Saltar ao contido

Voo 647 de FedEx Express

Voo 647 de FedEx Express
O avión despois do accidente
Resumo
Data  18 de decembro de 2003
Causa  erro do piloto
Lugar  aeroporto de Memphis
Coordenadas 
Orixe  aeroporto de Oakland
Destino  aeroporto de Memphis
Aeronave
Tipo de aeronave McDonnell Douglas MD-10-10F
Operador  FedEx Express
Rexistro  N364FE
Pasaxeiros  5
Tripulación  2
Superviventes  7

O voo 647 de FedEx Express era un servizo de carga entre o aeroporto de Oakland e o aeroporto de Memphis. O día 18 de decembro de 2003 o McDonnell Douglas MD-10-10F que operaba a ruta esnafrouse durante a aterraxe.[1]

Avión e tripulación

[editar | editar a fonte]

O aparello implicado no incidente era un McDonnell Douglas MD-10-10F, con rexistro N364FE.[2] O MD-10 é unha versión actualizada do trimotor de fuselaxe ancha McDonnell Douglas DC-10. No momento do accidente o avión tiña unhas 65 375 horas de voo.[2]

O voo tiña unha tripulación experimentada. O capitán tiña unhas 21 000 horas de voo, incluídas 2 602 horas nos MD-10 e MD-11, mentres que o primeiro oficial tiña unhas 15 000 horas, das cales 1 918 eran nos MD-10/MD-11.[2]

A bordo do avión había tamén 5 empregados de FedEx que non estaban traballando.[2]

Accidente

[editar | editar a fonte]

O 18 de decembro de 2003 o voo 647 estaba programado para saír de Oakland ás 08:10 CST, e tras un pequeno atraso debido a un problema coa clasificación de paquetes, engalou cara a Memphis ás 08:32. A saída e o voo foron normais.[2]

O avión tocou terra ao redor das 12:26 na pista 36R, e case inmediatamente o tren de aterraxe dereito colapsou. O avión desviouse cara ao lado dereito da pista incendiándose mentres o facía. A copiloto recibiu feridas leves cando evacuou o avión, ao igual que un dos cinco pasaxeiros. Posteriormente descubriuse que o pasaxeiro, que era piloto, que activou a rampla de emerxencia non estaba axeitadamente adestrado para realizar esa operación, e accidentalmente tirou da panca que liberaba a rampla como unha balsa no caso dunha amaraxe, polo que se separou do avión.

Investigación

[editar | editar a fonte]

A NTSB realizou a investigación do accidente. Descubriu que aínda que o avión se atopara con vento cruzado durante a aterraxe as condicións estaban dentro das capacidades de seguridade do avión. Porén, descubríuse que o primeiro oficial non aliñou correctamente ou non freou axeitadamente o aparello antes de tocar, polo que o avión pisou a pista con moita forza. A medida que o avión descendía, debido ao vento cruzado, a á dereita baixou de súpeto uns 6 graos. Isto estaba máis aló das capacidades de deseño do tren dereito e rompeuse como resultado. A NTSB tamén citou o fallo do capitán ao comprobar o traballo do primeiro oficial.[3]

A NTSB atopou ademais que a Orde da FAA 8400.10 (Manual do inspector de transporte aéreo) era deficiente na sección que trata sobre o adestramento de evacuación para a tripulación de voo.

  1. "FedEx on for busiest night; crash inquiry continues". Memphis Business Journal. Consultado o 2019-01-20. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Informe do accidente" (PDF). NTSB. Consultado o 2019-1-20. 
  3. Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident McDonnell Douglas MD-10F N364FE Memphis International Airport, TN (MEM)". aviation-safety.net. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2012. Consultado o 2019-01-22.