Sistema planetario
Un sistema planetario é un conxunto de obxectos non estelares ligados gravitacionalmente dentro ou fóra da órbita ao redor dunha estrela ou sistema estelar. En xeral, os sistemas cun ou máis planetas constitúen un sistema planetario, aínda que estes sistemas tamén poden estar formados por corpos como planetas ananos, asteroides, satélites naturais, meteoroides, cometas,[1][2] e discos circunstelares. O Sol xunto co sistema planetario que xira ao seu redor, incluída a Terra, forma o Sistema Solar.[3][4] O termo sistema exoplanetario úsase ás veces en referencia a outros sistemas planetarios.
A 1 de agosto de 2021, había 4801 exoplanetas confirmados en 3552 sistemas planetarios, con 789 sistemas con máis dun planeta. Tamén se sabe que os discos dispersos son comúns, aínda que outros obxectos son máis difíciles de observar.
De especial interese para a astrobioloxía é a zona habitable dos sistemas planetarios onde os planetas poderían ter auga líquida superficial e, polo tanto, a capacidade de soportar vida similar á Terra.
Historia
[editar | editar a fonte]Historicamente, o heliocentrismo (a idea de que o Sol está no centro do universo) opúxose ao xeocentrismo (que sitúa a Terra no centro do universo). A noción dun sistema solar heliocéntrico co Sol no seu centro posiblemente foi suxerida por primeira vez na literatura védica da antiga India, que a miúdo se refire ao Sol como o "centro das esferas". Algúns interpretan os escritos de Aryabhatta no Āryabhaṭīya como implicitamente heliocéntricos.
A idea foi proposta por primeira vez na filosofía occidental e na astronomía grega xa no século III a.C. por Aristarco de Samos,[5] mais non recibiu apoio da maioría dos outros astrónomos antigos.
De revolutionibus orbium coelestium de Nicolao Copérnico, publicado en 1543, presentou o primeiro modelo heliocéntrico matematicamente preditivo dun sistema planetario. Os sucesores do século XVII, Galileo Galilei, Johannes Kepler e Isaac Newton desenvolveron unha comprensión da física que levou á gradual aceptación da idea de que a Terra se move arredor do Sol e de que os planetas están rexidos polas mesmas leis físicas que rexen a Terra.
No século XVI o filósofo italiano Giordano Bruno, un dos primeiros partidarios da teoría copernicana de que a Terra e outros planetas orbitan ao redor do Sol, propuxo que as estrelas fixas eran similares ao Sol e tamén estaban acompañadas de planetas. A Inquisición Romana queimouno na fogueira polas súas ideas.[6]
No século XVIII Isaac Newton mencionou a mesma posibilidade en "General Scholium" que conclúe os seus Principia Mathematica. Facendo unha comparación cos planetas do Sol, escribiu "e se as estrelas fixas son os centros de sistemas similares, todas serán construídas segundo un deseño similar e suxeitas ao dominio de Un".[7]
As súas teorías gañaron forza nos séculos XIX e XX a pesar da falta de probas xustificativas. Moito antes da súa confirmación por parte dos astrónomos, a conxectura sobre a natureza dos sistemas planetarios fora un foco na busca de intelixencia extraterrestre e foi un tema predominante na ficción, particularmente a ficción científica.
A primeira detección confirmada dun exoplaneta foi en 1992, co descubrimento de varios planetas de masa terrestre que orbitan arredor do púlsar PSR B1257+12. A primeira detección confirmada de exoplanetas dunha estrela de secuencia principal fíxose en 1995, cando se atopou un planeta xigante, 51 Pegasi b, nunha órbita de catro días ao redor da estrela de tipo G 51 Pegasi. A frecuencia das deteccións aumentou desde entón, sobre todo a través dos avances nos métodos de detección de planetas extrasolares e programas dedicados de busca de planetas como a misión Kepler.
Orixe e evolución dos sistemas planetarios
[editar | editar a fonte]Crese que os sistemas planetarios arredor de estrelas de tipo solar se forman como parte do mesmo proceso de formación estelar. A maioría das teorías antigas eran de tipo catastrófico e involucraban o paso dunha estrela moi preto do sol capaz de extraer material deste por medio da súa gravidade e colapsar máis tarde formando os planetas. Porén, a probabilidade dun evento deste tipo é tan reducida que implicaría unha grande escaseza de sistemas planetarios na galaxia. As teorías modernas indican que os planetas se formaron a partir dun disco de acrecemento. No caso do sistema solar este formaríase a partir da nebulosa solar.
Algúns sistemas planetarios son moi distintos do Sistema Solar, como os sistemas arredor de púlsares detectados a partir das lixeiras variacións nos pulsos de radiación electromagnética destes corpos. Os púlsares fórmanse en violentas explosións de supernovas polo que un sistema planetario convencional non podería sobrevivir a dita explosión, os planetas evaporaríanse ou escaparían da atracción gravitacional da estrela central. Algunhas teorías indican que os compañeiros estelares existentes preto da supernova evaporarían a maior parte da súa masa deixando corpos de tamaño planetario. Alternativamente os planetas poderían formarse nun disco de acrecemento rodeando os púlsares e formado polo material expulsado da estrela.
Sistemas planetarios destacados
[editar | editar a fonte]- O Sistema Solar.
- PSR 1257+12: o primeiro sistema planetario extrasolar descuberto. A estrela central é un púlsar e os diferentes planetas que se atoparon ao seu arredor denomínanse planetas púlsares.
- Upsilon Andromedae: o primeiro sistema extrasolar descuberto nunha estrela da secuencia principal (abril de 1999).
- PSR B1620-26: o primeiro sistema extrasolar descuberto nun sistema estelar múltiple.
- Gliese 581: o sistema planetario extrasolar co maior número de planetas descubertos (seis planetas en outubro de 2010).
- Gliese 876: o primeiro sistema planetario nunha estrela anana vermella e o primeiro que foi descuberto nunha resonancia orbital.
- HD 69830: o primeiro sistema planetario con tres planetas do tamaño de Neptuno e un cinto de asteroides, chamado a «pedra de Rosetta» dos sistemas planetarios (maio de 2006).
- 2M1207: o primeiro sistema cun planeta descuberto xirando arredor dunha anana marrón e a primeira vez que se logra unha imaxe do planeta.
- Cha 110913-773444: o primeiro planeta extrasolar con satélites ao seu arredor. Non obstante, díscutese sobre se trata dun planeta ou dunha anana marrón.
- Sistema 55 Cancri (abreviadamente 55 Cnc, denominación de Bayer Rho1 Cancri A, Rho-1 Cancri): estrela próxima á magnitude 6 na constelación do Cangrexo. A estrela é un sistema planetario binario, de aí a súa importancia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ p. 394, The Universal Book of Astronomy, from the Andromeda Galaxy to the Zone of Avoidance, David J. Dsrling, Hoboken, New Jersey: Wiley, 2004. ISBN 0-471-26569-1.
- ↑ p. 314, Collins Dictionary of Astronomy, Valerie Illingworth, Londres: Collins, 2000. ISBN 0-00-710297-6
- ↑ p. 382, Collins Dictionary of Astronomy.
- ↑ A Dictionary of Astronomy, Ian Ridpath, Oxford, Nova York: Oxford University Press, 2003, p. 420. ISBN 0-19-860513-7
- ↑ Dreyer (1953), pp.135–48; Linton (2004), pp.38–9). Non se conserva a obra de Aristarco en que propuxo o seu sistema heliocéntrico, só se coñece por unha breve pasaxe en O contador de area, de Arquímedes.
- ↑ "Cosmos" en The New Encyclopædia Britannica (15th edition, Chicago, 1991) 16:787:2a. "For his advocacy of an infinity of suns and earths, he was burned at the stake in 1600."
- ↑ Newton, Isaac; Cohen, I. Bernard; Whitman, Anne (1999) [Publicado por primeira vez en 1713]. The Principia: A New Translation and Guide. University of California Press. p. 940. ISBN 0-520-20217-1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sistema planetario |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kóspál, Ágnes; Ardila, David R.; Moór, Attila; Ábrahám, Péter (2009). "On the Relationship Between Debris Disks and Planets". The Astrophysical Journal 700 (2): L73–L77. Bibcode:2000ApJ...537L.147O. doi:10.1088/0004-637X/700/2/L73.
- Ozernoy, Leonid M.; Gorkavyi, Nick N.; Mather, John C.; Taidakova, Tanya A. (2000). "Signatures of Exosolar Planets in Dust Debris Disks". The Astrophysical Journal 537 (2): L147–L151. Bibcode:2009ApJ...700L..73K. doi:10.1086/312779.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Descubrimento do primeiro sistema planetario extrasolar Arquivado 08 de abril de 2019 en Wayback Machine.
- Planetarios móbiles