Tesouro de Thornbury
Tesouro de Thornbury | |
Tipo | 11.460 moedas romanas |
Data | Século IV |
Cultura | Roma Antiga |
Características | |
Materiais | Prata e cerámica |
Descuberta | |
Localización | Thornbury, Gloucestershire, Reino Unido |
Coordenadas | 51°36′33.84″N 02°31′29.64″O / 51.6094000, -2.5249000 |
Descubridor/a | Ken Allen |
Data | marzo de 2004 |
Conservación | |
Localización | Bristol City Museum and Art Gallery |
O tesouro de Thornbury é un conxunto de 11.460 moedas romanas cuñadas en aliaxe de cobre, algunhas delas antoninianos e a maior parte nummi dos séculos III e IV, descuberto en Thornbury, Gloucestershire, Inglaterra, en marzo de 2004.
Está considerado como o terceiro máis grande da súa clase achado en Gran Bretaña.
Descuberta e escavación
[editar | editar a fonte]Este depósito monetario foi achado por Ken Allen en marzo de 2004, no curso das obras realizadas para a construción dun estanque no xardín traseiro da súa casa, en Thornbury, ao sur de Gloucestershire.[1][2]
As moedas estaban dispostas no interior dunha grosa vasilla decorada de cerámica gris, cunha altura de entre 40 e 50 cm, que apareceu soterrada e fragmentada, probablemente procedente de Monmouthshire, Gales.[2] Este tipo de recipientes era moi común durante os séculos III e IV.[1]
Allen informou do achado e levouno ao Museo e Galería de Arte da Cidade de Bristol, onde a súa pesaxe deu como resultado 28,6 kg.[2] Logo foron enviadas ao Museo Británico; alí, na súa maior parte, as moedas identificáronse e clasificáronse doadamente, dado o seu bo estado de conservación, logo de seren extraídas do recipiente e sometidas a un tratamento químico de limpeza.[1]
Como resultado dunha investigación posterior, un xuíz de instrución declarou o achado como "tesouro", consonte a Lei do Tesouro de 1966,[2] e un comité de taxación valorouno posteriormente en 40.000 libras.
O Museo e Galería de Arte da Cidade de Bristol adquiriu o conxunto, con apoio financeiro de diversas entidades, entre ás o Heritage Lottery Fund e o Headley Museums Treasure Acquisition Scheme.[1]
Contido
[editar | editar a fonte]O tesouro de Thornbury foi considerado como o terceiro máis grande da súa clase".[2] Consta de 11.449 nummi e 11 antoninianos, todos eles cuñados en aliaxe de cobre.[1]
As moedas deste depósito proceden de diversas cecas imperiais romanas e datan desde o reinado de Galieno, en 260, ata as máis recentes de 348, durante a dinastía constantiniana. No entanto, a gran maioría dos exemplares foron cuñadas durante a década de 330 e amosan nos seus reversos a lenda GLORIA EXERCITUS, con tres tipoloxías diferentes en función dos motivos representados neses reversos: a imaxe de dous soldados con estandartes lexionarios, ou ben tipos conmemorativos que representan as capitais de Roma e Constantinopla, ou ben conmemorativos da batalla de Crisópole, librada entre Constantino I e Licinio, coa imaxe da Vitoria en pé sobre a proa dun barco, no seu reverso.[1]
Este achado comparouse, tanto polo seu tamaño como pola súa constitución, co do tesouro de Bishopswood,[3] Herefordshire (17.548 moedas), e co tesouro Nether Compton,[4] en Dorset (22.500 moedas), atopados en 1895 e en 1989, respectivamente.[1]
A táboa seguinte reflicte a distribución por emperadores e períodos dos antoninianos e dos nummi que compoñen o tesouro de Thornbury:[1]
Emperador | Período | Exemplares | Denominación |
---|---|---|---|
Galieno | 260-268 | 2 | Antoniniano |
Claudio II | 268-270 | 1 | Antoniniano |
Tetrico I / II | 271-274 | 6 | Antoniniano |
Carausio | 287-293 | 1 | Antoniniano |
— | — | 1 | Ant. bárbaro |
Constantino I | 313-317 | 13 | Nummus |
Constantino II | 318-330 | 59 | Nummus |
Familia constantiniana | 330-335 | 11.232 | Nummus |
335-340 | 87 | Nummus | |
341-348 | 2 | Nummus | |
— | — | 49 | Nummus bárbaro |
— | — | 7 | (Ilexible) |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Treasure Annual Report 2004. Department for Culture, Media and Sport. Nº 450. Páxina 181.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Tríptico: "Pots of money... Roman style!. The Thornbury Hoard". South Gloucestershire Council. 2007.
- ↑ "The Bishopswood hoard". En Proceedingas of the Society of Antiquaries. Vol. 7. Nº 21.1896. Páxina 166.
- ↑ "Nether Compton Hoard". Forvm Ancient Coins.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tesouro de Thornbury |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bland, R. (2018). Coin Hoards and Hoarding in Roman Britain AD 43-c.498. British Numismatic Society / Spink. ISBN 9781907427794