Saltar ao contido

Sikorsky R-4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sikorsky R-4
Tipohelicóptero
FabricanteSikorsky Aircraft
Deseñado porIgor Sikorsky
Primeiro voo14 de xaneiro de 1942
Produción1942-1944
Unidades construídas131

Sikorsky R-4 é un helicóptero de dous asentos deseñado por Igor Sikorsky cun único rotor de tres palas impulsado por un motor radial. O R-4 foi o primeiro helicóptero do mundo producido a grande escala e o primeiro usado polas Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos,[1] a Armada dos Estados Unidos, a Gardia Costeira dos Estados Unidos, e as Royal Air Force e Royal Navy británicas. No servizo da Armada e a Garda Costeira estadounidenses o helicóptero foi coñecido como Sikorsky HNS-1. No servizo británico foi coñecido como Hoverfly.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O VS-316 desenvolveuse a partir do famoso helicóptero experimental VS-300, inventado por Igor Sikorsky e amosado publicamente en 1940. O VS-316 foi redesignado XR-4, segundo a nomenclatura para helicópteros das forzas armadas estadounidenses. O XR-4 realizou o seu primeiro voo o 14 de xaneiro de 1942[2][3] e foi aceptado polo Exército o 30 de maio. O XR-4 superou todos os récords previos de resistencia, altitude e velocidade. O XR-4 completou un voo de 1 225 km cruzando o país dende Connecticut ata Wright Field, Ohio, establecendo un récord de altura de servizo de 3 700 m, mentres alcanzaba as 100 horas de voo sen ningún incidente grave e achegándose a unha velocidade de 140 km/h.[4]

O Almirantado británico, ao coñecer a existencia do VS-300, puxo a disposición un buque coa intención de amosar á Armada estadounidense o seu traballo con autoxiros e operacións de navíos. O Empire Mersey foi equipado cunha plataforma de aterraxe de 24 m × 12 m.[5] Despois de ser afundido en 1942 por un U-boat foi substituído polo SS Daghestan.[6] As primeiras probas de aterraxe no Daghestan realizáronse en 1944.[5] Os británicos recibiron dous dos oito primeiros helicópteros construídos.

O 5 de xaneiro de 1943 as Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos pediron 29 prototipos.[4] Os tres primeiros foron designados YR-4A e usados para probas de avaliación. O YR-4A beneficiouse dun motor máis grande Warner Super Scarab (R-550-1) de 180 CV, comparados cos 165 CV do motor R-500-3 do prototipo, e dun diámetro de rotor incrementado en 30 cm. A avaliación do YR-4A demostrou a necesidade de máis melloras, como mover a roda de cola para a parte traseira da pluma, poñer o escape cara a un lado en vez de cara a abaixo e incrementar a capacidade de combustible. Eses e outros cambios de deseño fixeron que os últimos prototipos se designasen YR-4B, os cales se usaron para probas de servizo e voos de adestramento.

  1. "Sikorsky R-4B Hoverfly". National Museum of the United States Air Force. Consultado o 28 de outubro de 2018. 
  2. Gunston 2005, p. 88
  3. Mondey 2005, p. 29
  4. 4,0 4,1 McGowen 2005, p. 29
  5. 5,0 5,1 "Britain's Test Pilots, No. 17 Wing Cdr. Reginald Alfred Charles Brie". Flight International. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  6. Cocker 2008, p. 114

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cocker, Maurice. Aircraft-Carrying Ships of the Royal Navy. Stroud, Gloucestershire, UK: The History Press, 2008 ISBN 978-0-7524-4633-2.
  • Gunston, Bill (1986). American Warplanes. New York: Crown Publishers Inc. ISBN 0-517-61351-4. 
  • McGowen, Stanley S. Helicopters: An Illustrated History of Their Impact (Weapons and Warfare Series). Santa Barbara, CA: ABC-CLIO, 2005. ISBN 978-1-85109-468-4.
  • Mondey, David (1996). The Hamlyn Concise Guide to American Aircraft of World War II. Londres: Aerospace Publishing Ltd. ISBN 0-7858-1361-6.