Saltar ao contido

Toupa ibérica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Toupa ibérica
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Soricomorpha
Familia: Talpidae
Xénero: Talpa
Especie: T. occidentalis
Nome binomial
Talpa occidentalis
Cabrera, 1907
Distribución Talpa occidentalis
Distribución Talpa occidentalis

Distribución Talpa occidentalis

A toupa ibérica (Talpa occidentalis) é unha especie de mamífero soricomorfo da familia Talpidae endémica do oeste e centro da Península Ibérica[1] que vive comendo vermes e miñocas baixo terra. A toupeira adóitase atopar en praderías, cultivos regados e terreos de bo solo orgánico. Tamén habita bosques de chopos, freixos e olmos.

Características

[editar | editar a fonte]

Diferénciase da toupa europea polo seu menor tamaño, por ter os ollos totalmente tapados polo pelo, un cranio máis alongado e estreito, e polos pelos brancos que cobren as poutas e mailo fociño. A cola é curta e atópase cuberta de pelo, as súas poutas son grandes. O fociño é cónico e con longos bigotes (vibrisas) que, ao igual cós pelos das poutas, serven para detectar vibracións e apalpar.

Historia natural

[editar | editar a fonte]

É unha especie escarvadora que, como o seu parente europeo habita en lugares con solo profundo que non sexa nin moi pedregoso, areoso ou encharcado. Áchase con frecuencia en praderías e pasteiros. No sur da súa área de distribución está restrinxido ás zonas montañosas. Aliméntase de invertebrados, sobre todo de miñocas. Considérase unha praga que dana os pasteiros, sendo perseguido polos agricultores.[2]

Sinonimia

[editar | editar a fonte]

As formas máis comúns da lingua estándar son toupa e toupo, pero existen numerosas variantes dialectais: teipa, teipe, teupa, tiopa, tiopo, topia e toupeira.

Tamén existen numerosas denominacións para as moreíñas de terra que forma na superficie da terra: toupeira (a máis común), teipeira, teipoeira, teipueira, teupoeira, tiopeira, tiupeira, topieira, toupeiro, toupiñeira ou tupieira.

[editar | editar a fonte]

A pesar da aparente torpeza deste animal, matar unha toupa resulta extremadamente difícil porque perciben as vibracións das nosas pisadas no chan. Por iso crese que a persoa que é quen de matar unha coa man adquire poderes máxicos (ou ben é que xa os tiña, e por iso puido facer tal cousa). Así, os médicos-etnógrafos Jesús Rodríguez López e Víctor Lis Quibén recolleron a crenza de que esa persoa será capaz de cura-la dor de moas con só toca-la cara coa man; ou que pode cura-los cólicos fregando no ventre coa man. Contan que unha curandeira de Cualedro (Ourense) tiña a virtude de bendici-los coxos (ou herpes), que adquiriu matando tres toupas de tres puñadas.

Tamén recolleu Lis Quibén a crenza de que, para cura-lo fogo ardente ou fogo de san Antón [3], en Agolada (Pontevedra) recollían terra de nove toupeiras e mesturábana cun pouco de unto de porco branco, obtendo unha pasta coa que facían cruces na cara do enfermo á vez que recitaban certos ensalmos.

Conocí á un niño que padecia ese fuego, en la parte anterior de un muslo, llegando ya á echar aguadilla ó serosidad. Acuérdome que sus padres le mandaron á una vieja ensalmadora, quien pedia al paciente llevase tierra fresca de nove toupeiras, y me parece, un poco de unto. El muchacho mismo me dijo que le untaba por lo ménos con la tierra y que hacia cruces ó bendiciones sobre la llaga, pronunciando palabras que no entendia, y otros pormenores que no me acuerdo, pero renovaré si tuviere ocasion de preguntarlo. Lo que sé es que la escoriacion desapareció sin que se reprodujese, que yo sepa. Yo atribuyo esta cura cierta á la virtud de la tierra, prescindiendo de todo lo demás que no era más que un modus vivendi (Francisco Javier Rodríguez)

Locucións

[editar | editar a fonte]

O feito de teren os ollos atrofiados deu lugar na lingua común a numerosas expresións. Tamén foron fonte metafórica os seus hábitos subterráneos:

  • Andar por baixo do chan coma as teupas: andar ás agachadas, escondendo algo.
  • Beber máis que unha toupeira: beber moito (deriva da imposibilidade real de inundar unha toupeira, por máis auga que se lle bote).
  • Cambia-los ollos polo rabo, coma a toupa: facer un negocio ruinoso, cambiando algo bo por outra cousa claramente peor. ¡Parvo, ti fas coma a toupeira, que cambiou os ollos polo rabo!
  • Cego coma a toupa / toupeira: cego de todo. Tamén en castelán: Más ciego que un topo, e italiano: Cieco come la talpa.
  • Estar coma unha toupa / un toupo: úsase tanto en sentido recto: non ver nada case nada; como en sentido figurado: non darse un conta do que pasa ó seu redor (dise, como tal, dos mamorados).
  • Ir para o ceo das toupas: dise de alguén que vai morrer axiña, porque vai ir baixo terra (Rivas Quintas localízao en Curtis: Iste vai ir logho pro ceo das téupoas).
  • Ser unha toupa: ser torpe, ser un manazas.

Adiviñas

[editar | editar a fonte]
  • Atoupo un home no camiño/ todo vestido de mouro,/ nin é home nin mullera/ que é o que xa dixera. (a toupa)
  • Atóupoo pola mañá/ todo vestido de mouro,/ nin é cura nin é frade,/ é o que che digo primeiro. (a toupa)
  • Esburata nas leiras,/ esburata nos prados/ e amontulla a terra/ onda os valados. (a toupa)
  • Fura como unha toupeira e non é toupeira, luce como a prata e non o é. (a rella do arado)
  • Nin é frade/ nin é crego/ e sempre/ viste de negro. (a toupa)
  • ¿Que é unha cousiña cousa?/ relampra como a prata/ e foza coma a toupa/ e toupa non é. (a rella do arado)
  • Reloce como a prata/ e prata non é;/ foza coma unha teipa/ e teipa non é./ ¿Que cousa é? (a rella do arado)

O lugar da Toupeira (San Pedro de Cea, Vilagarcía de Arousa) ten o seu topónimo relacionado con este animal.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors). 2005. Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed).". Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2010. Consultado o 20 de xullo de 2009. 
  2. "IUCN - Talpa occidentalis". Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2008. Consultado o 20 de xullo de 2009. 
  3. Denominacións populares do ergotismo, intoxicación provocada polo cornizó do centeo, con intenso proído e gangrena, moi frecuente na Galicia da Idade Media.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • GARCÍA GONZÁLEZ, C. (1985): Glosario de voces galegas de hoxe. Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Anejo 27. Secretariado de Publicacións da Universidade, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela.
  • GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C. (1984): Adivinancero popular gallego. Taurus, Madrid.
  • LIS QUIBÉN, V. (1980): La Medicina Popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid).
  • RIVAS QUINTAS, E. (1978): Frampas. Contribución al Diccionario Gallego. Ed. Ceme, Salamanca.
  • RODRÍGUEZ, F. J. (1863): Diccionario gallego castellano, edición preparada por Antonio de la Iglesia González, A Coruña. (Citado polo Diccionario de Diccionarios, 2003).
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, J. (1974): Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo.