Sociedade Numismática de Israel
Sociedade Numismática de Israel | |
---|---|
Tipo | sociedade científica |
Campo de traballo | numismática |
Área de operación | Israel |
Data de fundación | 1945 |
En | Xerusalén |
País | Israel |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Sociedade Numismática de Israel (en hebreo: החברה הנומיסמטית בישראל) é unha entidade numismática de carácter científico e cultural, sen ánimo de lucro, fundada en Tel Aviv en 1945, que reúne as persoas afeccionadas ao estudo e ao coleccionismo de moedas, medallas e outros obxectos afíns de Israel.
A SNI ten dúas ramas, unha en Tel Aviv e outra en Haifa, nas que se desenvolven simposios anuais e conferencias e seminarios mensuais, así como encontros periódicos de carácter informal.[1]
O seu presidente é Haim Gitler.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]As orixes da Sociedade Numismática de Israel remóntanse á creación, en 1945, da Sección Numismática do Círculo de Afeccionados ás Antigüidades de Tel Aviv, baixo a presidencia dun dos seus impulsores, o arquitecto David Nudelman, de orixe checoslovaca. En 1947, os membros desa sección numismática decidiron escindirse da súa matriz e constituíron a Sociedade Numismática de Israel.[3]
Os primeiros anos de existencia da Sociedade correron en paralelo cos do propio Estado de Israel, fundado en 1948, que declarou a SNI como órgano asesor en materia numismática. De feito, dous dos seus membros, Leo Kadman e Hanan Pavel, foron os autores dos deseños das primeiras moedas cuñadas polo novo Estado.[4]
Logo deses primeiros anos de funcionamento, os días 30 e 31 de marzo de 1951 a Sociedade Numismática de Israel organizou en Haifa o primeiro encontro numismático de carácter nacional. E no ámbito internacional, unha representación da Sociedade interveu no Congreso Internacional de Numismática celebrado en París en 1953.[5]
En 1954 comezou a primeira serie de publicacións da Sociedade, baixo o título de Numismatic Studies and Researches, composta por traballos dos seus asociados, e deu comezo o ambicioso proxecto Corpus Nummorum Palestinensium, do que se chegaron a publicar 18 volumes. Entre 1963 e 1966 editouse tamén a publicación periódica Israel Numismatic Journal.[6] Entre 1967 e 1973 saíu á luz unha nova publicación periódica, en lingua hebrea, titulada Alon.[7]
En 1963, a SNI organizou en Xerusalén a primeira edición da Convención Numismática Internacional, baixo os auspicios da Comisión Internacional de Numismática.[8][9] En 1983 e en 1988, a Sociedade Numismática de Israel foi a organizadora de dúas novas edicións da Convención Numismática Internacional.[10]
A mediados da década de 1970, a oposición da Sociedade Numismática de Israel, liderada polo seu presidente, Dan Barag, conseguiu a retirada dunha lei inicialmente aprobada polo Goberno que prohibía o comercio de antigüidades no país.[7]
O 7 de decembro de 2006 aprobáronse uns novos estatutos da entidade.[11] A partir dese momento apareceu unha nova publicación periódica de carácter científico, titulada Israel Numismatic Research,[12] e reactivouse tamén a publicación de monografías de carácter numismático.[13]
Obxectivos
[editar | editar a fonte]Consonte os estatutos da Sociedade Numismática de Israel, os seus obxectivos son os seguintes:[11]
- Fomento da investigación numismática entre as institucións israelís e entre os particulares.
- Realización de congresos e simposios científicos sobre temas numismáticos.
- Coordinación con institucións similares doutros países e co Consello Internacional de Numismática.
- Colaboración con outras entidades académicas israelís en campos tanxenciais.
- Publicación periódica dun xornal científico e de estudos relativos á numismática.
Premios
[editar | editar a fonte]A Sociedade Numismática de Israel concede dous premios:
- Premio Leo Kadman: outorgado desde 1967 con carácter bianual para recoñecer a numismáticos polas súas publicacións sobre a moeda de Israel. Entre os seus receptores están Kanael, Kindler, Meyshan, Klimowsky, Avi-Yonah, Meshorer e Mildenberg.[10][14]
- Premio Arie Kindler: establecido en 2003 pola rama da SNI en Tel Aviv. Entre os galardoados están Barag, Barkay, Rafi Dvir, Haim Gitler, Spaer, Oren Tal e David Schaps.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Home". The Israel Numismatic Society.
- ↑ "Officers of the INS". The Israel Numismatic Society.
- ↑ Kindler, A. (2007). Páxinas 5-6.
- ↑ Kindler, A. (2007). Páxina 6.
- ↑ Kindler, A. (2007). Páxina 8.
- ↑ Kindler, A. (2007). Páxina 9.
- ↑ 7,0 7,1 Kindler, A. (2007). Páxina 12.
- ↑ Kindler, A. (ed.) (1967). International Numismatic Convention, Jerusalem, 27-31 December 1963: The Patterns of Monetary Development in Phoenicia and Palestine in Antiq-uity. Stocken Pub., Tel Aviv.
- ↑ Kindler, A. (2007). Páxina 10.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Kindler, A. (2007). Páxina 14.
- ↑ 11,0 11,1 "Rules and Regulations (Charter)". The Israel Numismatic Society.
- ↑ "Israel Numismatic Research". The Israel Numismatic Society.
- ↑ "Other Publications". The Israel Numismatic Society.
- ↑ "The Leo Kadman Prize". En The Numismatic Chronicle. 7ª serie. Vol. 8. 1968. Royal Numismatic Society.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kindler, A. (2007). "The History of the Israel Numismatic Society". En Israel Numismatic Research. Nº 2. Páxinas 5-15.