Sylvia Fedoruk
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 5 de maio de 1927 Canora, Canadá (en) |
Morte | 26 de setembro de 2012 (85 anos) Saskatoon, Canadá |
Lieutenant Governor of Saskatchewan (en) | |
1989 – 1994 ← Frederick Johnson (en) – Jack Wiebe (en) → | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Saskatchewan (pt) Walkerville Collegiate Institute (en) |
Actividade | |
Ocupación | física, política, profesora universitaria, curler (pt) , médica |
Deporte | Curling |
Man de xogo | destro |
Obra | |
Arquivos en | |
Premios | |
| |
Sylvia Olga Fedoruk, (ucraíno: Федорук), nada en Canora, Saskatchewan (Canadá) o 5 de maio de 1927 e finada o 26 de setembro de 2012, foi unha física especialista en medicina, atleta e vicegobernadora de Saskatchewan.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sylvia Fedoruk era filla de inmigrantes ucraínos, Annie Romaniuk e Theodore Fedoruk. Asistiu a unha escola dunha soa habitación en Wroxton, ao nordés da cidade de Yorkton. O seu pai era o seu profesor. Durante a segunda guerra mundial, a familia trasladouse a Ontario, onde os seus pais traballaron nunha fábrica de guerra. En 1946, terminou os seus estudos no Walkerville Collegiate de Windsor Ontario, sendo a mellor da súa clase e recibindo a medalla Ernest J. Crede Memorial e unha bolsa de acceso á universidade. Pero a familia optou por volver a Saskatchewan, onde Sylvia ingresou na Universidade de Saskatchewan no outono de 1946.
Licenciouse en física na Universidade de Saskatchewan en 1949 e recibiu a Medalla de Ouro do Gobernador Xeral. Fedoruk completou a súa mestría en física en 1951.
Fedoruk foi contratada polo Dr. Harold E. Johns para traballar como radiofísica na Clínica do Cancro de Saskatoon. Chegou a ser a xefa de física médica da Clínica do Cancro de Saskatoon e directora dos servizos de física da Clínica do Cancro de Saskatchewan.[2] Foi profesora de oncoloxía e membro asociado de física na Universidade de Saskatchewan. Participou no desenvolvemento da primeira unidade de cobalto-60 do mundo e dunha das primeiras máquinas de exploración de medicina nuclear. A unidade de terapia cobalto 60, ou a "bomba de cobalto", foi a primeira da súa clase en utilizar con éxito a radiación dirixida para tratar o cancro nun paciente. O feixe de radiación colimado da máquina podía axustarse ao tamaño do tumor para irradiar o crecemento. O traballo de mestría de Fedoruk sobre as medicións da dose para o tratamento con radiación foi esencial para o éxito da unidade de terapia de cobalto.[3]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Foi a primeira muller membro da Xunta de Control da Enerxía Atómica do Canadá.[4] De 1986 a 1989 foi reitora da Universidade de Saskatchewan. Foi a primeira muller que ocupou este cargo na Universidade de Saskatchewan.[5]
Foi presidenta (de 1971 a 1972) da Asociación Canadense de Curling Feminino. En 1986, ingresou no Salón da Fama do Curling canadense, e recibiu a Orde do Mérito de Saskatchewan. En 1961, xogou no primeiro Campionato Diamante "D" co equipo de Saskatchewan, que gañou o torneo. En 1986 ingresou no Salón da Fama do Curling canadense.[6]
En 1987, foi nomeada Oficial da Orde do Canadá.[7]
De 1988 a 1994, foi vicegobernadora de Saskatchewan. Na década de 1990, a cidade de Saskatoon nomeou unha nova estrada, Fedoruk Drive, na súa honra. A estrada vai desde Central Avenue ata McOrmond Drive, ao norte das comunidades de Silverspring e Evergreen e ao sur da comunidade de Aspen Ridge e o Northeast Swale. Fedoruk Drive é unha vía arterial menor no sector nordés da cidade.
O 3 de outubro de 2012, o nome do Centro Canadense para a Innovación Nuclear ( CCNI) cambiouse polo de Centro Canadense para a Innovación Nuclear Sylvia Fedoruk, en honra ao traballo pioneiro que realizou no tratamento do cancro con radioterapia de cobalto-60 na década de 1950.[8]
En 2009, foi incluída no Salón da Fama da Medicina Canadense.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sylvia Olga Fedoruk, física". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-05-05. Consultado o 2021-05-05.
- ↑ "S. Fedoruk". cns-snc.ca. Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2021. Consultado o 2021-05-06.
- ↑ "Building on a legacy of nuclear medicine excellence". Canada 150 @ usask (en inglés). Consultado o 2021-05-06.
- ↑ "Building on a legacy of nuclear medicine excellence" (en inglés). Consultado o 2021-02-11.
- ↑ "1986: First female chancellor elected: Sylvia Fedoruk".
- ↑ 6,0 6,1 "The Honourable Sylvia Fedoruk". cdnmedhall.ca (en inglés). Consultado o 2021-05-06.
- ↑ "Order of Canada".
- ↑ "History - Medicine, Materials, Energy and Environment". fedorukcentre.ca. Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2021. Consultado o 2021-05-06.