Saltar ao contido

Tipoloxía lingüística

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sufixación e prefixación nas linguas do mundo.

A tipoloxía lingüística é unha subdisciplina da lingüística que estuda e clasifica as linguas do mundo segundo as súas características estruturais e funcionais[1]. Porén, esta perspectiva pode abordarse segundo varios parámetros clasificatorios que implican distintas tipoloxías, como filoxenéticas ou sociolingüísticas.

Tipoloxía xenética ou filoxenética

[editar | editar a fonte]

Trátase de establecer as relacións no tempo (diacronía) entre as distintas linguas, agrupando as relacionadas nunha familia lingüística. Así, sabemos que o galego procede maioritariamente do latín, e este do chamado indoeuropeo (xunto co grego, as linguas eslavas, as linguas xermánicas, as linguas célticas e o resto das linguas románicas, fenómeno que é estudado pola Indoeuropeística). Inda así, non sempre son claras estas relacións diacrónicas debido á escasa presenza de restos que permitan reconstruír as linguas pasadas, o cal pode dar lugar a críticas metodolóxicas (no caso do indoeuropeo pódese comparar a chamada Teoría da Continuidade Paleolítica).

Tipoloxía estrutural

[editar | editar a fonte]

Estudo das linguas dende o punto de vista estrutural. As diversas características fónicas ou morfosintácticas estudadas marcan diferentes padróns de distribución. Algúns dos trazos lingüísticos máis coñecidos para esta clasificación son o repertorio fonético, a orde de constituíntes (o máis habitual é o SOV e SVO), a marca flexiva de caso nominal e as categorías gramaticais marcadas (caso, número, xénero ou clase nominal, voz verbal). Isto implica que moitas veces se descubran leis que abranguen a características comúns a tódalas linguas, chamadas universais, ou ben unha relación entre universais, chamada implicación tipolóxica ou universal implicativo. Outros trazos que se poden analizar, tanto nesta clasificación coma na anterior, son os sistemas de escritura.

Tipoloxía areal

[editar | editar a fonte]

A tipoloxía areal busca explicar as semellanzas entre linguas que comparten un mesmo territorio. Por exemplo, en Europa adoita falarse de linguas balcánicas debido a que, mesmo sendo de familias lingüísticas distintas (románica, eslava, xermánica e ugrofinesa), comparten certas características comúns que as afastan das outras linguas de cadansúas familias (por exemplo, a posposición do artigo, que se dá en varias delas).

Tipoloxía sociolingüística

[editar | editar a fonte]

Desenvolvida en parte grazas á estandardoloxía de Marko Muljacic, determina a posición de linguas co mesmo status, sexa como lingua oficial, lingua minorizada, lingua cooficial, lingua de traballo, lingua internacional, lingua franca etc.

Demolingüística

[editar | editar a fonte]

Estuda as linguas tendo en conta o número de falantes nativos ou que as teñen como segunda lingua. Isto fai que apareza unha orde (que non debe ser interpretada coma xerárquica) onde aparecen coma prominentes linguas como o mandarín, o hindi, o inglés, o castelán, o bengalí, o portugués ou o ruso. Na outra banda están as linguas menos difundidas e mesmo extintas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  1. Eifring, Halvor; Thei, Rolf (2005). Linguistics for Students of Asian and African Languages.