Chakra GNU/Linux
Chakra | |
---|---|
Desenvolvedor | Equipo de desenvolvemento de Chakra |
Familia de S.O. | GNU/Linux |
En galego | Si |
Modelo de desenvolvemento | Software libre |
Núcleo | Linux |
Tipo de núcleo | Monolítico |
Licenza | GPL |
Última versión estable | Desenvolvemento sobre a marcha Imaxes de instalación regulares: 2017.03-Goedel[1] |
Estado actual | En desenvolvemento |
Sitio web | chakra-project.org |
Chakra (tamén denominado “Chakra GNU/Linux” ou “Chakra Linux”) é unha distribución de GNU/Linux pensada para ofrecer aos seus usuarios a mellor experiencia posible co software de KDE e Qt. Baseada en Arch Linux e fiel aos seus principios básicos, segue un modelo de “lanzamentos sobre a marcha” pero procurando non ocasionar problemas á KDE SC.
O proxecto Chakra desenvolve software libre, pero de cara a mellorar a experiencia dos usuarios inclúe software privativo para os casos nos que non se dispón dunha alternativa libre. Porén, durante a propia instalación do sistema o usuario pode elixir se quere ou non utilizar as solucións privativas.
Historia
[editar | editar a fonte]Orixe
[editar | editar a fonte]En xuño do ano 2006, os que máis adiante serían os desenvolvedores de Chakra crearan uns repositorios alternativos para o software de KDE utilizado en Arch Linux, “KDEmod”. Os motivos de crear estes repositorios foron varios, entre eles que por aquel entón Arch Linux distribuía os aplicativos de KDE en grupos de moitos aplicativos (o que supuña a instalación de moito software que o usuario non quería), ou o feito de que pola propia natureza simplista de Arch non se aceptaban moitos dos parches fornecidos para solucionar erros “de fábrica” destes paquetes. Ademais de individualizar os paquetes e corrixir erros, os desenvolvedores realizaron pequenas melloras e optimizacións sobre os paquetes, motivo polo cal KDEmod conta con usuarios aínda a día de hoxe, a pesar de que o seu desenvolvemento podería verse interrompido nun futuro próximo.
Posteriormente, os desenvolvedores de KDEmod propuxéronse crear un medio de instalación de Arch Linux con KDEmod, cun instalador fácil de usar ─en contraposición ao instalador de Arch Linux─. Como resultado desta decisións crearon unha serie de ferramentas para completar o sistema instalado: Arxin, Chase, Shaman e Tribe. E nun tempo o proxecto converteuse nunha realidade.
Debido entre outras cousas aos problemas que se ocasionaban continuamente en KDEmod por falta de coordinación cos desenvolvedores de Arch Linux ─ás veces actualizacións neste último facían inservibles todos os paquetes do repositorio de KDEmod─, a idea de independizarse de Arch Linux e desenvolver unha distribución propia comezou a xurdir entre as fileiras de desenvolvedores. A idea de realizar a súa distribucións de soñada, sen os límites que Arch Linux lles supuña. Tras o anuncio por chat deste cambio no desenvolvemento, a comunidade dividiuse entre os que preferían quedar en Arch Linux e os que optaban pola nova distribución.
Nestes momentos coexisten KDEmod e Chakra GNU/Linux, se ven o desenvolvemento está centrado nesta última, e o mantemento de KDEmod só permanece grazas á comunidade de Chakra.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O equipo de desenvolvemento de Chakra é bastante pequeno, pero moi activo. Ademais das tarefas de publicación de novas versións de paquetes, novas imaxes de medios de instalación e noticias relativas ao proxecto, resolución de problemas dos usuarios nos foros e actualización e tradución da documentación do wiki, os desenvolvedores traballan en ferramentas para utilizar na distribución.
Características
[editar | editar a fonte]Características salientables
[editar | editar a fonte]A característica que máis salienta do sistema é o seu modelo de “lanzamentos sobre a marcha a medias”. Ao igual que en Arch Linux, en Chakra as novas versións dos paquetes engádense aos repositorios en canto os seus desenvolvedores as poñen a disposición pública, sobre a marcha, sen establecer períodos de conxelación como adoita facerse noutras distribucións. Porén, a diferenza de Arch, en Chakra este sistema só se emprega co “software superficial”, é dicir, o núcleo do sistema mantense en principio conxelado. Isto evita problemas con outros paquetes, e non impide que o software «que o usuario ve» estea sempre actualizado. As actualizacións do núcleo só se efectúan cando hai novos lanzamentos da compilación de software de KDE.
A paixón que a distribución demostra polo software de KDE e Qt chega ata o punto de que os seus son os únicos aplicativos gráficos que contén nos repositorios. Outros aplicativos, como os baseados nas bibliotecas GTK+ (como poden ser o Gimp ou o Firefox), xestiónanse a través dun sistema de bundles similar no concepto ao que usan outros sistemas como Mac OS X, pero máis complexo e eficiente. O sistema non contempla ficheiros executables con software completamente illado, senón que permite combinar os bundles con dependencias presentes no sistema. Asemade permite gardar os ficheiros de configuración no propio bundle de cada aplicativo. Iso si, este sistema aínda está sendo desenvolvido, e se ben xa demostra ser funcional (xa pode usarse), pode estar suxeito a cambios drásticos nun futuro próximo.
Chakra salienta tamén pola preocupación dos seus desenvolvedores polos aspectos gráficos. A distribución conta cun paquete de iconas ampliado, iconas de seu, así como temas visuais de arrinque, fondos de pantalla, decoracións de xanelas, entre outros. Pero estes engadidos non substitúen aos orixinais distribuídos coa compilación de software de KDE senón que os complementan.
Deseño e principios
[editar | editar a fonte]Chakra baséase principalmente no uso de paquetes binarios. Estes paquetes están compilados para microprocesadores de arquitecturas i686
e x86 64
. Ademais conta cun sistema de compilación de código automatizado, coñecido coma Chakra BuildSystem («Sistema de compilación de Chakra»).
Conta tamén cun sistema para a creación de bundles, tanto un gráfico coma un máis completo en modo texto. Estes, como parte do sistema de xestión de bundles, están tamén suxeitos a cambios drásticos.
Infraestrutura de arranque
[editar | editar a fonte]Chakra utiliza unha infraestrutura de arranque similar á de BSD, que sacrifica a flexibilidade en prol da simplicidade. Tamén inclúe e permite o uso de niveis de execución System V e do ficheiro inittab
, pero existe certa diferenciación entre os niveis de execución. Isto é porque os módulos e daemons cargados no arranque organízanse sen complicacións coma unha lista no ficheiro central de configuración, /etc/rc.conf
, en contraposición ao sistema System V de ter un directorio para cada nivel de execución cunha serie de ligazóns simbólicas a cada daemon. Tamén existe a opción de iniciar os procesos de maneira asíncrona, funcionalidade coa que non contaban nin o init
orixinal de BSD nin o de System V.
Instalación
[editar | editar a fonte]No sitio web de Chakra GNU/Linux hai dispoñibles imaxes de medios de instalación (CD, DVD ou USB) tanto para a vella combinación de Arch Linux con KDEmod (edicións normal, “Panora”, e mini, “Micro”) como para a propia distribución do proxecto (nas súas edicións estable, “Jaz”, e de probas, “Ashoc”).
A instalación realízase mediante o instalador gráfico de Chakra, Tribe.
Xestión de paquetes
[editar | editar a fonte]A xestión de paquetes realízase principalmente por medio do xestor de paquetes Pacman, que xestiona a instalación, actualización, restauración de versións anteriores e borrado de paquete, ademais de contar cunha resolución automática de dependencias. Os paquetes de Chakra obtéñense da árbore de paquetes de Chakra e están optimizados ben para as arquitecturas i686
ben para as x86_64
. Asemade, dada a proximidade dos desenvolvedores de Chakra aos de KDE (todos forman parte da comunidade) mesmo aplican parches propios aos paquetes que logo envían aos desenvolvedores orixinais. O sistema baséase principalmente en paquetes binarios no formato tar.xz, e bundles non oficiais (aínda que desenvolvidos moitos polos desenvolvedores oficiais) en formato .cb, un formato específico e desenvolvido por Chakra.
Existe tamén unha aplicación gráfica para a xestión de paquetes, “CInstall”, que se utiliza principalmente para probar o sistema de bundles ata que este estea completo e poida integrarse en “Akabei”.
Repositorios
[editar | editar a fonte]Actualmente existen os seguintes repositorios oficiais na edición estable (Phoix) de Chakra:
[core]
, que contén todos os paquetes necesarios para ter un sistema básico, e sobre os que se compilan[platform]
e[desktop]
,[platform]
, que contén paquetes necesarios para o funcionamento dos aplicativos de[desktop]
e[apps]
,[desktop]
, que contén a compilación de software de KDE.[apps]
, que contén outras aplicacións de KDE ou Qt.[apps-unstable]
, que contén programas que ficarían ben en[apps]
pero que non dispoñen dunha versión estable ─ou esta está moi anticuada─.
Ferramentas
[editar | editar a fonte]Chakra conta con algunhas ferramentas desenvolvidas especificamente para a distribución.
Akabei
[editar | editar a fonte]Akabei é un xestor de paquetes candidato a substituír a Pacman en Chakra, se ben aínda está nas súas primeiras fases de desenvolvemento.
Chakra BuildEnv
[editar | editar a fonte]Chakra BuildEnv («Ambiente de compilación de Chakra») é o sistema para a creación de imaxes para medios de instalación de Chakra. Consiste basicamente nun envoltorio ao redor dunha versión modificada das funcións máis básicas de Larch.
CInstall
[editar | editar a fonte]CInstall é un xestor de paquetes minimalista desenvolvido inicialmente para poñer a proba o sistema xe xestión de bundles, que aínda está en desenvolvemento (con novas versións varias veces por semana). Nestes momentos permite realizar por modo gráfico as tarefas básicas de Pacman, así como outras relativas aos bundles, e en modo texto permite xestionar completamente os bundles.
Non está moi claro se no futuro Akabei substituirá a esta ferramenta, se ambas convivirán ou se o desenvolvemento de Akabei se deterá en favor de CInstall.
Shaman
[editar | editar a fonte]- Véxase o artigo principal «Shaman».
Tribe
[editar | editar a fonte]Tribe é o instalador do medio de instalación de Chakra, baseado en Qt4 e escrito orixinalmente para a instalación de Arch Linux (con KDEmod). Trátase dun cómodo instalador gráfico que axiliza moito o proceso de instalación, á vez que salienta polo seu atractivo gráfico que caracteriza á distribución. A sinxeleza de uso do instalador é o motivo polo que mesmo usuarios que non utilizan KDEmod instalan Arch Linux a través do instalador de Arch Linux con KDEmod e logo borran os repositorios de KDEmod.
Entre as súas funcionalidades salientan:
- A capacidade para actualizarse automaticamente a si mesmo á súa última versión antes de iniciar a instalación.
- Particionador gráfico integrado, se ben o seu funcionamento non é o que cabe agardar[2].
- Permite escoller a rexión do globo terráqueo en que se vive para calcular a configuración rexional máis atinada.
- É moi agradable á vista.
Ferramentas anteriores
[editar | editar a fonte]Arxin era unha ferramenta para a configuración gráfica de Arch Linux na época de KDEmod, pero deixou de desenvolverse cando se comezou o desenvolvemento de Chakra GNU/Linux. Orixinalmente permitía modificar a configuración rexional e a configuración do hardware.
Chase era un xestor de actualización de software para avisar ao usuario da dispoñibilidade destas e permitirlle iniciar as actualizacións de maneira sinxela en KDEmod. O seu desenvolvemento detívose como consecuencia do inicio do desenvolvemento de Chakra GNU/Linux.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Chakra 2017.03 "Goedel" released". Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2017. Consultado o 2 de maio de 2017.
- ↑ Ocasiona problemas en situacións bastante comúns. Está pendente de perfeccionarse.