Saltar ao contido

Völkisch

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Völkisch (do alemán: volk, 'aldea' ou 'pobo') é unha palabra difícil de traducir e que ten as connotacións de "folclórico" e "populista". Segundo o historiador James Webb, o termo está asociado ou ten connotacións de "nación", "tribo" e "raza",[1] posibelmente nun sentido de etnia, semellante á palabra inglesa folk. Denota unha asociación ou interese -con orixe no romanticismo- co "que é popular" e "o que é natural".[2]

Esencialmente, o movemento völkisch é a interpretación alemá dunha especie de romanticismo conservador, asociado ao populismo político, cunha visión romántica do pobo. A idea ou motivo central do movemento völkisch corresponde ao chamado volkstum (folkdom, en inglés), que se pode traducir como "cultura da nación", "folclore étnico" ou "esencia cultural nacional", en oposición a volkstümlich, que é o que é puramente "populista".

O movemento non se constituíu unificado, senón que foi "unha tormenta de crenzas, medos e esperanzas" que moitas veces se "expresaban dun xeito sentimental".[3] Como sentimento ou sensibilidade, probabelmente foi a maior influencia no movemento revolucionario conservador en Alemaña, expresión do conservadorismo nacionalista nese país despois da primeira guerra mundial.[4] Porén, é un termo complexo. En sentido estrito, só debería utilizarse para designar grupos que consideran que os seres humanos están esencialmente "preformados" por lazos de sangue.[4]

Orixes no século XIX

[editar | editar a fonte]

O movemento völkisch remonta as súas orixes ao nacionalismo romántico, tal e como expresaron os primeiros románticos como o filósofo Johann Gottlieb Fichte nos seus Discursos á nación alemá, publicado a partir de 1808, durante as guerras napoleónicas, especialmente no oitavo discurso: "Que é un Volk, no sentido máis alto do termo, e cal é o amor á patria?", a súa resposta á pregunta sobre "que podería apoiar os esforzos do nobre individuo e a súa crenza na eternidade e na inmortalidade da súa obra", é que só pode ser 'a natureza espiritual especial do medio humano, da que el mesmo, con todo o seu pensamento e acción, xurdiu; é dicir, o pobo de quen descendeu e entre os que se formou e chegou a ser o que é”.[5]

O movemento combinou o interese sentimental e patriótico polo folclore alemán, a historia local e a idea de "volver á terra". Este populismo antiurbano tiña moito en común coa obra de William Morris. O soño era unha vida autosuficiente vivida nunha relación mística coa terra. Estas ideas foron unha reacción á alienación cultural da Revolución Industrial . Sentimentos semellantes foron expresados nos Estados Unidos durante a década de 1930 por escritores agrupados como Agrarios do Sur.

Richard Wagner, na súa 'Obra de arte do futuro' ( Das Kunstwerk der Zukunft, Leipzig, 1849),[6] tivo certa influencia na orixe destas ideas, anticipándose a algúns dos conceptos e desenvolvementos que posteriormente a caracterizaron.

Wagner propón que "así como o home se atopa coa natureza, así a arte se presenta ante o home".[7] O home, ou máis concretamente, o Volk (a comunidade dos "homes que senten un desexo común e colectivo") crea arte para satisfacer ese desexo. Os que non o senten son alleos ao Volk e só anhelan un luxo inútil; para Wagner, a verdadeira arte é a que provén das necesidades atávicas do Volk. Só cando ese "luxo" (no que Wagner o "baixo entretemento" pasando por verdadeira arte, é dicir, Grand Opéra e similares) sexa abolido polo Volk, poderán unirse para crear as "obras de arte do futuro".[8]

En consecuencia, o Darsteller (pode traducirse como "intérprete", ou máis ben "provedor") da Obra será un colectivo, unha "comunión de todos os artistas".[9] Neste aspecto comunitario da Obra do Futuro, Newman ve unha anticipación do concepto formativo do Festival de Bayreuth.[10] Obviamente tamén se pode ver como anticipando as comunidades artísticas que xurdiron despois.

Ademais, o desenvolvemento do movemento völkisch ás veces combinou os aspectos espirituais e esotéricos do ocultismo popular coa "idolatría étnica" e o nacionalismo racial, que nalgúns círculos estaba vinculado ao antisemitismo. As ideas dos movementos völkisch tamén incluíron principios de anticomunismo, antiinmigración, anticapitalismo e rexeitamento do parlamentarismo.

Non todas as sociedades populares con conexións co nacionalismo romántico eran de orixe xermánica: comunidades similares desenvolvéronse tanto en Italia como en Suíza, como a de Monte Verità en Ascona, que abrazou unha mestura de anarquismo, comunismo libertario e diversas formas de arte bohemio e neopaganismo e no que participaron ou visitaron con frecuencia figuras como Hermann Hesse, Carl Jung, Erich Maria Remarque, Isadora Duncan, Paul Klee ou Rudolf Steiner.

Antes e despois da primeira guerra mundial

[editar | editar a fonte]

Unha serie de movementos populistas völkisch que se desenvolveran dende finais do século XIX no Imperio Alemán baixo a influencia do Romanticismo Nacional, foron reorganizados segundo a liña propagandística tras a derrota alemá na primeira guerra mundial. O termo "o pobo" (das Volk) foi cada vez máis politizado e finalmente foi usado como bandeira para novas formas de nacionalismo étnico. Esta interpretación do movemento fíxose común tamén en Austria .[11]

Porén, e ao mesmo tempo, o termo Volk tamén foi empregado polos partidos socialistas alemáns de raíces internacionalistas como sinónimo de proletariado. A prensa política de esquerda popularizou a idea de "cultura popular" como a música folk etc.

Desde a esquerda, estes elementos da "cultura popular" estendéronse nos partidos das 'clases medias'. Con todo, aínda que Volk podería significar o "pobo" entre a esquerda (cun sentido de xente común ou de clases desfavorecidas en xeral), o termo adoptou o significado de "raza" entre os partidos políticos do centro e da dereita. Aínda que o interese orixinal do movemento místico xermánico foi o renacemento das tradicións pagás (a miúdo colocadas no contexto do esoterismo cuasi teosófico, como a Ariosofía), unha marcada preocupación pola pureza racial veu a motivar os seus vástagos máis orientados politicamente, como o Germanenorden.[12] Esta rama do movemento völkisch desenvolveu rapidamente un sentimento hipernacionalista e antisemita.

Esta última organización era unha sociedade secreta (fundada en Berlín en 1912) que obrigaba aos seus membros a demostrar que non posuían liñaxes non arias e a promesa de manter esa pureza de sangue nos seus matrimonios. Foi a organización que introduciu a esvástica no círculo político da época. Os seus membros celebraban o solsticio de verán e outras festas precristiás e estudaban as Eddas e as obras dos místicos alemáns. Desta organización xurdiu a Sociedade Thule.

Outro movemento völkisch da mesma época é o Tatkreis (Círculo de Acción), movemento que xurdiu durante a República de Weimar e que se opuxo firmemente a el. O Tatkreist estivo fortemente influenciado polo nacionalismo e o conservadorismo revolucionario e loitou pola "liberdade e o renacemento de Alemaña". Esta organización formouse ao redor da publicación Die Ta (A acción) e serviu, baixo a dirección de Hans Zehrer, como punto de encontro para sectores da extrema dereita que máis tarde se opuxo a Hitler, entre eles pensadores políticos e escritores como Kurt von Schleicher e Gregor Strasser (ambos asasinados por esa oposición na Noite dos coitelos longos).

A conexión co nazismo

[editar | editar a fonte]

Segundo Nicholas Goodrick-Clarke, existe toda unha mitoloxía esaxerada arredor da suposta influencia que un grupo völkisch tivo no seo do Partido Nazi: a Thule-Gesellschaft (Sociedade Thule), fundada o 17 de agosto de 1918 por Rudolf von Sebottendorff.

O seu nome orixinal era Studiengruppe für Germanisches Altertum (Grupo de Estudo para a Antigüidade Xermánica), que entón comezou a difundir propaganda antirrepublicana e antisemita. En xaneiro de 1919 a Sociedade Thule foi fundamental na fundación do DAP que máis tarde se convertería no NSDAP. Hitler a finais dese mesmo ano tentou poñer fin a eses círculos de poder e a Sociedade Thule disolveuse uns anos despois.[13]

Esta sociedade non tiña nas súas filas ningún líder do partido e os funcionarios nazis tiñan prohibido calquera participación en sociedades secretas. Adolf Hitler nunca foi membro, mentres que Rudolf Hess e Alfred Rosenberg só visitaron a Sociedade Thule nos primeiros anos da súa adhesión ao partido nazi.[14] Porén, un dos emblemas dalgúns círculos völkisch transcendeu realmente de forma significativa: Friedrich Krohn, membro da Sociedade Thule, deseñou a versión orixinal da esvástica nazi en 1919.

Non obstante, as ideoloxías völkisch foron moi influentes no desenvolvemento da ideoloxía do nazismo. Adolf Hitler escribiu en Mein Kampf ( A miña loita ): "As ideas básicas do movemento nacionalsocialista son völkisch e os ideais völkisch son os ideais do nacionalsocialismo". Joseph Goebbels afirmou publicamente no mitin de Nuremberg de 1927 que se o movemento populista (völkisch) entendese o seu verdadeiro poder, tería sido vitorioso na revolución do 9 de novembro de 1918 (a fracasada revolución comunista, coñecida como Liga Espartaquista, que trouxo o final da monarquía alemá). Ademais, a pseudociencia racial dos nazis expresouse en termos völkisch. Así, por exemplo, Eugen Fischer, reitor da Universidade Humboldt de Berlín, pronunciou un discurso de apertura titulado "A concepción do Estado Volkisch desde o punto de vista da bioloxía".[15]

  1. James Webb. 1976. The Occult Establishment. La Salle, Ill: Open Court ISBN 0-87548-434-4 pp 276 – 277
  2. Incluíndo vexetarianismo, nudismo e medicina 'natural', xunto a unha oposición ao uso de animais en experimentos etc. Véxase George S. Williamson: The longing for myth in Germany: religion and aesthetic culture from romanticism to Nietzsche
  3. Petteri Pietikainen, "The Volk and Its Unconscious: Jung, Hauer and the 'German Revolution' Journal of Contemporary History 35.4 (outubro de 2000: 523-539) p. 524
  4. 4,0 4,1 Hans Jürgen Lutzhöft (1971): Der Nordische Gedanke in Deutschland 1920-1940. Stuttgart. Ernst Klett Verlag, p. 19.
  5. "Transatlantic Intelligencer: The Ummah and das Volk: On the Islamist and "Völkisch" Ideologies" (en inglés). Consultado o 2022-05-06. 
  6. Todas as notas nesta sección refírense á tradución ao inglés por W. Ashton Ellis: The Art-Work of the Future, and other works, Lincoln and London, 1993 ISBN 0-8032-9752-1.
  7. Wagner (1993), p. 69
  8. Wagner (1993), p. 77
  9. (1993), p. 195-6
  10. Newman (1976) pp 253-4
  11. Rudolf G. Ardelt, Zwischen Demoktratie und Faschismus: Deutschnationales Gedankengut in Österreich, 1919-1930 (Viena e Salzburgo) 1972.
  12. George L. Mosse, The Crisis of German Ideology: Intellectual Origins of the Third Reich (Londres: Weidenfeld and Nicholson) 1966.- G. L. Mosse percibe isto no contexto dunha rebelión máis amplificada contra a "modernidade", enfatizando e contrastando a vida sana rural ao materialismo corrupto das cidades. Mosse traza esa difusión desde círculos esquerdistas a sectores centristas a través da incorporación de motivos volkisch en libros de texto, novelas etc.
  13. (Goodrick-Clarke 1985: 150, 221)
  14. (Goodrick-Clarke 1985: 149, 201)
  15. Véxase, por exemplo: Franz Weidenreich en Science New Series, 104; No. 2704 (Outubro 1946:399).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]