Saltar ao contido

1984 (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 29 de novembro de 2020 ás 13:33 por HacheDous=0 (conversa | contribucións) (Bibliografía: se hai tradución galega ou a orixinal ou a tradución ao galego.)

1984
George Orwell-1984
Título orixinalNineteen Eighty-Four
Autor/aGeorge Orwell
OrixeInglaterra
Linguainglés
Tema(s)surveillance state, dereitos humanos, Liberdade de pensamento e Totalitarismo
Xénero(s)Narrativa
EditorialSecker and Warburg
Data de pub.1948
FormatoLibro
Páxinas326
Premios
TraduciónFernando Moreiras
editar datos en Wikidata ]

1984 (en inglés Nineteen Eighty-Four[1]) é o título dunha novela de política ficción distópica escrita por George Orwell en 1948 e editada en 1949. Na novela o estado omnipresente obriga a cumprir as leis e normas aos membros do partido totalitario mediante o adoutrinamento, a propaganda, o medo e o castigo desapiadado. A novela introduciu os conceptos do sempre presente e vixiante Grande Irmán, do notorio cuarto 101, da ubicua policía do pensamento e da neolingua, adaptación do inglés na que se reduce e se transforma o léxico —o que non está na lingua, non pode ser pensado.

Moitos comentaristas detectan paralelismos entre a sociedade actual e o mundo de 1984, suxerindo que estamos comezando a vivir no que se coñeceu como sociedade orwelliana. O termo orwelliano converteuse en sinónimo das sociedades ou organizacións que reproducen actitudes totalitarias e represoras como as representadas na novela. A novela foi un éxito en termos de vendas e converteuse nun dos libros máis influentes do século XX.

É considerada como unha das obras cume de triloxía das antiutopías de principios do século XX (ou a tamén chamada ciencia ficción distópica), xunto á novela de 1932 Un feliz mundo novo (Brave new world), de Aldous Huxley; e Fahrenheit 451 de Ray Bradbury.

A obra Nós escrita por Evgeny Zamiatin en 1921 influíu moito na novela.

Historia e características

A novela foi escrita por George Orwell baixo o título de traballo de The Last Man in Europe (O último home en Europa). Porén, os editores tanto en Gran Bretaña como nos Estados Unidos, onde foi lanzado o libro de forma simultánea, cambiaron o nome a Nineteen Eighty-Four (Mil novecentos oitenta e catro) por motivos comerciais. Nese ano transcorre a acción narrada no libro. Publicado inicialmente o 8 de xuño de 1949, o groso da novela foi escrito por Orwell na illa de Jura en Escocia en 1948, aínda que Orwell estivera escribindo pequenas partes desde 1945.

1984 é o resultado de intercambiar a posición dos dous últimos díxitos da data en que se escribiu o libro, 1948.

Argumento

A novela é unha descrición analítica dos réximes totalitarios cun final desolador. O personaxe principal é Winston Smith, que traballa no Ministerio da Verdade (un dos 4 ministerios que hai) reescribindo a Historia permanentemente e inventando heroes.

Os ministerios son os seguintes:

Winston Smith vive no Londres dun virtual 1984, nun mundo dividido en tres superpotencias: Eurasia, Estasia (Asia Oriental) e Oceanía, onde imperan, respectivamente, o neobolxevismo, a "adoración da morte" e o Ingsoc, acrónimo inglés para "socialismo inglés".

O Grande Irmán, suple a todo personaxe político, el é o comandante en xefe, o gardián da sociedade, o deus pagán e o xuíz supremo. El é a encarnación dos ideais do Partido, o Partido ubicuo, único e todopoderoso que vixía sen descanso. O Partido ao que han de pertencer todas as persoas, só se salvan os "proles"; eles non contan e teñen dereitos como os animais: de feito, a Policía do Pensamento apenas os vixía: "aos proles permíteselles a liberdade intelectual porque non teñen intelecto algún". Nin sequera a familia está por encima da súa presenza, é común a denuncia de fillos pequenos aos seus propios pais por traizoaren o Partido. Ironicamente, Orwell insinúa a posibilidade de que xa nin sequera sexa unha persoa real, senón unha mera icona propagandística.

Tras anos traballando para o Ministerio da Verdade, Winston vólvese consciente de que os retoques da historia nos que consiste o seu traballo son só unha parte da gran farsa na que se basea o seu goberno, e atopa o amor dunha moza rebelde encarnando así unha resistencia de dous contra unha sociedade que se vixía a si mesma.

Xuntos cren afiliarse á Irmandade, un suposto grupo de Resistencia dirixido por Emmanuel Goldstein —un personaxe case tan ubicuo e omnipresente como o propio Grande Irmán, o Inimigo do Pobo e escritor de O Libro, o cal o protagonista le ata chegar a comprender os mecanismos do dobrepensar, ferramenta base e de dominación de Partido—, e que é en realidade un máis dos instrumentos de control do Partido.

A través dunha historia intricada, con temas como o lavado de cerebro, a linguaxe, a psicoloxía e a inventiva encamiñados ao control físico e mental dos individuos, a educación totalitaria da mocidade etcétera, Orwell relata a historia tráxica e aparentemente emancipadora de Winston Smith e Julia, tratando de derrocar un sistema onde a intimidade e o libre pensamento non existen, nin sequera se coñecen.

Logo de ser derrotado polo sistema e liberado, Winston Smith atópase nun bar, vendo na televisión unha máis das noticias manipuladas que se emiten continuamente segundo a conveniencia do Grande Irmán. A novela termina así:

Dúas bágoas, perfumadas de xenebra, escorregáronlle polas fazulas. Pero xa todo estaba arranxado, todo alcanzaba a perfección, a loita terminara. Venceuse a si mesmo definitivamente. Amaba o Grande Irmán.

Trama

A acción da novela, escrita entre 1947 e 1948, está situada no futuro, no ano 1984, e nun estado totalitario chamado Oceanía, que foi implantado tras unha revolución contra o sistema capitalista imperante a mediados do século XX. De feito, a partir desa revolución, o mundo quedara dividido en tres grandes superestados -Eurasia, Oriasia e Oceanía- que estaban en guerra permanente, uns contra outros en distintas combinacións.

Oceanía está gobernada por un único Partido, cuxa ideoloxía denominada SOCIN (socialismo inglés) baséase na crenza de que o Irmán Grande é omnipotente e que o Partido é infalible. A sociedade está estruturada de forma xerárquica: arriba está o Irmán Grande, que todo o ve, todo o escoita e todo o dispón; logo está o Círculo Interno do Partido, que representa o 2% da poboación; despois o Círculo Externo do Partido e, por último, os proles - a clase baixa- que son o 85% da poboación e non pertencen ao Partido. O aparato do goberno conta con catro ministerios: o Ministerio da Verdade, que se encargaba das novas, o lecer, a educación e as belas artes; o Ministerio da Paz, que se ocupaba da guerra; o Ministerio do Amor, que mantiña a lei e a orde, e o Ministerio da Fartura, responsable das cuestión económicas. Eses ministerios son os que se encargan de facer efectivos os tres slogans do Partido: a guerra é paz, a ignorancia é forza e a liberdade é escravitude.

A maioría da poboación vive en malas condicións, pero para que non haxa revoltas, o estado exerce unha vixilancia extrema sobre os seus súbditos, mesmo coa instalación de telepantallas nas rúas e nas casas, co que chega a apoderarse da vida e da conciencia das persoas, controlando tamén as esferas máis íntimas dos sentimentos humanos. Así, a sociedade está reprimida e ninguén pode facer ou pensar algo que os intelectuais do partido vexan como fóra do normal pois sería considerado un delito e o Ministerio do Amor, a través da súa Policía do Pensar, encargaríase de castigalo por conspirador.

Esa sociedade foise construíndo cunha educación totalitaria dos rapaces, adeptos ao Réxime; coa creación da nova linguaxe (a novafala); coa anulación de calquera sentimento afectivo cara á familia ou cara á parella; e, sobre todo, co dobrepensar ou capacidade de manter dúas crenzas contraditorias na mente e aceptar as dúas, o que lle permitiu ao partido deter o curso da historia e controlar a realidade, pois a filosofía do Partido non só negaba a validez da experiencia senón a propia existencia da realidade externa. Tampouco falta o que o Partido define como o inimigo do pobo, encarnado por Emmanuel Goldstein e a súa organización, a Irmandade, aínda que logo, en realidade, ambos resultan ser instrumentos de control creados polo propio Partido para descubrir quen son os cidadáns subversivos.

Pois ben, nese estado transcorre a odisea de Winston, que traballa manipulando a historia no Departamento de Rexistro do Ministerio da Verdade, en Londres, a principal cidade de Aeropista Un, e que, a pesar de ser membro do Círculo Externo do Partido, é disidente coa doutrina deste.

Na primeira parte da novela, o protagonista amósase consciente de que, ademais de ser vixiado, é manipulado coma todos, e iso fai que medite acerca de aspectos da súa vida: as vivencias no traballo onde se adicaba a reescribir a historia falsificándoa segundo os intereses do Partido para controlar a realidade; os dous minutos do odio establecidos polo Partido e que tiñan como obxectivos a Eurasia, coa que estaba en guerra Oceanía, e ao inimigo do pobo, Emmanuel Goldstein e a súa rede clandestina denominada A Irmandade; a Liga da Mocidade contra ao Sexo; a Novafala, o único idioma do mundo no que o vocabulario se reduce co tempo porque a súa finalidade é limitar o pensamento; etc. Tamén procura lembrar a forma de vida anterior á revolución e vai plasmando o que sente nun diario destinado ás futuras xeracións, aínda que sabe que iso será considerado un delito de “Pensacrime” e que se o collen será castigado con anos de traballos forzados ou mesmo “vaporizado”, é dicir, desaparecería sendo o seu nome eliminado dos rexistros.

Nese diario deixa constancia do seu odio ao Irmán Grande, que sacrifica todo valor humano co fin de ter o poder absoluto; da lembranza dos seus pais, desaparecidos nas primeiras purgas realizadas nos anos cincuenta polo Partido; do recordo da súa muller, Katharine, que marchara de onda el; da esperanza en que os proles poidan xerar a forza necesaria para destruír o Partido... En fin, Winston toma conciencia de que a súa vida, controlada e marcada pola tristeza e a apatía, non ten sentido.

Na segunda parte da novela, o seu descontento co tipo de vida que leva, impúlsao a rebelarse contra o Partido levando a cabo actos que este considerará delitivos. Así, infrinxe a doutrina do Partido ao namorarse Xulia, tamén membro do Círculo Externo do Partido, posto que o único amor que un membro do partido pode manifestar debe dirixirse ao Irmán Grande. Ademais para evitar a vixilancia do Partido, aluga un cuarto na casa do señor Charrington, que finxe ser un prole, e alí encóntrase con Xulia. Ambos son conscientes de que máis tarde ou máis cedo os prenderán e prometen que nunca se traizoarán, o que non significa que non confesen os seus delitos ao seren torturados, senón que non deixarán de amarse.

Por outra banda, Winston contacta con O’Brien, un membro do Círculo Interno do Partido, do que pensa erroneamente que forma parte da Irmandade. Mesmo el e Xulia chegan a visitar a súa casa e dinlle que queren alistarse nas filas da Irmandade. Posteriormente, Winston recibirá de O’ Brien o libro Teoría e práctica do colectivismo oligárquico, pensando que é da autoría de Goldstein cando en realidade o escribira o propio O’Brien, e do que lerá partes nas que se explica o sentido dos slogans do Partido.

Ao pouco tempo, Winston e Xulia son detidos no cuarto que el alugara, porque ese cuarto era unha trampa da Policía do Pensar da que formaba parte o propio señor Charrington que llo alugara, e ademais O’Brien enganárao, pois non formaba parte do que el cría era a resistencia, senón que era un dos intelectuais do Partido.

Na terceira parte, Winston, preso no Ministerio do Amor, é brutalmente torturado. A súa rehabilitación constará de 3 fases: aprendizaxe, comprensión e aceptación. Será o propio O’Brien quen dirixa de forma cruel a súa rehabilitación co fin de quebrantar a súa vontade e dominar os seus pensamentos. Para iso, explícalle que o último obxectivo do Partido é o poder, e ter poder supón ser superior aos humanos mediante o control sobre o corpo e sobre a mente. Iso conségueo coa tortura física e psicolóxica, de maneira que Winston confesa todo, o seu corpo e a súa mente réndense e obedece ao Partido, pero durante bastante tempo mantén inexpugnable o cerne da súa alma: segue amando a Xulia, polo tanto non a traizoara, e odiando ao Irmán Grande. Ademais toma conciencia de que a liberdade é morrer odiándoos, que non consigan transformar os seus sentimentos. Pero unha nova reviravolta ás formas de tortura, lévao a traizoar a Xulia.

Unha vez conseguido iso, libérano e el acode a miúdo ao Café Castiñeiro, onde adoitaban reunirse antigos líderes do Partido que foran purgados, e é alí, cando ve na telepantalla o enorme rostro do Irmán Grande, onde se produce o cambio final: sente que ama ao Irmán Grande, o que quere dicir que todos os seus principios, considerados heréticos polo Partido, foran superados.

A obra remata cun epílogo sobre a Novafala que, baseada no inglés, era a lingua oficial de Oceanía e concibírase para satisfacer as necesidades ideolóxicas do Socín. Esperábase que se impuxese á vellafala polo 2050, e tiña como característica fundamental a redución de vocabulario co fin de diminuír a capacidade de pensamento para que así fose imposible ter pensamentos heréticos. As palabras da novafala dividíanse en 3 grupos denominados vocabulario A, B e C. O vocabulario A contiña palabras necesarias para a vida cotiá, o B palabras creadas con fin político, e o C termos científicos e técnicos.

Contexto histórico da novela

Bomba voadora alemá V-1
O mundo presentado en 1984
Pirámide social baseada no libro

1984 presenta unha extrapolación de prácticas da Unión Soviética e da Alemaña Nazi, ademais de experiencias de Orwell na guerra civil española (especialmente os sucesos de maio de 1937, que el describe na súa obra Homage to Catalonia).

  • O "IngSoc", a ideoloxía do estado totalitario no que transcorre a novela, é unha corrupción de "English Socialism". Esta ideoloxía está, en principio, aberta a todas as razas, xa que no seu emblema danse a man un home branco e un home negro sobre un "V".
  • O "V" do emblema do IngSoc é unha referencia ao V da Vitoria empregado polos aliados na Segunda Guerra Mundial. Este V utilízase tamén no envase dos Cigarros da Vitoria e da Xenebra da Vitoria.
  • A "reescritura do pasado", traballo de Winston Smith no Ministerio da Verdade, era práctica habitual na URSS, ademais das mentiras habituais incluídas na propaganda de guerra.
  • O Grande Irmán é unha copia, ata nos detalles físicos do personaxe, ao culto á personalidade de Stalin.
  • Emmanuel Goldstein, o Inimigo do Pobo, está inspirado en Lev Trotski, sendo comúns a ambos os personaxes, o real e o creado por Orwell, as seguintes características:
    • Ambos participaron e foron personaxes importantes nas primeiras etapas revolucionarias.
    • A descrición do aspecto físico de Goldstein coincide coa de Trotski.
    • Goldstein e Trotski son apelidos xudeus, ademais de que o verdadeiro apelido de Trotski era Bronstein.
    • A persecución ao trotskismo na URSS inspira os Dous Minutos de Odio na novela.
  • O cambio de alianzas entre as superpotencias é unha caricatura do Pacto Molotov-Ribbentrop, que aliou á URSS coa Alemaña Nazi, e a ruptura deste pacto por sorpresa coa Operación Barbarossa. Os comunistas obedientes a Moscova estiveron obrigados, entre agosto de 1939 e xuño de 1941, a acusar de agresores aos aliados e defender a política exterior nazi, para reverter inmediatamente esta posición a partir da invasión nazi da URSS.
  • Winston Smith é un chiste histórico, xa que Winston, ao escribirse a novela, era unha alusión a Winston Churchill, e Smith é o máis común dos apelidos anglosaxóns.
  • O cuarto 101 é unha referencia ao Despacho 101 que Orwell ocupou mentres traballaba para a BBC durante a Segunda Guerra Mundial.
  • As Bombas voadoras son unha referencia ás V-1 e V-2 alemás.
  • O uniforme negro do partido interior que viste O´Brien débese ao uniforme negro que usaban os membros das SS alemás.
  • O uniforme azul que usan os membros do partido exterior está relacionado co mono que usaban os obreiros para traballar na industria de principios do século XX.

Adaptacións cinematográficas

Realizáronse dous intentos de levar a novela ao cine co mesmo título máis outras adaptacións e inspiracións menores.

Notas

  1. Tradución ao galego de Fernando Moreiras e publicación en 2011 por Faktoría K.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas