Castro Caldelas
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital de | |||||
Capital | O Castro de Caldelas | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.222 (2023) (13,95 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 87,6 km² | ||||
Altitude | 763 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Sara Inés Vega (2019–) | ||||
Eleccións municipais en Castro Caldelas | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32... | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32023 | ||||
Sitio web | turismo.ribeirasacra.org… |
Castro Caldelas (do latín aquas calidas, 'augas cálidas, termais') é un concello da provincia de Ourense, capital da comarca da Terra de Caldelas. Segundo o padrón municipal en 2019 tiña 1.224 habitantes. O seu xentilicio é «caldelao».
Ten 16 parroquias e 86 entidades de poboación, e forma parte da Ribeira Sacra. Está situado no derramo setentrional do gran nó orográfico formado polas serras de San Mamede e Queixa no macizo Central Ourensán.
Demografía
[editar | editar a fonte]Censo total | 1.224 (2019) |
---|---|
Menores de 15 anos | 71 (5.80 %) |
Entre 15 e 64 anos | 660 (53.92 %) |
Maiores de 65 anos | 493 (40.28 %) |
Evolución da poboación de Castro Caldelas Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
5441 | 4934 | 4330 | 3430 | 1833 | 1572 | 1533 | 1486 | 1412 | 1376 | |||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Xeografía
[editar | editar a fonte]Está situado no derramo setentrional do nó orográfico formado polas serras de San Mamede e Queixa, dentro da área denominada Ribeira Sacra. O río Sil constitúe a fronteira natural coa provincia de Lugo mentres o río Edo, afluente do Sil, baña a metade occidental do municipio. O punto máis elevado é o de Pena da Cruz (1289 m).
O terreo caracterízase pola alternancia de bosques de carballos e castiñeiros, sobre todo ó norte. As terras adicadas ó cultivo son escasas, abundando os prados. O chan produtivo representa só unha cuarta parte, grazas ó predominio de pendente e solo rochoso.
Historia
[editar | editar a fonte]Tense constancia arqueolóxica de poboación humana desde a época do megalitismo, debido á existencia de varias mámoas no burgo e na Serra da Mazaira. Desde entón o territorio non deixou de estar ocupado; na idade de bronce unha comunidade gravou varios petróglifos en Veiga de Sas. Da idade de ferro a cultura castrexa deixou os restos da varios poboados: o castro de Paradela, o castriño da Cerca (Serra de Mazaira) e o Outeiro da Torre (San Martiño), todos eles pertencentes á tribo galaica dos tiburos.
A romanización de Galicia iniciouse entre os anos 137 e 19 a.n.e.. Pola zona pasaba a Vía Nova, calzada romana que unía Braga a Astorga, vía XVIII do itinerario de Antonino. Os romanos erixiron varias instalacións para a explotación do ouro. Na aldea de Burgo situaríase a Mansio Praesidium[1] ("Mansión da Fortaleza" en latín) en San Pedro do Burgo, que servía como parada e lugar de aprovisionamento para os viaxeiros. Existen varios restos romanos no arredores: unha placa honorífica ao emperador Nerva no lugar de San Xoán de Camba e outras dúas en honor de Hadriano e Antonio Pío na igrexa de San Pedro do Burgo.
Trala chegada dos suevos no século V (ano 409) e a formación do reino de Galicia, difundiuse o cristianismo por estas terras (a ribeira do Sil énchese de eremitas cristiáns que colonizan os escarpados canóns do Sil. No ano 573 créase o mosteiro de San Pedro de Rocas.
A primeira referencia escrita co nome actual da poboación data da idade media (século IX). Tense constancia da construción de dous mosteiros, o mosteiro de San Xoán de Camba (fundado no 963 por un bispo ourensán, aínda que nas ruínas hai sarcófagos datados no século VII) e o mosteiro de San Paio de Abeleda (1127). A Terra de Caldelas estivo sempre moi vinculada ás veciñas terras de Trives, sendo as dúas pertencentes ó señorío da Casa de Lemos.
Durante o século X a familia Gutier Menéndez dominou as terras de Caldelas grazas ás doazóns dos reis Sancho Ordóñez, Ramiro II e Ossino. No século XII converteuse en vila de reguengo por mor dos foros concedidos en 1172 por Fernando II e en 1228 Alfonso IX, grazas ós cales a vila comeza a vivir un gran esplendor económico e aséntase na zona unha pequena comunidade de xudeus, dos cales ficaron as súas lápidas funerarias.
En 1326 o rei Afonso XI regalouna a Pedro Fernández de Castro, pasando o territorio a pertencer á casa de Lemos. No século XVIII pasaría á casa de Alba. Desta época data o castelo de Castro Caldelas, derrubado durante a gran guerra irmandiña en agosto de 1467, por mor dos grandes abusos ós que eran sometidos os labregos, baixo o mando de Diego de Lemos, logo derrotados pola coalición señorial (a tradición oral di que o mariscal Pero Pardo de Cela estivo atacando na zona ós irmandiños resistentes), polo que os Lemos volveron ao poder, e o señor Rodrigo Enríquez Osorio fixo reconstruír o castelo, mediante a serventía (pola cal os vasalos estaban obrigados a traballar de balde para o señor feudal) e a suba de impostos (pero a veciñanza a través do concello presentou preito contra o conde na Audiencia de Valladolid, resolvéndose o caso en 1534 a favor do pobo).
O dominio da terra de Caldelas pasa no século XVIII da Casa de Lemos á casa de Alba. Moita información histórica perdeuse na guerra da independencia en 1809 o xeneral Marchand incendiou a vila e o seu castelo en represalia dun ataque das guerrillas do lugar.
A situación mudou coa desaparición do antigo réxime e a desamortización eclesiástica, as desvinculacións dos morgados, a desaparición da Monarquía Absolutista e a implantación do Liberalismo.
Festas
[editar | editar a fonte]Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
- Festa dos Fachós ou festa de San Sebastián - 20 de xaneiro.
- Festa dos Remedios - Dende o 6 ó 11 de setembro
Festa dos Remedios
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]«O Santuario da Virxe dos Remedios de Castro Caldelas data de fis do século XV. Tivo outrora moita romaxe e moita esmola. A eirexa actual é de mediados do século XIX, espaciosa e esbelta, con dúas torres, do que chamaban orden toscano. Tén solemne novena, "as novenas", e procesión os días 8 e 9 de setembre». [2]
Dende a noite do 6 de setembro, ata o día 10, sucédense varios festexos. Destacan «A noite das bandeiras» e o «Irrio peliqueiro».
Noite das bandeiriñas
[editar | editar a fonte]O día 6 de setembro, mozos e non tan mozos, que voluntariamente prestan a súa colaboración na organización das festas e foron realizando os preparativos en días anteriores, reúnense. Ao dar as doce, comezan a colocar as bandeiras.
Dende as casas, os veciños obsequian os traballadores con licor café e outras bebidas. Ao acabar consómese a empanada ao tempo que as primeiras bombas anuncian a alborada do primeiro día de festa.
As bandeiras adoitan ser de moitas cores. Cómpranse de forma rectangular e despois córtanse para lograr dúas de cada peza: unha bandeira é unha bandulina. A cola que se emprega é a mestura de auga e fariña.
Na preparación esténdese oito filas de cordeis e, a continuación, vanse colocando as bandeiras de modo que se alternen as cores. Esta tarefa lévana a cabo os mozos, dirixidos por un experto. En equipo, un encárgase de poñer o engrudo, outros trasladan as bandeiras ata os cordeis e uns terceiros dedícanse a colocalas. Ao terminar cada un dos cordeis enrólase coidadosamente nunha especie de cruz de madeira, á espera da noite da instalación.
O Irrio peliqueiro
[editar | editar a fonte]«Non hai moitos anos, había na procesión unha fermosa danza de arcos, con música da carballesa e pantasmas, e, ademáis, un mascarón que aínda sai, o Irrio, con carauta de pau pintado e vestido de fraque con vivos marelos, o cual corre ós rapaces cunha pelica atada a un pau, do que lle vén o chamárenlle "Irrio Peliqueiro"».[2]
“O nome de írrio ten relación cos guirrios asturiáns e esta máscara ven ser no meu conceito como os cigarrós, felos, choqueiros, charrúas, etc., supervivenza das mascaradas prehistóricas, conservadas no demo das representacións ecresiásticas da Edade Meia, do que sen dúbida provén dereitamente o írrio caldelau.”[3]
“Pol-os Remedios, antes faguían unha bunita danza de arcos, unha comparsa de oito mozos vestidos de branco adornados de fitas e panos de seda de cores. Agora hai moitos anos que non a fan: pra ve-la danza de arcos compre agora ir a Santa Tecla, na Ribeira, á festa da Luz. Tamén había unhas amazonas ou xigantóns que alí chamaban pantasmas, e algún tempo houbo tamén cabezudos. Un vicario modernista mandounos desfaguer. Hoxe non queda daquelo máis que o írrio, máscara que vai dediante da procesión, c’unha carantoña de pau, e un vestido antre payaso e incroyable; viste fraque e pantalón de colorís, con grandes botóns e leva unha pelica de ovella atada a un pau e co-ela corre ôs rapaces que lle berran: Írrio! Írrio piliqueiro!”[3]
O Irrio encarna toda a tradición destas festas e é o elemento máis característico do folclore de Caldelas. Porta máscara barbada de madeira e vai vestido de frac, no que resaltan os grandes botóns, e provisto dunha pelica ou pel de ovella, coa que persegue e golpea o público. Sae na procesión, rodeado de gaiteiros, e é moi respectado. Dispón dos seus propios foros.[Cómpre referencia].
González Montañés, no seu artigo “Mascaras gigantes y cabezudos en el Corpus gallego”, sinala que o Irrio peliqueiro goza dos mesmos privilexios de inmunidade física e dereito de exacción aos tendeiros dos que disfrutan os Peliqueiros do Entroido, cos que coincide nos castigos físicos que inflixe ao público, que non pode defenderse de obra, aínda que si de palabra.[4]
Uns pensan que representa a nobreza ou, cando menos, os seus administradores ou apoderados.[Cómpre referencia] Outros veno como un defensor do pobo fronte aos comerciantes e acomodados.[Cómpre referencia] Tamén se afirma que non pode simbolizar máis que o demo.[Cómpre referencia].
Olegario Sotelo Blanco[5] está de acordo con Vicente Risco en que a súa raíz ha estar nas mascaradas dos tempos prehistóricos, prácticas que enraizaron e subsisten na cultura popular. Na Idade Media, a Igrexa, ao non poder impedir a celebración destas mascaradas, integrounas nos seus rituais.
As Pantasmas mencionadas por Risco[2] eran outro tipo de máscaras danzantes.[5] Conta tamén Risco que o que caracterizaba ás pantasmas era as mans, que viñan ser como luvas recheas de serraduras suxeitas ás propias mans do portador, o que facían que se balanceasen de modo autónomo nos xiros de baile.[Cómpre referencia] Na actualidade saen os xigantes e cabezudos.
A danza de arcos realizábana grupos de oitos mozos ricamente vestidos. Na actualidade é necesario acudir á festa da Luz, en Santa Tegra de Abeleda, para contemplar este tipo de danza. O etnógrafo verinense Xesús Taboada Chivite menciona a danza de Santa Tegra e outras danzas de arcos galegas no seu ensaio Etnografía galega: «A Danza de arcos en Santa Tecla de Abeleda (Castro Caldelas); danzas rítmicas arredor da imaxe como a de Guín (Bande); danza e contradanza de Darbo, de mozos e mozas que realizan belidas figuras coreográficas. Danzas dos pelengrinos, de Hío; de Aldán; de Fiada, etc.»[6]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]"Había no Castelo do Castro un poderoso conde que tiña tres fillas moi fermosas, todas tres no tempo de casar.
Mais outro Conde tamén rico e nobre, mandoulle embaixada pra lle pedi-la mau de unha das fillas. O do Castro recibeu ôs emisarios, e cando lle espuxeron a pretensión que traguían, perguntou:
-Cál de elas?
E de ahí veu qu'a xente lle emprincipiou a chamar Caldelas a aquela terra".[3]
Vicente Risco recolleu a crenza de que, na parroquia de San Pedro de Alais e pola parte de Maceda, gardan o pan que se coce o día de San Bertomeu (24 de agosto). Este pan, que non podrece nunca, utilízase para apagar os lumes, botando neles un anaco del.[7]
Heráldica
[editar | editar a fonte]Castro Caldelas ten escudo e bandeira de seu. A nova versión, e oficial, do escudo e da bandeira foron aprobados en 2011 no pleno do concello e referendados pola súa publicación pola Xunta de Galicia en xaneiro de 2012.
A bandeira ten tres franxas verticais; "a do batente e hasta de azul, perfiladas de branco ao centro; e a terceira, do dobre de largo, de vermello cun castelo de amarelo, aberto, coa porta superada por un escudo de branco cargado de seis roeis de azul, sobre chamas de vermello perfiladas de amarelo". O castelo representa o castelo de Castro Caldelas e o señorío que sobre ela exerceron os señores de Lemos. As labaradas lembran que en 1810 o xeneral francés Loison lle prendeu lume á vila. A bordura de azul alude á tradicional devoción mariana de Nosa Señora dos Remedios.[8]
Deporte
[editar | editar a fonte]Ten un equipo de fútbol no Grupo 3 da Terceira Autonómica de Galicia, o CD Caldelao.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Castro Caldelas.
-
Castro Caldelas dende o castelo.
-
Vista desde Santa Tecla do Mosteiro de San Paio de Abeleda.
-
Fachón da festa dos Fachós.
-
Vista das vides en socalcos en Castro Caldelas.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Castro Caldelas
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Castro Caldelas vexa: Lugares de Castro Caldelas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rodríguez Colmenero, Antonio: "Mansiones y mutationes en la Vía Nova" en Cuadernos de Arqueología Serie II 12-13 1995 pp.89-112
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Otero Pedrayo, Ramón (1979). Historia de Galiza (sección "Etnografía. Cultura espritual", a cargo de Vicente Risco) I. AKAL. p. 401. ISBN 8473394283.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Risco, Vicente (1924). O Castro de Caldelas : monografía xeográfica i-etnográfica d´unha vila da nosa terra. (Separata dos arquivos do Seminario de Estudos Galegos). Lar. p. 28.
- ↑ González Montañés, Julio I. (2007). "“Máscaras, gigantes y cabezudos en el Corpus gallego”". Revista del Círculo Internacional de Amigos de los Gigantes, Vallgorguina (Barcelona), año 5, nº 15 5 (15): 4–9.
- ↑ 5,0 5,1 Blanco Sotelo, Olegario (1989). Castro Caldelas e a súa comarca. SB edicions.
- ↑ Taboada Chivite, Xesús (1972). Etnografía galega. Cultura espritual. Vigo: Galaxia. p. 159.
- ↑ Vicente Risco 162, 368.
- ↑ Decreto 242/2011, do 15 de decembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Castro Caldelas, Diario Oficial de Galicia, 2/1/2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castro Caldelas |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Risco, Vicente: "Etnografía. Cultura espritual", en Historia de Galiza, tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Foro do Burgo de Castro Caldelas - Primeiro documento en galego (1228)
- Festa dos Fachós
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte] Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |