presidente Thomas Jefferson. Cando a compañía chegou ó océano Pacífico, tódolos membros da expedición, incluíndo a Sacagawea e o servo negro de Clark, York, votaron o 24 de novembro sobre a localización do forte para o inverno. En xaneiro, cando un cadáver de balea chegou á praia ó sur do Forte Clatsop, Sacagawea insistiu no seu dereito de ver ese "peixe monstruoso".
Na viaxe de volta, chegaron ás Montañas Rochosas en xullo de 1806. O 6 de xullo, Clark rexistrou que "A muller india informoume que ela estivera nesa chaira con frecuencia e que a coñecía moi ben... Ela dixo que descubriríamos unha fenda nas montañas na nosa dirección..." (que é hoxe o paso de Gibbons). Unha semana despois, o 13 de xullo, Sacagawea aconsellou a Clark a cruzar o río Yellowstone no que hoxe se coñece como o paso de Bozeman. Posteriormente, este camiño foi escollido como a ruta óptima para o Ferrocarril do Pacífico Norte para cruzar a divisoria continental.
Malia que Sacagawea é representada como a guía da expedición,[2] só se rexistrou a súa intervención en poucos casos. O seu traballo como intérprete certamente axudou á expedición a negociar cos shoshone; porén, a súa achega máis valiosa á misión puido ser a súa presenza durante a dura viaxe, o cal demostrou as intencións pacíficas da mesma. Mentres atravesaban o que hoxe é o condado de Franklin, no estado de Washington, Clark sinalou, "A muller india confirmou a esas persoas as nosas intencións amistosas, xa que ningunha muller acompaña nunca a un grupo de guerra de indios nesta área," e, "a esposa de Shabono, a nosa intérprete, reconciliounos con tódolos indios; en canto ás nosas intencións amistosas, unha muller cun grupo de homes é unha mostra de paz."[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Public Broadcasting Service (ed.). "Sacagawea". Consultado o 12 de setembro de 2017.
- ↑ Hebard, Grace Raymond (1933). Sacajawea: Guide and Interpreter of Lewis and Clark (2012 ed.). Courier Corporation. ISBN 9780486146362.
- ↑ Lewis, Meriwether; Clark, William (1805). University of Nebraska–Lincoln, ed. "October 13, 1805". Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2009. Consultado o 31 de agosto de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sacagawea |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Irene Cívico, Sergio Parra e Núria Aparicio (ilustradora). Las chicas van donde quieren. 25 aventureras que cambiaron las historia Editorial Montena, 2019. ISBN 978-84-1746-064-8
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Profile: Sacagawea", National Park Service
- Museum of Human BeingsArquivado 01 de marzo de 2017 en Wayback Machine., un libro de Colin Sargent
- Sacagawea - A Pioneer Interpreter en teck-translations.com