Tratado de Verdún
Coñécese como tratado de Verdún o acordo celebrado entre Lotario I do Sacro Imperio Romano Xermánico, Lois o Xermánico e Carlos o Calvo, fillos de Ludovico Pío e netos de Carlomagno. Por este tratado, os tres irmáns puxeron fin a anos de hostilidades en que se enlearon debido á súa ambición de controlar a totalidade do Imperio carolinxio, o que foi permitido pola debilidade de seu pai.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Polo tratado de Verdún (843), os tres netos de Carlomagno desintegraron o Imperio. Carlos levouse as rexións occidentais do Imperio (a chamada Francia Occidentalis). Luís tomou para si as rexións orientais (a chamada Francia Orientalis). Lotario, pola súa banda, pola súa ambición, obtivo as capitais imperiais: Roma e Aquisgrán, situadas nunha estreita franxa de terreo entre os dominios dos seus dous irmáns, que ía desde Italia ata o Mar do Norte (a chamada Lotarinxia).
O tratado tivo consecuencias políticas incalculábeis. Ademais de sepultar para sempre o soño dunha resurrección do Imperio romano en Europa Occidental (que sería infrutuosamente buscado polo Sacro Imperio Romano Xermánico), creou a semente do que despois serían as nacións de Francia ao oeste (o territorio de Carlos, que por primeira vez recibe esa denominación en vez do tradicional nome de Galia) e Alemaña ao leste (os dominios de Luís). No referente ao territorio de Lotario, este desintegrouse bastante rápido, nun novo tratado celebrado o ano 870 (Tratado de Meerssen).
O territorio de Lotario será coñecido na Idade Media como a Lotarinxia, denominación xeográfica que abrangue Flandres (as actuais Bélxica e Holanda), as rexións francesas de Alsacia e Lorena, e a Italia setentrional. Esta colección de terras era demasiado inestábel para seguir unidas nun mesmo cetro, e non volveron desempeñar un papel unitario na historia universal.